A Hipparchia fidia é unha especie de lepidóptero ditrisio da familia Nymphalidae pertencente á subfamilia das Satyrinae, propia da rexión mediterránea.

Descrición Trátase dunha bolboreta bastante grande dentro do grupo das Satyrinae, alcanzando unha envergadura duns 6 cm. A cara inferior das ás presenta uns tons predominantemente agrisados, que permite a esta bolboreta pasar practicamente desapercibida cando se pousa sobre os chans rochosos que afecciona, onde resulta moi difícil distinguila cando queda totalmente inmóbil. Confía entón plenamente na súa camuflaxe e é posible, por iso, achegarse a escasos centímetros dela. Destacan, na cara inferior das ás, unha ampla e irregular banda gris-branca zigzagueante, subliñada de negro, que atravesa a á de par en par e que contrasta netamente co fondo máis escuro da mesma, así como grandes ocelos negros punteados de branco e cercados por un anel de cor beixe-amarelo. A cara superior é de tons escuros, marrón.

Área de distribución Especie mediterránea presente na Península Ibérica e no norte de África (Magreb). Tamén vive no sur de Francia (costa mediterránea), alcanzando o noroeste de Italia. É unha especie propia de zonas abertas (incluíndo bosque aberto), secas, cálidas e rochosas.

Ciclo vital Tan só se observa unha única xeración en toda a súa área de repartición, que voa de xuño a agosto (setembro) en Europa e de xullo a outubro no norte de África.

Plantas nutricias As eirugas aliméntanse de diferentes especies de gramíneas (Brachipodium, Festuca, Stipa, etc.).

Véxase tamén Bibliografía Tom Tolman & Richard Lewington (2002). Guía de las mariposas de España y Europa. Lynx Edicions. Ligazóns externas Satyrinae of the Western Palearctic

Categoría:Taxons descritos por Linné Categoría:Animais descritos en 1767 Categoría:Bolboretas de Galicia