Ángel Grela López, chamado Cabuxa branca, nado na Ponte (Padrón) o 6 de xuño de 1937 e finado en Santiago de Compostela o 24 de xullo de 2016, foi un boxeador galego.
Traxectoria A súa afección polo boxeo comezou en Santa Cruz de Tenerife (Canarias), a onde chegou estando embarcado. Empezou a adestrar na sala Iberia dirixido polo preparador Jorge dos Santos, onde disputou os seus primeiros combates. Trasladouse a Madrid por mediación de Vicente Gil García, presidente da Federación Española de Boxeo e mais da European Boxing Union, onde iniciou a súa carreira como boxeador profesional.
En 1965 converteuse en campión de España de peso cruceiro tras derrotar por K.O. no noveno asalto a José Luis Velasco no Pazo de Deportes da Comunidade de Madrid, quen defendía o título. Meses despois, perdeu contra o mesmo adversario e no mesmo escenario o título por K.O. técnico en catro asaltos.
Retirouse do boxeo en 1970 ós 33 anos. Tralo seu declive deportivo comezou a sufrir problemas económicos e persoais, e desempeñou distintos oficios. Pasou os dous últimos anos da súa vida nunha residencia xeriátrica en Santiago de Compostela, cobrando unha pensión social. Faleceu no ano 2016, tras unha longa enfermidade. Non houbo velorio nin funeral, a Fundación Pública Galega para a Tutela de Persoas Adultas (FUNGA) fíxose cargo da súa incineración.
Filmografía Manuel Summers ofreceulle un papel na película documental dedicada a José Manuel Urtain, Urtain, el rey de la selva... o así (1969).
Vida persoal Estivo casado e divorciouse. Non tivo fillos. Mantivo unha relación de amizade con Xosé Luís Alvite, escritor e xornalista, a quen lle pediu que escribise a súa biografía, mais nunca chegou a levarse a cabo.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Artigos Xosé Luís Alvite, xornalista e escritor, publicou ó longo dos anos unha serie de artigos de opinión sobre a súa figura en diferentes xornais para os que traballou:
Ligazóns externas
Persoeiros de Padrón en Terras de Iria.
Categoría:Nados en Padrón Categoría:Nados en 1937 Categoría:Finados en 2016 Categoría:Boxeadores de peso semipesado Categoría:Boxeadores de Galicia Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes