Ana Sirgo Suárez, coñecida como Anita Sirgo, nada en Lada o 20 de xaneiro de 1930 e finada en Langreu o 15 de xaneiro de 2024, foi unha militante comunista española. Tivo un papel moi activo durante a Huelgona de 1962, na que colaborou de maneira destacada para que tivese éxito. É considerada un emblema da loita obreira e antifascista.
Traxectoria
Primeiros anos Ana Sirgo Suárez no seo dunha familia de mineiros politicamente comprometidos co comunismo e sen posibilidades de acceder á educación. Co final da Guerra civil e a caída da Segunda República, o seu pai fuxiu ao monte para formar parte da resistencia. A súa nai foi detida no cárcere de Arnao, destino que tamén sufriron outros familiares seus. Foi entón recollida por uns tíos seus, que a levaron a vivir a Andrín, no concello de Llanes. Alí traballou no campo e colaborou tamén como enlace para a guerrilla desde os nove anos. Aos doce anos foi descuberta e detida pola Garda Civil xunto con outros familiares seus, entre os que se atopaban a súa nai e o seu tío, Fidel Suárez Campurru. A Garda Civil tamén levou os mobles da casa, que anos máis tarde apareceron sendo utilizados na sede de Falange. Tivo a ocasión de ver por última vez ao seu pai, antes de que fose asasinado en 1947 e enterrado nunha cuneta aínda non localizada. O 26 de xaneiro de 1948 o seu tío morreu xunto a outros guerrilleiros.
En 1950 casou con Alfonso Braña Castaño, mineiro no pozo Fondón. Ambos comezaron a militar de maneira máis intensa no Partido Comunista de España.
Folga de 1962 Anita Sirgo obtivo gran parte da súa popularidade polo seu traballo durante a chamada Huelgona. Aproximadamente un mes despois do comezo da Folga mineira de 1962, empezaba a albiscarse un fracaso, con mineiros que consideraban volver ao traballo. Dada a situación, as mulleres da Conca mineira decidiron organizarse e apoiar activamente a folga ante a situación de miseria en que se atopaban. Así, organizaron piquetes e impediron que os crebafolgas puidesen acceder aos pozos.
Ademais, Anita Sirgo participou de forma decisiva na organización dos grupos clandestinos de mulleres durante a folga, xunto con mulleres como Tina Pérez ou Celestina Marrón. Estes grupos ocupábanse, entre outras cousas, de colleitar axuda en forma de alimentos, transmitir mensaxes ou repartir pasquíns.
Sirgo participou no peche na catedral de Oviedo durante a Folga de 1962 xunto con preto de corenta mulleres máis. Baixo o principio da non violencia activa, pretenderon con iso dar visibilidade á loita en todo o territorio español e chegaron a contar co apoio do bispo auxiliar de entón, Segundo García de la Sierra. Finalizaron o peche despois de que se organizasen folgas de solidariedade en países como Francia ou Bélxica, co que deron por concluída a súa tarefa.
Represalias Polo seu activismo durante a folga, Anita Sirgo sufriu os efectos directos da represión. Foi encarcerada e rapada a tiróns, mais malia iso non delatou a ningún compañeiro do Partido. No cárcere sufriu torturas e quedou xorda do oído esquerdo despois dunha malleira que lle propinou Antonio Caro Leiva, capitán da Garda Civil. Ademais, Manuel Fraga, daquela ministro do réxime franquista, mofouse dela en público e chegou a negar as torturas e malleiras.
Despois da folga Tras o seu arresto e tras ser identificada pola Garda Civil, Sirgo viuse obrigada a exiliarse en París xunto con outros membros do Partido Comunista, entre eles Santiago Carrillo. Aprendeu a ler e escribir durante o tempo que permaneceu alí, mentres nas Concas estaba en busca e captura. Dous anos despois, ante a impotencia de non poder colaborar coa loita obreira, en 1966 Sirgo decidiu volver a Asturias co consentimento do Partido. En Oviedo foi requirida e detida por causas militares e pasou catro meses no cárcere, un deles por mor de negarse a pagar 100.000 pesetas de multa.
En 2013 foi unha das asinantes da causa contra os crimes do franquismo investigados pola xuíza arxentina María Romilda Servini. O ano seguinte manifestouse co Tren da Liberdade e xunto ás Marchas da Dignidade.
Finou o 15 de xaneiro de 2024.
Homenaxes e aparicións na cultura popular
Anita Sirgo e a súa compañeira Tina Pérez teñen unha rúa dedicada en Xixón. Aparece como personaxe no cómic Los llazos coloraos de Alberto Vázquez García. A curtametraxe A golpe de tacón da directora asturiana Amanda Castro está baseado en Anita Sirgo e na súa compañeira, Tina Pérez.
Premios
En decembro de 2018 recibiu o Premio Juan Ángel Rubio Ballesteros, co que a Sociedade Cultural Xixonesa recoñeceu a súa loita na posguerra. Dedicou o premio a todas as mulleres que daquela loitaron con ela «pola liberdade, a democracia e os dereitos». En 2019 concedéuselle o Premio Pozu Fortuna xunto a Carmen García Pellón como recoñecemento á súa «loita incombustible» como militante comunista e antifascista.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Categoría:Represaliados polo franquismo Categoría:Feministas de Asturias Categoría:Comunistas de España Categoría:Nados en Langreu Categoría:Nados en 1930 Categoría:Finados en 2024 Categoría:Antifranquistas de España