miniatura|404x404px|Exemplares das moedas do sistema da libra neozelandesa

As moedas da libra neozelandesa comezaron a introducirse en Nova Zelandia en virtude da Lei da Moeda de 1933, en resposta ao contrabando a gran escala de moedas imperiais británicas anteriores que se estaba a producir, como consecuencia da desvalorización dos tipos de cambio de Nova Zelandia en relación coa libra esterlina e a grande afluencia doutras moedas estranxeiras á circulación.

A Lei da moeda de 1933 estableceu os pesos e as composicións das denominacións monetarias do novo sistema, das cales as cinco de prata —3 e 6 peniques, xilin, florín e media coroa— entraron en circulación xa no ano seguinte, logo dun forte desacordo entre comités rivais de deseño de moedas. Pola súa banda, o penique e o medio penique de bronce entraron en circulación en 1940, coincidindo coa celebración do centenario de Nova Zelandia. Unha oitava denominación de moeda, a peza dunha coroa ou cinco xilins, produciuse unicamente en forma de tres emisións de carácter conmemorativo; a primeira delas, coñecida como a "coroa de Waitangi", cuñouse cunha tiraxe extremadamente limitada e só para a súa venda a coleccionistas numismáticos, en tanto que as dúas seguintes se produciron en máis cantidade en 1949 e 1953, e foron postas en circulación.

A utilización de aliaxe de prata na moeda neozelandesa abandonouse en 1947 en favor do cuproníquel, coa excepción da coroa conmemorativa de 1949.

Coa decimalización do sistema monetario en 1967, logo de varios intentos anteriores de instaurar na moeda o sistema decimal, púxose fin á libra neozelandesa, xunto coas denominacións das súas moedas divisionarias —penique, xilin e coroa— e introduciuse o novo sistema do dólar neozelandés, dividido en 100 centavos.

Antecedentes e contexto O uso da moeda en Nova Zelandia fora introducido a principios do século XIX da man dos baleeiros e dos comerciantes. Logo do establecemento da Colonia de Nova Zelandia na década de 1840, as moedas de prata españolas e hispanoamericanas pasaron a constituír a maior parte da moeda en circulación, aínda que tamén circularon pezas de prata e de ouro dos Estados Unidos, de Portugal, de Francia e dos Países Baixos. Supúñase que a moeda de curso legal oficial era a libra esterlina, malia non existir lexislación de ningún xénero que así o determinase, ata a aprobación da Lei das Leis Inglesas de 1858, que aclaraba o status da lexislación inglesa en Nova Zelandia.Matthews, K. (2003).Por mor da escaseza de moedas de valores faciais pequenos, a partir de 1857 comezaron a emitirse fichas de bronce e de cobre de emisión privada cos valores dun penique e de medio penique, o que consistía na época aproximadamente a metade das moedas de cobre en circulación local. A cuñaxe destas fichas cesou en 1881 e foron desmonetizadas oficialmente en 1897.Familton, R. J.; McLintock, A. H. (1966). "Coinage ". En An Encyclopaedia of New Zealand.

Tamén houbo varios billetes de emisión privada, trocables en libras neozelandesas, que circularon na colonia durante o resto do século XIX logo da quebra do Colonial Bank of Issue. Unha crise bancaria da década de 1890 levou a que a Lei de Emisión de Billetes Bancarios de 1893 exixise que o papel moeda privado estivese baseado en moedas de ouro. A Lei da Moeda de 1870, introducida en Nova Zelandia en 1898, formalizou o monopolio exclusivo da Coroa sobre a cuñaxe. A principios do século XX entraran xa en circulación suficientes moedas británicas como para satisfacer a demanda de Nova Zelandia."Victorian Coinage". En Hargreaves, R. P. (1972). Páxinas 91-101. Malia estar aínda ligada á libra esterlina, a libra neozelandesa comezou a diverxer logo da readopción británica do padrón ouro despois da primeira guerra mundial; de xeito diferente ao Reino Unido, a norma non se restableceu en Nova Zelandia durante o período de posguerra.

Entre as primeiras propostas para unha moeda neozelandesa totalmente independente están unha declaración de 1910 ao Parlamento do ministro de Finanzas, Joseph Ward, na que afirmaba que o ministerio estaba a considerar cuñar moedas de prata de Nova Zelandia en Londres. A presenza de grandes cantidades de moedas imperiais e de billetes de banco nacionais provocou unha falta de interese na poboación acerca das propostas de emisións nacionais antes da década de 1930."New Zealand Coinage". En Hargreaves, R. P. (1972). Páxinas 141-160.

A introdución da libra australiana en 1910 provocou a circulación dunha cantidade limitada de moedas australianas en Nova Zelandia, aínda que esta moeda nunca chegou a ser recoñecida formalmente como moeda de curso legal no territorio neozelandés. Nun intento de estabilizar a posición económica australiana durante a Gran Depresión, Australia desvalorizou a súa libra nun dez por cento en 1930, o que provocou unha afluencia extremadamente grande de moedas australianas a Nova Zelandia.Stocker, M. (2005). En outubro de 1931, entre o trinta e o corenta por cento de todas as moedas en circulación en Nova Zelandia eran australianas. En resposta a estas grandes cantidades de moedas non recoñecidas, o político Charles Wilkinson propuxo a creación dunha moeda independente de Nova Zelandia, e formulou a posibilidade dunha cuñaxe local en Wellington. O Alto Comisionado Thomas Wilford contactou coa Royal Mint en Londres para comentar esta posibilidade, e o que director da ceca londiniense, Robert Johnson, desaconsellou tal proposta, afirmando que nin Australia nin o Reino Unido poderían repatriar grandes cantidades de moeda.

Introdución da moeda nacional Proceso lexislativo miniatura|315x315px|O ministro de Finanzas, Gordon Coates, supervisou o deseño das moedas neozelandesas durante a década de 1930.

En xaneiro de 1933, o ministro de Finanzas e exprimeiro ministro Gordon Coates desvalorizou a libra neozelandesa nun 14 por cento fronte á libra esterlina británica, o que serviu de grande axuda para os agricultores, xa que as exportacións vendidas en libras esterlinas podían converterse nunha maior cantidade de moeda nacional.Singleton, J. (2008). "An Economic History of New Zealand in the Nineteenth and Twentieth Centuries". En Encyclopedia of Economic and Business History (EH.Net). 10 de febreiro. No entanto, á medida que as moedas da libra esterlina en Nova Zelandia se desvalorizaron en relación co valor das mesmas moedas en Gran Bretaña, unha onda resultante de contrabando de divisas provocou unha diminución masiva da cantidade de moedas de prata británicas dispoñibles en Nova Zelandia. As moedas desvalorizadas da libra esterlina en circulación en Nova Zelandia foron introducidas de contrabando en Australia e no Reino Unido a través de diversos medios, entre outros en cilindros de gas baleiros,"No Mystery Now: The Famous Cylinder, Extraordinary Structure, for Illegal Use". En Evening Post. 24 de novembro de 1933. Páxina 8. nos cárters de aceite de automóbiles e motocicletase ou en caixas dentro de refrixeradores etiquetadas como "parrulo conxelado". En xuño de 1933, as moedas de vinte e cinco centavos estadounidenses e canadenses entraran en circulación para substituír o baleiro deixado polos ausentes xilins británicos.

Ante esta situación creada pola desvalorización da libra neozelandesa, a Alta Comisión, instada por Coates, dirixiuse novamente á Royal Mint de Londres en abril de 1933 para consultar canto se alongaría o proceso de creación dunha nova moeda. O director Robert Johnson recoñeceu a urxencia da situación económica e calculou un tempo aproximado de seis meses para comezar a cuñar a moeda, de maneira que esta podería chegar a Nova Zelandia en xaneiro de 1934. Así as cousas, o Goberno anunciou a inminente creación da nove moeda nacional da libra neozelandesa, e nomeou un Comité de Cuñaxe para organizar e coordinar coa Royal Mint o seu deseño e a súa produción.

Os anuncios dunha moeda nacional e un acordo coa Royal Mint, aprobado na Lei de Finanzas de 1932-1933, deron lugar a chamamentos de varios políticos e organizacións locais, entre elas a Federación de Fabricantes de Nova Zelandia, para que as moedas se producisen no país, para proporcionar unha fonte estable de emprego para os traballadores locais. As declaracións do Comité de Cuñaxe de que non existían instalacións nacionais para a capacidade de cuñaxe foron refutadas por empresas de enxeñaría locais, e unha delas citou a súa propia produción de 750.000 fichas para o seu uso en Wellington. Walter Nash avogou no Parlamento a favor da cuñaxe nacional argumentando o potencial de proporcionar o emprego local. Tales propostas foron desacreditadas pola Royal Mint, que suxeriu que cambiar a unha cuñaxe local ou privada causaría atrasos e custos significativos. Robert Johnson describiu a proposta dunha casa de moeda en Nova Zelandia como "un nacionalismo económico entolecido".

O Comité de Cuñaxe considerou inicialmente recomendar unha cuñaxe decimalizada, mais finalmente optou por continuar coas mesmas denominacións que as moedas de prata imperiais en circulación: 3 peniques, 6 peniques, xilin, florín e media coroa. A Lei da Moeda de 1933 determinaría as denominacións, así como o seu peso e outras especificacións."An act to make Provision with respect to Currency, Coinage, and Legal Tender in New Zealand (Coinage Act 1933) ". New Zealand Acts As Enacted (nzlii.org). Na lei recollíase a posibilidade dunha unha sexta denominación de prata, a coroa, aínda que esta non se cuñaría moedas ata a aparición en 1935 da coroa de Waitangi,Stocker, M. (2010). e ningunha entraría en circulación ata unha nova emisión conmemorativa en 1949.

Conflitos de deseño

Aínda que a Asociación de Sociedades de Arte de Nova Zelandia se ofreceu a facilitar un concurso nacional para o deseño das novas moedas, o Goberno de Nova Zelandia contratou os artistas da Royal Mint para este labor. En todos os casos, para o anverso da serie de moedas escolleuse inicialmente un busto coroado de Xurxo V (1910-1936) creado por Percy Metcalfe, que xa fora utilizado anteriormente nas cuñaxes para o territorio de Rodesia do Sur. Este busto viuse substituído polo dos sucesivos monarcas reinantes durante a vixencia da libra neozelandesa: Xurxo VI (1936-1952) —deseñado por Thomas Humphrey Paget— e Isabel II (1952-2022) —deseñado por Mary Gillick—.

Canto aos reversos, o comité asesor da Royal Mint revisou varios deseños presentados por Metcalfe e George K. Gray. Os deseños de Metcalfe foron rexeitados principalmente polo comité asesor en favor dos traballos de Gray, aínda que este tivo que repetir algunha das súas propostas."Designs on New Zealand Coins". En New Zealand Numismatic Journal. 10 (3). Páxinas 74-77. Febreiro de 1961.

O ministro Gordon Coates exerceu de facto como primeiro ministro durante as prolongadas estadías do primeiro ministro oficial George Forbes en Gran Bretaña.Gardner, W. J. (1996). "Forbes, George William". En Dictionary of New Zealand Biography (Teara.govt.nz). O conflito político entre os dous levou á creación de comités separados: o Comité de Cuñaxe, con sede en Nova Zelandia, nomeado por Coates, aprobou por separado varios deseños para os reversos das moedas, procurando crear un carácter nacional distintivo nas moedas. A isto seguiu un prolongado desacordo entre Coates e o director da Royal Mint, Robert Johnson, sobre que serie de deseños se producirían, e este último intentou deter o proceso de deseño ata o regreso de Forbes a Nova Zelandia en outubro de 1933. Así e todo, Coates aceptou as recomendacións do Comité de Cuñaxe e os deseños dos reversos puxéronse en produción a partir dos meses seguintes.

Primeiras moedas de prata