Sisto Badalocchio Rosa, nado o 28 de xuño do 1585 e finado entre o 1619 e o 1647, foi un pintor e gravador italiano da Escola de Boloña.
Traxectoria Nado en Parma, traballou primeiro para Agostino Carracci en Boloña, e logo para Annibale Carracci en Roma. No 1609, regresou á súa cidade natal. Os seus gravados máis coñecidos son os da serie A Biblia de Rafael, que creou xunto co seu compañeiro de estudos Giovanni Lanfranco. As imaxes representan varios frescos de Rafael do seu taller do Vaticano. Como pintor, a súa obra máis importante é o conxunto de frescos da Igrexa de San Giovanni Evangelista (Reggio Emilia), baseados nos primeiros traballos de Correggio. Neste templo, tamén decorou a cúpula e as pendentes. O fresco da cúpula representa a parousía () ou segunda vinda de Cristo, e as pendentes as catro virtudes cardinais.
Malia ter cooperado a miúdo nos seus frescos con Lanfranco (por exemplo, na serie deseñada por Annibale Carracci para a capela de San Diego en San Giacomo degli Spagnoli, e no Palazzo Costaguti), Badalocchio nunca recibiu o mesmo recoñecemento que aquel. Non obstante, na actualidade é considerado unha figura importante na introdución do barroco no norte de Italia.
Galería
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Sisto Badalocchio (Ceres - Red Digital de Colecciones en Red) Sisto Badalocchio (Google Arts & Culture)
Categoría:Pintores de Italia Categoría:Nados en 1585 Categoría:Finados en 1647