Pablo Alborno Alfaro, nado en Asunción o 7 de xuño de 1875 e finado en San Lorenzo o 11 de xaneiro de 1958, foi un etnógrafo e pintor paraguaio de ascendencia italiana, considerado un dos principais retratistas e paisaxistas da historia pictórica paraguaia.

Vida persoal

Infancia e xuventude Alborno naceu en Asunción o 7 de xuño de 1875, fillo do italiano Santiago Alborno e da paraguaia Asunción Alfaro. Estudou na Escola de Artes e Oficios de Montevideo, onde se matriculou na sección de teoría musical, aprendeu a tocar o violín e o frautín, e formou parte da selección deportiva de esgrima. De regreso ao seu país, en 1898, ingresou no Gimnasio Paraguayo (actual Ateneo Paraguayo), recibindo clases de pintura do artista italiano Guido Boggiani. Desta época datan os retratos do presidente paraguaio Juan Antonio Escurra e do diplomático Benjamín Aceval, ademais das súas primeiras paisaxes da baía de Asunción e do populoso e ribeirense barrio asunceno de Chacarita.

En 1903, gañou unha bolsa para continuar os seus estudos en Europa. Ingresou na Real Academia de Roma, trasladándose máis tarde a Florencia e Venecia. Naquela época, produciu numerosos cadros, incluíndo reproducións recreadas de obras de grandes artistas do Renacemento, tal é o caso de Tiziano e Tintoretto, polos que recibiu mencións e eloxios de xornais e profesores, como Ettore Tito ou Medardo Rosso. En 1914, tras regresar a Paraguai, coñeceu a María Elisa Weyer, coa que se uniu en matrimonio e tivo cinco fillos.

Traxectoria

Obra artística A finais de 1908, regresou a Paraguai e realizou, xunto cos seus compañeiros bolseiros, a exposición «Pensionados de Europa». En 1909, xunto co seu antigo compañeiro, Juan A. Samudio, fundou a Academia de Belas Artes de Paraguai, da que foi director e profesor. En 1910, participou na exposición internacional conmemorativa do centenario da independencia arxentina, celebrada en Bos Aires. Nela, o seu cadro «Partida a las cartas» obtivo un diploma de honra e unha medalla de prata.

Con motivo do centenario da independencia paraguaia, a instancias de Manuel Domínguez, Juan E. O’Leary e Arsenio López Decoud, encargóuselle a creación da iconografía do chamado «Próceres de Mayo». Baseándose en investigacións históricas, moldeou os rostros de Pedro Juan Caballero, Vicente Ignacio Iturbe, Fulgencio Yegros, José Tomás Yegros, Mauricio José Troche e José Gaspar Rodríguez de Francia. Tras a aprobación de cinco comisións designadas polo goberno, as pinturas foron expostas ao público o 14 de maio de 1911.

Retratou tamén a destacados líderes militares e políticos implicados na guerra librada entre Paraguai e a Tripla Alianza (o Brasil, a Arxentina e o Uruguai) durante os anos 1864 a 1870.

Faceta científica Como investigador, realizou importantes estudos e publicacións profusamente ilustradas sobre a orixe das etnias tupí-guaraní e as semellanzas da súa lingua coa exipcia. Tamén levou a cabo publicacións sobre a arte colonial hispano-guaraní e a arte xesuíta nas Misións. Tivo unha activa participación na fundación do Museo Arqueolóxico e Etnográfico e da Sociedade Científica do Paraguai, destacando tamén como Miembro Honorario del Centro Americanista de Intelectuales de Sudamérica.

Morte Como consecuencia de complicacións de saúde relacionadas con problemas cardíacos que padecía, Alborno faleceu aos 82 anos, na súa casa de campo de San Lorenzo, o 11 de xaneiro de 1958. Os seus restos repousan no Cemiterio da Recoleta, cidade de Asunción.

Notas

Categoría:Nados en Asunción Categoría:Nados en 1927 Categoría:Finados en 1958 Categoría:Escritores de Paraguai Categoría:Etnógrafos e folcloristas Categoría:Paraguaios de ascendencia italiana Categoría:Pintores de Paraguai