Rubén López Durán, nado en Lamela (Silleda) o 26 de agosto de 2004, é un futbolista galego que xoga como centrocampista no Pontevedra, da Segunda Federación, cedido polo Deportivo da Coruña.

Traxectoria Nacido na parroquia silledense de Lamela, herdou a afección ao fútbol de seu pai Manuel, que xogara nas categorías inferiores do Lalín ata que as lesións o afastaron do primeiro equipo. Comezou a súa formación futbolística na Escola de Fútbol Lalín, na que tamén xogaba o seu irmán maior, Andrés. En 2018, despois de tres anos no equipo do Deza, pasou ao equipo cadete do Compostela, seguindo a seu irmán, que viña de fichar polo xuvenil do club santiagués. Alí tivo como adestrador a Iván Carril, que o atrasou da posición máis ofensiva que ocupaba en Lalín a un posto de pivote defensivo. Xogou 28 partidos coa camiseta branca e azul, 25 deles como titular, conseguindo o ascenso á Liga Galega, e chamou a atención do Deportivo da Coruña, que o fichou ao remate da tempada.

Iniciou o seu periplo no Deportivo no equipo cadete, pasando ao ano seguinte ao Xuvenil B da Liga Nacional e en 2021 ao Xuvenil A da División de Honra, e foi titular no histórico partido do seu equipo na Liga Xuvenil da UEFA ante o Dynamo de Kíiv celebrado nun estadio de Riazor con máis de 20.000 espectadores. Na tempada 2022/23 compaxinou o xuvenil co Fabril, co que logrou o ascenso a Segunda División RFEF tras proclamarse campión do Grupo I da Terceira RFEF.

O 5 de novembro de 2023 debutou co primeiro equipo do Deportivo na Primeira Federación, na derrota por 0-3 ante o Real Unión no Stadium Gal de Irún, substituíndo nos minutos finais a José Ángel. O 28 de xaneiro seguinte marcou en Balaídos fronte ao Celta Fortuna o seu primeiro gol coa camiseta do Deportivo, facendo o segundo dos dous goles do seu equipo, que venceu por 1-2. Participou na maioría de partidos da segunda volta, xogando habitualmente de interior xunto a Diego Villares, aínda que tamén xogou de mediapunta e máis preto da banda, e proclamouse co equipo campión da categoría, conseguindo así o ascenso a Segunda.

Para a tempada 2024/25 saíu cedido ao Barcelona Atlètic, tamén da Primeira Federación. Cunha presenza bastante constante nos esquemas dos adestradores, chegou a xogar en ocasións de lateral esquerdo e marcou dous goles contra a Gimnástica Segoviana e o Bilbao Athletic. Con todo, non puido evitar o descenso do filial á Segunda Federación.

Para a tempada 2025/26 reincorporouse ao Deportivo da Coruña, onde a pesar de contar con ficha do filial, foi xogador do primeiro equipo a todos os efectos. Con todo, apenas contou con oportunidades no equipo adestrado por Antonio Hidalgo, sumando só 74 minutos en liga, repartidos en cinco partidos. Dispuxo de máis tempo de xogo na Copa do Rei, competición na que disputou tres encontros como titular, ocupando a posición de lateral esquerdo. No mercado invernal saíu cedido ao Pontevedra, da Segunda Federación.

Palmarés Fabril Terceira División RFEF (1): 2022/23. Deportivo da Coruña Primeira Federación (1): 2023/24.

Estatísticas ClubTempadaDivisiónLigaCopa do ReiOutrosInclúe partidos de final de campións da Primeira Federación.TotalPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesFabril2022/233ª RFEF110----1102023/242ª RFEF111----111Total club2210000221Deportivo da Coruña2023/241ª RFEF1711020201Barcelona Atlètic2024/251ª RFEF252----252Total carreira 64 4 102 0 674

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en LaPreferente.com .

Categoría:Nados en Silleda Categoría:Nados en 2004 Categoría:Futbolistas de Silleda Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do FC Barcelona B Categoría:Xogadores do Pontevedra CF