miniatura|Tres persoas con trisomía X, unha nena pequena, unha preadolescente (ambas con lixeiras características dismórficas, como ter ollos moi separados) e unha muller nova totalmente normal. A trisomía X, tamén coñecida como síndrome triplo X, síndrome XXX, e caracterizada por presentar un cariotipo 47,XXX, é un trastorno cromosómico aneuploide humano no cal unha muller ten unha copia extra do cromosoma X. Isto crea un cariotipo XXX con 47 cromosomas en vez do XX normal de 46 cromosomas. É relativamente común e ocorre nunha de cada 1.000 mulleres, pero raramente chega a ser diagnosticada; menos do 10 % das persoas con esta condición saben que a teñen.

Os síntomas que ás veces aparecen son leves. Os que teñen síntomas presentan discapacidades de aprendizaxe, leves características dismórficas, como hipertelorismo (ollos moi separdos) e clinodactilia (dedos maimiños curvados), menopausa temperán, e un incremento de estatura. Como os síntomas da trisomía X non adoitan ser graves dabondo como para motivar que se faga un test de cariotipo, moitos casos desta trisomía son diagnosticados antes do nacemento en tests de cribado prenatal como a amniocentese. A maioría das mulleres con trisomía X viven vidas normais, aínda que se comprobou que o seu status socioeconómico é máis reducido que o da poboación xeral.

A trisomía X orixínase por un proceso chamado non-disxunción, no cal a división celular normal queda interrompida e dá luga a gametos con exceso ou defecto de cromosomas. A non-disxunción ocorre ao chou e a maioría das rapazas e mulleres con trisomía X non teñen unha historia familiar de aneuploidía cromosómica. Ter as nais fillos a idade avanzada está feblemente asociado coa trisomía X. As mulleres con trisomía X poden ter fillos, os cales na maioría dos casos non teñen un risco maior de presentar trastornos cromosómicos; as mulleres con trisomía X en mosaico, que teñen no seu corpo unha mestura de células 46,XX (o cariotipo feminino típico) e 47,XXX (aneuploides), si poden presentar un maior risco de ter fillos con anormalidades cromosómicas.

Esta condición foi descuberta en 1959 pola xenetista Patricia Jacobs, e entendeuse inicialmente como unha discapacidade debilitante observada en mulleres internadas en institucións. Desde a década de 1960 os estudos das persoas con aneuploidías nos cromosomas sexuais desde o necemento á idade adulta atoparon que o máis común é que só se vexan afectadas lixeiramente, encaixando coa poboación xeral, e que moitas nunca precisarán atención clínica por ter esta condición.

Presentación

A trisomía X ten efectos variables, que van desde non ter síntomas en absoluto a unha discapacidade significativa, pero en xeral son leves. A gravidade varía entre as persoas diagnosticadas prenatalmente e posnatalmente, e os casos posnatais son máis graves como media. Entre os síntomas asociados coa trisomía X están: estatura alta, leve atraso no desenvolvemento, anomalías físicas ou esqueléticas sutís, aumento da taxa de doenzas mentais, e ter a menopausa a unha idade máis temperá do habitual.

Efectos fisiolóxicos

Os efectos físicos e fisiolóxicos da trisomía X adoitan ser sutís. A estatura alta é unha das principais asociacións físicas da trisomía X. Antes dos catro anos, a maioría das nenas con trisomía X teñen a estatura media normal; o crecemento acelérase a partir desa idade, e é especialmente rápido entre os catro e oito anos. Entre as rapazas con trisomía X entre os 6 e 13 anos, o 40 % están por riba do percentil 90º de altura. A altura adicional na trisomía X afecta principalmente aos membros, xa que teñen pernas longas, pero unha altura medida sentadas máis baixa. Aínda que a circunferencia da cabeza está xeralmente por debaixo do percentil 50º, a microcefalia (circunferencia da cabeza por debaixo do percentil 5º) é rara.

Tamén asociadas coa trisomía X anomalías menores esqueléticas e craniofaciais. Obsérvanse dismorfismos sutís nalgunhas femias con trisomía X, como o hipertelorismo (ter os ollos moi separados), epicantos (un pregamento adicional da pel nos cantos mediais dos ollos como os dos chineses e outros orientais), e fisuras palpebrais inclinadas cara a arriba (as aperturas entre as pálpebras). Estas diferenzas son xeralmente pequenas e non afectan as vidas diarias das rapazas e mulleres con esta condición. Outras anomalías esqueléticas asociadas coa trisomía X son: clinodactilia (dedos maimiños curvados), sinostose radioulnar (fusión dos ósos longos do antebrazo, cúbito e radio), pés planos, e articulacións hiperextensibles. Estas características non son exclusivas da trisomía X, senón que se dan na maioría dos trastornos aneuploides dos cromosomas sexuais.

As doenzas internas graves son raras nesta trisomía. As condicións xenitourinarias son máis comúns que na poboación xeral, especialmente malformacións de riles e ovarios. A doenza autoinmune lupus eritematoso sistémico é máis común en mulleres que en homes nun factor de 9 e o este risco está máis exacerbado na trisomía X nun factor de aproximadamente 2,5. Segundo un estudo sobre a síndrome de Sjögren, esta é tamén máis común en casos de trisomía X que na poboación xeral. Condicións como a apnea do sono, asma, escoliose e displasia de cadeira foron ligadas tamén a aneuploidías dos cromosomas sexuais en xeral, incluíndo a trisomía X. Aínda que os defectos cardíacos son comúns na pentasomía X, non son máis frecuentes na trisomía X que na poboación xeral.

A puberdade empeza aproximadamente na idade esperada e progresa como é normal. Os niveis medios de hormona antimülleriana son máis baixos correspondendo cunha menor reserva ovárica, a menopausa empeza cinco anos antes como media e hai un maior risco de insuficiencia ovárica prematura. Entre as mulleres con insuficiencia ovárica prematura a trisomía X está sobrerrepresentada nun factor de 5 e aqueles que teñen á vez trisomía e unha doenza autoinmune teñen un risco alto extra. A taxa de abortos naturais é a normal e a fertilidade non se ve afectada ou é algo inferior ao que se espera. Raramente é necesario recorrer á fecundación in vitro (FIV) e intervencións similares.

Efectos no neurodesenvolvemento

miniatura|upright=1.2|Curva de CI (cociente intelectual ou IQ) para a curva da trisomía X comparada cos controis. O funcionamento cognitivo xeral está reducido na trisomía X, cun cociente intelectual (CI ou IQ) de 85-90. O CI de rendemento tende a ser maior que o CI verbal. Aínda que a discapacidade intelectual é rara, é máis prevalente que na poboación xeral, e ocorre en aproximadamente o 5-10 % das femias con trisomía X comparado con aproximadamente o 1 % da poboación xeral. Aínda que a media de intelixencia está diminuída, o efecto da trisomía X varía substancialmente, e algunhas destas mulleres son moi intelixentes.

Os fitos das etapas da infancia son normais ou están lixeiramente atrasados. O atraso no comezo da fala é máis común que os atrasos na función motora temperá. Necesitan terapia da fala o 40-90 % das nenas con trisomía X nalgún momento das súas vidas. Máis do 75 % experimentan discapacidades de aprendizaxe, frecuentemente relacionadas coas habilidades de escritura, pero as habilidades de linguaxe expresiva adoitan estar máis afectadas que as habilidades receptivas. A habilidade visuespacial pode tamén estar diminuída.

As neuroimaxes obtidas en casos de trisomía X demostran a diminución do volme cerebral total, correlacionada co funcionamento intelectual global, aínda que o grosor cortical non está afectado. Estes descubrimentos son comúns ás síndromes de polisomía do cromosoma X, como a síndrome de Klinefelter. A epilepsia ou anormalidades no electroencefalograma poden ser máis comúns en persoas con trisomía X, especialmente nos que teñen discapacidades intelectuais. A epilepsia nas aneuploidías dos cromosomas sexuais é suave, doada de tratar, e a miúdo atenúase ou desaparece co tempo. Informouse de tremores en aproximadamente unha cuarta parte das mulleres con trisomía X, que responden aos mesmos tratamentos que na poboación xeral.

A disfunción executiva, na que as persoas teñen dificultade para regular as súas accións e emocións, é máis frecuente entre os que teñen trisomía X que na poboación xeral. Os trastornos do espectro autista son máis comúns nesta trisomía, e aproximadamente o 15 % das nenas con trisomía X teñen síntomas significativos indicativos de ditos trastornos, comparadas con menos do 1 % das nenas na poboación xeral. O risco de TDAH está tamén incrementado e ata o 50 % das que teñen trisomía X están afectadas.

Efectos psicolóxicos

A alteración da regulación social é máis común na trisomía X, e é en parte dependente da disregulación emocional, pero tamén dependente de factores ambientais. As rapazas que crecen en ambientes estables con vidas familiares sas tenden a ter un funcionamento adaptativo e social relativamente alto, mentres que os problemas de comportamento e psicolóxicos significativos danse predominantemente nos que teñen ambientes sociais problemáticos. Aínda que as nenas con trisomía X xeralmente teñen boas relacións cos seus iguais, teñen tendencia á inmadureza; algúns problemas de comportamento en nenas con trisomía X pénsase que son consecuencia da desconexión entre a idade aparente, entendida polo aumento de altura, e a madureza cognitiva e emocional que favorece ter expectativas difíciles de conseguir. As nenas cuxas habilidades motoras e de linguaxe están máis gravemente afectadas pola trisomía X a miúdo experimentan unha baixa confianza e autoestima. Estas características varían en gravidade; aínda que algunhas mulleres con trisomía X están significativamente alteradas, moitas están dentro do intervalo normal de desviación, e algunhas presentan funcionamentos e logros altos.

Algúns problemas de saúde mental son máis frecuentes en mulleres con trisomía X. A distimia e a ciclotimia, formas suaves de depresión e de trastorno bipolar, respectivamente, son máis comúns que na poboación xeral. As mulleres con trisomía X teñen unha media de esquizotipia máis alta, con niveis de introversión máis altos, pensamento máxico e impulsividade. Arredor do 30 % están afectadas por problemas de pensamento e o 13 % foron diagnosticados con trastornos psicóticos ou bipolares. As mulleres esquizofrénicas é máis probable que teñan trisomía X que a poboación feminina xeral. A prevalencia da trisomía X en mulleres con esquizofrenia de comezo na idade adulta estímase en arredor dunha de cada 400, compardo cunha de cada 1.000 no total das mulleres; a prevalencia da esquizofrenia de comezo na infancia non está clara, pero pode ser dunha de cada 40. Unha de cada cinco mulleres con trisomía X ten niveis clinicamente significativos de ansiedade. As estimacións da prevalencia de depresión clínica varían entre o 18 e o 54 %. As mulleres con trisomía X adoitan ser nestas cuestións "de desenvolvemento tardío", e experimentan altas taxas de angustia psicolóxica a inicio da adultez, pero aos trinta e tantos anos de idade teñen lazos interpersoais máis fortes e relacións sas. O estudo da saúde mental na trisomía X é complicado porque as nenas e mulleres que foron diagnosticadas antes do nacemento parecen ser afectadas de xeito máis suave que as diagnosticadas despois. Por exemplo, informouse de dores de estómago psicoxénicas nun número desproporcionado de pacientes diagnosticadas posnatalmente, pero son menos nas diagnosticadas prenatalmente.

Formas en mosaico