Basilio Antonio de Vilariño e Bermúdez, tamén coñecido como Basilio Villarino, nado en Noia en 1741 e finado en Sierras de Ventania, actual Arxentina, en 1785, foi un mariñeiro, explorador e colonizador galego, que exerceu como piloto naval da Real Armada Española. Tivo un destacado papel nas primeiras exploracións españolas da Patagonia arxentina e no establecemento das primeiras colonias nesa zona.
Traxectoria En 1773 Villarino chegou ao Río da Prata, como piloto axudante da fragata Perpetua, comandada polo capitán Bustillos. A partir de 1778, comezou un detallado recoñecemento da Patagonia arxentina, durante o cal explorou as costas do litoral mariño e os ríos Negro, Colorado, Limay e Deseado, entre outros. miniatura|334x334px| Mapa das exploracións de 1779 elaborado por Basilio Vilariño, no que se mostra a península de Valdés, o golfo San Matías e o río Negro. En 1778 participou na expedición comandada primeiro por Juan de la Piedra e despois por Francisco de Viedma, coa que o rei Carlos III pretendía o establecemento das primeiras colonias españolas na Patagonia. Vilariño figuraba como piloto da nave Santa Teresa, e máis tarde pasou a ser o capitán do bergantín "Nuestra Señora del Carmen".
Durante esta expedición descubríronse para os europeos a península Valdés e a baía de San José e fundáronse os fortes de San José en xaneiro de 1779 e Carmen de Patagones no mes de abril.
Entre o 23 de abril e o 27 de maio de 1780, emprendeu o recoñecemento do río Colorado, ao norte de Fuerte del Carmen por terra e mar. Entre o 25 de outubro de 1780 e o 1 de xaneiro de 1781, realizou prospeccións ao sur e ao oeste do forte, levantando a zona do actual porto de San Antonio, no norte do Golfo San Matías.
Durante as súas expedicións estivo entrou en contacto cos nativos da zona, aos que agasallou con produtos como prendas de roupa e téxtiles para gañar o seu favor. Tamén aprendeu a lingua tehuelche. Entre o 12 de abril e o 8 de agosto de 1781, o piloto noiés partiu de novo cara a desembocadura do río Colorado e as illas e baías próximas a el.
En 1782 recoñeceu o río Negro ata as súas fontes, para logo continuar coa navegación polo río Limay cara ao suroeste e por un dos seus afluentes cara ao norte. Esta expedición levouse a cabo entre o 28 de setembro de 1782 e o 25 de maio de 1783 e o seu obxectivo era buscar unha comunicación coa cidade de Valdivia, en Chile, e co Pacífico, e comprobar a posibilidade de avances estranxeiros ao longo dese curso fluvial dende o Atlántico ata a citada cidade. A viaxe realizouse con catro embarcacións tipo chalupas, denominadas San José, San Juan, San Francisco de Asís e Champán. A navegación río arriba realizouse por sirga e ía acompañada dun xefe local.
En 1783 descubriu a illa Choele Choel, aínda que debido ao ataque permanente dos aborixes, a falta de calado e a escaseza de provisión, tivo que suspender a exploración. Vilariño foi asasinado polos indíxenas en xaneiro de 1785, durante unha expedición ás Sierras de Ventania comandada por Juan de la Piedra.
Deixou anotacións das súas vivencias e exploracións nun diario.
Legado Na súa honra foron denominados co seu nome numerosos accidentes xeográficos, lugares e construcións na Arxentina, entre eles os seguintes: Lago Villarino, un lago situado no departamento de Lácar, na provincia de Neuquén. Río Villarino, un pequeno curso de auga duns 300 metros que une o lago do mesmo nome co lago Falkner, na provincia de Neuquén. Península de Villarino, na que se atopa o porto de San Antonio Este, provincia de Río Negro; Así mesmo, o cabo máis occidental da península denomínase "Punta Villarino" e tamén leva o seu nome o parque dunar situado na península. A illa Villarino, a primeira insua do río Negro (a máis próxima á desembocadura no océano Atlántico). Praza Villarino, a praza máis grande e céntrica da cidade de Carmen de Patagones (Buenos Aires). Ponte Basilio Villarino, unha das dúas pontes que comunican as cidades de Viedma (Río Negro) e Carmen de Patagones (Buenos Aires). Praza Villarino, a praza central da localidade de Hilario Ascasubi, na provincia de Buenos Aires. Praia de Villarino, na península Valdés, ao sur do golfo de San José, na provincia de Chubut. Avenida Villarino, o tramo central da avenida costeira da cidade de Viedma. Barrio de Villarino, na cidade de Cipolletti, provincia de Río Negro. O partido de Villarino, un dos distritos da provincia de Buenos Aires. o Vapor Villarino, o primeiro buque militar da Armada Arxentina, que operou entre 1879 e 1899. A súa vida foi narrada polo escritor galego Víctor F. Freixanes na súa novela A cidade dos Césares, na que se mesturan episodios reais con ficción.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Nados en Noia Categoría:Nados en 1741 Categoría:Nados en 1785 Categoría:Exploradores Categoría:Mariñeiros Categoría:Militares de Galicia Categoría:Escritores de Galicia