Este artigo trata sobre a cantante, para a representación artística da Virxe María, véxase Madonna (arte).
Madonna Louise Veronica Ciccone, nada en Bay City (Míchigan) o 16 de agosto de 1958, é unha cantante, compositora e produtora estadounidense, máis coñecida simplemente como Madonna. De ascendencia italiana e francocanadense, o seu estilo musical abrangue a música disco, pop, dance e electrónica. Traballou de maneira máis intermitente como actriz, deseñadora de moda, escritora e directora de cinema. No 2000, o Libro Guinness das marcas publicou que Madonna é a artista feminina máis exitosa de todos os tempos, estimando que as súas vendas superan os 400 millóns de álbums e sinxelos vendidos en todo o mundo.
Denominada como Queen of Pop (Raíña do Pop), a cantante é unha icona popular internacional das últimas tres décadas. É unha estrela de rock coñecida por reinventar a súa imaxe, pola ambición, innovación e provocación nos seus vídeos musicais e espectáculos, e tamén polas súas polémicas persoais e polo uso de símbolos políticos, relixiosos e sexuais ao longo da súa carreira. Desde os seus inicios en 1983, co lanzamento do seu primeiro álbum Madonna e até o seu último disco Hard Candy, adquiriu e mantén un asombroso éxito e fama mundial, que atravesou distintas xeracións.
A traxectoria de Madonna é un exemplo do triunfo «self made», típico da cultura norteamericana, cos seus éxitos, fracasos e reaparicións. Dunha contorna un tanto gris e conservadora, Madonna escapou a Nova York a finais dos anos 70 para dedicarse á música. Logrou múltiples recoñecementos, incluídos 7 premios Grammy dun total de 27 nomeamentos. O seu afán de superación como artista conduciulle a papeis protagonistas en películas como Evita, pola cal gañou o Globo de Ouro á mellor actriz. Pero Madonna tamén coñeceu momentos difíciles: a súa carreira no cinema foi desigual, e sufriu duras críticas, descenso comercial e dificultades persoais, que superou con renovados bríos.
É unha muller de negocios ben coñecida pola súa sagacidade comercial e a súa visión de futuro. O 16 de outubro de 2007 , Madonna e a compañía produtora e promotora de concertos Live Nation anunciaron un acordo que supuña o final para a longa colaboración entre ela e Warner Bros.. A nova empresa promotora de concertos participará nos discos, xiras, merchandising, películas e outros proxectos musicais da cantante. Baixo os termos do acordo proposto, Madonna, de 50 anos, recibirá un cheque duns 18 millóns de dólares ao momento da firma, e un adianto duns 17 millóns por cada un do tres discos compactos que grave. Unha porción da compensación sería en accións. Este acordo representa para Madonna uns 120 millóns de dólares para os seguintes 10 anos.
Traxectoria Inicios Naceu na pequena cidade de Bay City en Míchigan, baixo o nome de Madonna Louise Veronica Ciccone Fortin. Foi a terceira filla dun traballador de orixe italiana, Silvio "Tony" Ciccone, e dunha ama de casa franco-canadense, Madonna Fortin. A familia mudouse despois a Rochester Hills, localidade que algúns mencionan por erro como a natal da cantante.
A infancia de Madonna estivo marcada pola perda da súa nai, quen morreu cando ela tiña cinco anos de idade a consecuencia dun cancro de mama. O seu pai, ao morrer a súa esposa, uniuse sentimentalmente á aia da familia. Madonna tomou como unha traizón que o seu pai casase coa aia, polo que nunca acabou de aceptala e nunca volveu ter a mesma relación co seu pai. A relación paterno-filial arrefriouse considerablemente. Pero polo menos Tony inculcou en todos os seus fillos o hábito de estudar música.
A Madonna adolescente definiuse polo seu carácter algo rebelde, a súa actitude nunca pasiva e máis ben impaciente, e o seu temperán interese polos ídolos musicais. Bailaba o éxito de Nancy Sinatra, "These Boots Are Made for Walkin'", subida ás mesas. Tempo despois admitiu que neses anos quería chamar a atención e recobrar o agarimo do seu pai, que ela cría perder pola irrupción da súa madrasta.
Despois de varios meses de leccións de piano, Madonna convenceu ao seu pai para que a deixase tomar clases de ballet, no cal resultou ser unha bailarina nata. Asistiu á escola superior Rochester Adam High School, onde foi unha estudante de excelentes cualificacións, moi boa nos deportes e membro do equipo de animadoras. Despois de graduarse na escola superior en 1976, recibiu unha bolsa de baile para a Universidade de Míchigan, onde coñeceu ao mestre de ballet Christopher Flynn. Ademais de ser o mentor de Madonna no baile, mostroulle discotecas e aconselloulle que probase sorte no mundo do baile. A súa vea artística disparouse e en 1977, grazas ao apoio de Flynn, Madonna abandonou a universidade, tras só dous anos de asistencia, e foi a Nova York para seguir unha carreira profesional centrada na danza. Flynn faleceu anos despois, vítima da SIDA, e anos máis tarde Madonna dedicoulle a canción "In This Life" do seu álbum Erotica (1992). Sobre esa época Madonna dixo:
Madonna viviu durante os seus primeiros anos en Nova York graves problemas económicos, chegando a pasar fame. Vivía da hospitalidade dos seus noivos, traballou nunha serie de empregos mal pagos (como nun local de Dunkin' Donuts) e pousou espida nunha sesión fotográfica para a revista Playboy, material que saíu publicado cando xa era famosa. Tamén participou nalgunha película experimental, como A Certain Sacrifice, tachada de pornográfica. Despois dos anos, cando Madonna xa era famosa, moitas desas imaxes serían a causa de chantaxes fronte aos cales a artista tivo que loitar durante anos.
Durante esa dura época, estudou coa diva da danza moderna Martha Graham e co discípulo desta, Pearl Lang. Madonna máis tarde traballou con varias compañías de danza moderna, incluíndo a Alvin Ailey e Walter Nicks. A súa anónima carreira como bailarina foi prosperando progresivamente.
Traballou como bailarina en 1979 para a xira mundial do francés Patrick Hernandez, a estrela do música disco coñecida polo éxito "Born to be Alive". Dentro de dita xira, Madonna viaxou por primeira vez a París, onde empezou a cansarse ao ver que era tratada pola xente guapa como un bicho raro: «Mirábanme como dicindo: Mira que moza trouxo Patrick de Nova York». Ao parecer, deixou o traballo con Hernandez antes de tempo.
De volta nos Estados Unidos, coñeceu a Dan Gilroy, con quen, ademais de iniciar unha relación amorosa, crearía a súa primeira banda de rock, The Breakfast Club, en Nova York. Madonna empezou tocando a batería, despois tocaría a guitarra e finalmente sería brevemente a vocalista do grupo, antes de formar co seu novo noivo Stephen Bray o grupo Emmy and The Emmys en 1980. Despois terminou a súa relación con Bray, aínda que seguirían colaborando, e de feito Bray produciu algúns dos maiores éxitos de Madonna.
Tentando emprender unha carreira de solista, Madonna comezou a escribir e producir varias cancións de música synthpop e dance, as cales lle trouxeron fama local nos clubs de Nova York, particularmente en Danceteria e Kansas Kansas. Un demo ou maqueta, producida con Bray, chamou a atención dun popular DJ de Nova York, Mark Kamins, quen levou a cinta ao produtor de Sire Records, Seymour Stein.
Carreira profesional 1982-1985: Ascenso á fama En 1982 Madonna escribiu unhas cantas cancións e Sire Records (selo discográfico dependente de Warner Bros.) pagou 5.000 dólares por canción. O seu primeiro sinxelo "Everybody", foi producido por Mark Kamins. Pero non se converteu nun éxito. Foi emitido nas radios de música R&B estadounidense coa falsa crenza de que Madonna era unha artista afroamericana. Cando se lanzou "Everybody" non aparecía ningunha fotografía dela na cuberta, pero semanas máis tarde aclarouse todo, cando a discográfica dixo, mediante un comunicado, que Madonna era branca. Isto provocou que perdese unha parte da audiencia negra que a empezaba a seguir. O seguinte sinxelo foi "Burning Up". Máis tarde graváronse seis novas cancións, co que xa había material suficiente para lanzar o seu primeiro álbum.
Madonna
O seu álbum de estrea, Madonna, foi producido inicialmente por Reggie Lucas, pero debido a que non se chegou a un bo acordo, pasou a ser producido polo noivo de Madonna naquel entón, John "Jellybean" Benitez, quen o remesturou e mellorou. O disco era un compendio de cancións eurodisco ou dance infestadas de ritmo e sintetizadores, que pronto calaron no público. Nunha reedición posterior, o álbum foi titulado The First Album e cambiouse a portada en ton sepia por outro retrato de Madonna en cor.
Obtivo o oitavo posto nas listas de popularidade dos Estados Unidos, e conseguiu tres sinxelos que entraron ao Hot 100 (a lista das 100 máis populares): "Holiday", "Borderline" e "Lucky Star". Co tempo, gozaron de ampla difusión e televisáronse videoclips gravados para a súa promoción; Madonna apenas logrou vender tres millóns de copias no mundo, e un millón nos Estados Unidos de América , pero hoxe está certificado con 5 discos de platino (o máis recente, en outubro de 2000), e logrou vender 10,5 millóns de unidades no mundo.
Cando Madonna alcanzou a fama, as adolescentes quixeron imitar a súa forma de vestir que mostraba en revistas, actuacións en vivo e nos seus vídeos musicais. Tal forma de vestir estaba definida por saias sobre pantalóns de Capri, medias de rede, xoias coa cruz cristiá e o pelo osixenado, o que faría que a súa forma de vestir marcase unha tendencia feminina moi popular nos anos 80. A súa imaxe proxectada nese tempo foi a dunha moza sexy cunha mestura de dance e punk. Por outra banda, os seus vídeos seguían as mesmas liñas de artistas innovadores como Michael Jackson e Prince, que xa tiñan un notable éxito.
Like A Virgin A auténtica revolución para ela iniciouse coa aparición do seu segundo traballo de estudio: Like a Virgin (Como unha virxe), todo un éxito internacional. O álbum foi producido por Nile Rodgers, con calculadas dose de dance bailable dentro dun pop accesible. O sinxelo "Like a Virgin" alcanzou o número un nos Estados Unidos en decembro de 1984, permanecendo nesa posición durante seis semanas consecutivas na Billboard Hot 100.
Estaba listo o material para o segundo disco cando a directora de cinema Susan Seidelman convidou a Madonna a participar na súa película Buscando a Susan desesperadamente, unha comedia sen grandes pretensións e cun orzamento austero. No outono de 1984 Madonna acepta actuar na película e gravar o tema da mesma. Alí comparte créditos coa actriz Rosanna Arquette de quen se di non estaba de acordo coa inclusión da cantante. A película estreouse cando o álbum Like a Virgin xa se lanzara ao mercado, de maneira que "Into the Groove", tema do filme que se imprimiu como cara "B" do sinxelo "Angel" nunha versión en vivo, logrou o 5º posto do Billboard estadounidense e o número 1 en Inglaterra, sendo incluído nunha nova edición do álbum Like a Virgin.
Outro dos sinxelos, "Material Girl", alcanzou o número dous nesa mesma lista, só pasado por "We are the World", un sinxelo de axuda para África de Michael Jackson. Madonna participou no concerto Live Aid celebrado ao fío da devandita canción. O álbum tamén contou con outros sinxelos como "Angel" e "Dress You Up".
O álbum logrou vender nos seus inicios 12 millóns de copias, e até hoxe vendeu máis de 20 millóns de copias, ademais de producir catro sinxelos que alcanzaron o Top 5 nos Estados Unidos e Gran Bretaña. Ademais, obtivo o seu primeiro disco de diamante nos Estados Unidos de América e no Canadá.
A súa interpretación no primeiro evento dos MTV Vídeo Music Awards, vestida de noiva, con liga, medias de encaixe, un cinto que rezaba Boy Toy e cantando sobre un pastel de voda, cunha coreografía suxestiva para a súa época, enfureceu a crítica, que a atacou argumentando que o seu estilo provocativo era usado para disfrazar a súa falta de talento. Isto só provocou que máis admiradores a seguisen e aumentase o seu xa prominente carreira.