miniatura|Inscrición somno iussus, que proba o rito da incubación en mármore atopado no xacemento de Grand (Vosgos) A incubación é unha práctica máxica e relixiosa que implica durmir nunha área sagrada co fin de experimentar un soño. Dita experiencia traería revelacións sobre o futuro, coñecementos transcendentais ou curacións de doenzas.

Esta práctica require que quen vaia experimentar o soño se prepare convenientemente cun sacrificio e, nalgúns casos, xaxuando e sen beber viño. Así mesmo, pasará unha noite usualmente nun lugar subterráneo sagrado para relatarlle posteriormente o soño a un sacerdote intérprete do oráculo. Xeralmente revelaba unha profecía ou tratamento a seguir.

Na Antigüidade Os rituais de incubación foron practicados por moitas culturas antigas e xa eran coñecidos na época sumeria.

Entre os hebreos, atópase en 1 Reis 3. O rei Salomón foi a Gabaón porque era o lugar máis famoso para ofrecer sacrificios. Aparecéuselle Xehová á Salomón en Gabaón unha noite en soños, e díxolle Deus: «Pide o que quixeres que eu che dea».

Na Antiga Grecia a incubación foi practicada sobre todo por membros do culto a Asclepio. As ofrendas votivas atopadas nos seus centros de culto en Epidauro, Pérgamo e Roma dan fe da eficacia do rito. Era famoso tamén o santuario de Anfiarao en Oropo e o de Trofonio, fillo de Ergino, que foi tragado pola terra en Lebadea (Beocia), polo que nese lugar instaurouse un culto e un oráculo subterráneo na súa honra. A tradición remóntase até o oráculo dos soños de Mopso en Cilicia e o dos Telmesios en Licia-Caria. Para Patricia Garfield, un dos obxectivos principais da incubación sería curar a esterilidade, o que era posíbel pola unión sexual durante o soño entre o peregrino e o deus ou a deusa. Esta unión sexual realmente tiña lugar no caso da prostitución sagrada.

A incubación practicouse con profusión na Antiga Roma. Atopáronse ao redor de 400 templos que practicaban este rito na área mediterránea, incluídos os dedicados a Esculapio, equivalente romano de Asclepio. No Xapón son famosos tres templos onde se practicaba a incubación: Ishiyama-dera, preto do lago Biwa, Hase-dera, ao sur de Nara e Kiyomizu-dera en Kyoto. O mestre sanador que aparece nos soños de incubación é Yakushi Nyorai.

No norte de África a práctica da incubación é moi antiga, xa sinalada por Heródoto, e segue estando moi viva. Practícase sobre todo preto das sepulturas familiares ou dalgún valí (santo) ou morabito. O termo que o designa con maior frecuencia é asensi (do verbo ens, "pasar a noite"). No islam, a istikhara é a recitación dunha oración para obter unha resposta a un problema determinado ou para tomar unha decisión correcta. O estudo das inscricións gravadas nas estelas dos templos permitiu mostrar a evolución das prácticas de incubación.

A incubación foi adoptada por certas seitas cristiás e aínda se usa nalgúns mosteiros gregos. A incubación ou as súas variantes estendeuse por todo o mundo, entre outros, América Central, Australia, Borneo, a China, a India ou Irán.

Na modernidade As prácticas modernas para influír no contido dos soños mediante a incubación do soño utilizan técnicas impulsadas pola investigación, pero ás veces incorporan elementos que reflicten estas antigas crenzas. Acotío utilízase para curar a infertilidade, pero tamén pode ser un método para sandar outras doenzas como a parálise, a cegueira, a coxeira. É tamén unha maneira de predicir o futuro.

Dende a psicanálise houbo moito interese na incubación e o antigo método interpretativo. Para Ernest Jones, a incubatio era a unión durante o soño entre unha persoa e un deus ou deusa e vía unha conexión co medo ao incubus. O psiquiatra Carl Alfred Meier levou a cabo un estudo simbólico da incubación nos soños modernos.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Interpretación dos soños

Categoría:Adiviñación Categoría:Sono