Juan Guillermo Long Barker, coñecido como Juan Long, nado en Asturias na segunda metade do século XIX e finado na Coruña o 18 de xaneiro de 1954, foi un futbolista, ciclista e remeiro galego, considerado o primeiro gran deportista coruñés da historia. En 1894 disputou o primeiro partido de fútbol do que se ten constancia na Coruña e en 1897 proclamouse como primeiro campión galego de ciclismo. Competiu como remeiro da Sala Calvet e foi un dos fundadores do Deportivo da Coruña, exercendo como capitán da sección de fútbol entre 1907 e 1909.

Traxectoria Naceu en Asturias, no seo dunha familia con orixes na área de Liverpool, en Inglaterra, e con un ano de idade instalouse na Coruña, onde seu pai, o industrial Harry Percy Long, rexentaba negocios de abastecemento de barcos. Tras pasar un tempo en Inglaterra, regresou á Coruña cun balón de fútbol, sendo este un dos primeiros da cidade. Membro do Sporting Club, en 1894 disputou o primeiro partido de fútbol do que se ten constancia na Coruña, o que enfrontou no Corralón da Gaiteira ao Sporting Club con membros do British Lawn Tennis Club. Membro do Club Velocipedista da Coruña, o 26 de setembro de 1897 coroouse como campión galego de ciclismo, tras vencer no velódromo da Coruña.

Alumno da Sala Calvet, nas festas de María Pita de 1904 foi un dos remeiros que participou na Copa de Honra da Liga Marítima coa traiñeira do ximnasio patroneada por Federico Fernández-Amor Calvet. En maio de 1906 foi un dos 19 fundadores do Club Náutico da Sala Calvet, sendo elixido vicepresidente, e con ese equipo gañou en agosto dese ano a Copa da Liga de Amigos da Coruña por diante do Sporting Club e en setembro a regata das festas de Amboage en Ferrol.

O 8 de decembro de 1906 xogou o histórico primeiro partido do Deportivo da Coruña, contra o Real Club Coruña, formando na defensa xunto a Venancio Deus. O 9 de xaneiro de 1907 participou na fundación oficial do club, que adoptou o nome de Club Deportivo da Sala Calvet, e foi elixido capitán da sección de fútbol. Capitaneou o equipo durante dous anos e medio, nos que disputou entre outros o Campionato de Galicia e Asturias ou a Copa Gabino Bugallal, e estaba considerado un dos defensas máis duros da cidade, xunto a Silvestre Rodilla, do Coruña. O seu último partido co Deportivo disputouno no antigo campo de Riazor o 10 de agosto de 1909, un empate a dous goles contra o Fortuna de Vigo na Copa Compostelá.

En maio de 1910 fichou polo máximo rival do Deportivo, o Real Club Coruña, e en setembro pasou a ocupar un cargo de vocal na xunta directiva presidida por Laureano Martínez Brañas. Xogou no club ata 1912, actuando en ocasións tamén como árbitro en diferentes partidos.

Fóra do fútbol traballou como comerciante e presidiu durante anos a sociedade Cafés y Bars S.A., creada por varios hostaleiros da Coruña para distribuír as súas bebidas.

Vida persoal miniatura|Juan Long xunto a Waldo Gil, Eduardo Minchin e José Ramón Curbera na saída dunha carreira organizada polo Club Velocipedista en 1897. Casou con Ida Brandstetter, coa que tivo dous fillos: Ida Margarita e Juan Guillermo. Faleceu na Coruña o 18 de xaneiro de 1954.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Nados en Asturias Categoría:Nados en ano descoñecido Categoría:Finados en 1954 Categoría:Galegos de ascendencia inglesa Categoría:Futbolistas de Asturias Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Ciclistas de Galicia Categoría:Remeiros de Galicia Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Real Club Coruña