Ueda Shizuteru (en ), nado en Tokyo o 17 de xaneiro do 1926 e finado en Uji o 28 de xuño do 2019, foi un filósofo xaponés da relixión.
Traxectoria Fillo dun sacerdote budista da seita shingon, estudou filosofía na Universidade de Kyoto. O seu mentor, Nishitani Keiji, orientou os seus estudos cara aos místicos medievais. A continuación, doutorouse na Universidade de Marburgo cunha tese sobre o pensador cristián Meister Eckhart. Tras regresar ao Xapón, entrou a traballar como profesor na Universidade de Kyoto. Ueda ocupou a cátedra de Filosofía da Relixión dende 1977 até a súa xubilación en 1989.
Tras a súa xubilación, seguiu impartindo clases nas universidades de Kyoto e Hanazono, intensificando os seus contactos con Europa como profesor visitante e conferenciante nas universidades de Marburgo, Basilea, Bonn, Düsseldorf, Tubinga, Múnic, Viena ou Zürich. Tamén participou nos encontros anuais do Círculo Eranos en Ascona (Suíza).
Finou o 28 de xuño de 2019 aos 93 anos, dunha pneumonía.
Obra Ueda especializouse no pensamento de Nishida Kitarō e, coma el, estudou o budismo zen baixo as categorías filosóficas occidentais. O propio Ueda foi practicante do zen. Foi considerado un membro da Escola de Kyoto.
Entre as súas publicacións, destacan dous dos seus estudos sobre a filosofía de Nishida: Nishida Kitarō wo yomu 西田幾多郎を読む ("Lendo a Nishida Kitarō", 1991) e Nishida Kitarō tetsugaku e no michibiki: Keiken to jigaku 西田哲学への導き 経験と自覚 ("Guía da filosofía de Nishida Kitarō: A experiencia e a autoconciencia", 1998). Tamén escribiu numerosos ensaios, algúns deles en alemán, recompilados pola editorial Iwanami.
Traducións En castelán Ueda, S. (2004). Zen y filosofía. Herder.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas The Legacy of Ueda Shizuteru (Bret W. Davis)
Categoría:Filósofos da relixión Categoría:Nados en 1926 Categoría:Finados en 2019 Categoría:Filósofos do Xapón Categoría:Filosofía xaponesa