Fernando Soriano Marco, nado en Zaragoza o 24 de setembro de 1979, é un exfutbolista español, actual director deportivo do Deportivo da Coruña. Xogaba como centrocampista e disputou máis de 600 partidos oficiais ao longo dos seus 18 anos de carreira. Gañou unha Copa do Rei e unha Supercopa de España co Zaragoza, e conseguiu castro ascensos á Primeira División, co propio Zaragoza, co Recreativo de Huelva e dúas veces co Almería. Neste último militou durante dez tempadas, sendo o terceiro xogador con máis partidos na historia do club (328).

Traxectoria Formouse como futbolista na canteira do Real Zaragoza, debutando co seu filial, o Deportivo Aragón, na tempada 1997/98. Militou durante catro campañas co segundo equipo zaragocista na Segunda División B, saíndo cedido na tempada 2001/02 ao Recreativo de Huelva, co que conseguiu o ascenso á Primeira División. De regreso en Aragón, na tempada 2002/03 debutou co primeiro equipo do Zaragoza, logrado de novo un ascenso a Primeira.

Debutou na máxima categoría na primeira xornada da tempada 2003/04, contra o Deportivo da Coruña na Romareda, e ese mesmo ano gañou a Copa do Rei, título ao que contribuíu con tres goles durante a competición. Na seguinte tempada conquistou tamén a Supercopa de España. Entre 2005 e 2010 xogou no Almería e conseguiu o seu terceiro ascenso á Primeira División.

Tras xogar na tempada 2010/11 en Osasuna, regresou ao Almería, equipo no que militou cinco anos máis. Na tempada 2012/13 foi o segundo máximo goleador do equipo, só por detrás de Charles, contribuíndo con 12 goles a un novo ascenso do equipo a Primeira. Durante as súas 10 tempadas como centrocampista do Almería converteuse no xogador con máis partidos na historia do club, con 328 encontros, marcando ademais 46 goles. Pouco despois foi superado polos seus compañeiros Ortiz e Corona, sendo na actualidade o terceiro futbolista que máis veces vestiu a camiseta do equipo almeriense.

Como adestrador En maio de 2016, sendo aínda xogador do Almería, o club destituíu ao adestrador Néstor Gorosito e ofreceulle o posto a Soriano para as últimas catro xornadas. O capitán do equipo aceptou o reto de tentar salvar o equipo, a tres puntos da permanencia, e rescindiu o seu contrato como xogador para pasar a dirixir o equipo almeriense. Obtivo dúas vitorias e dous empates, suficientes para conseguir o obxectivo da permanencia en Segunda.

Continuou como adestrador do Almería na seguinte tempada ata que foi destituído na xornada 27, co equipo último e despois de encadear nove partidos sen gañar. Foi substituído no cargo por Luis Miguel Ramis.

Como director deportivo En decembro de 2018 converteuse no novo director deportivo do Ibiza, na Segunda División B, e dous anos e medio despois, conseguiu o ascenso á Segunda División. Na tempada 2021/21 foi o encargado de confeccionar o cadro de xogadores do equipo para a categoría de prata, pero deixou o club o 7 de abril de 2022, por desacordos co presidente Amadeo Salvo.

O 16 de xuño de 2023 foi anunciado como novo director deportivo do Deportivo da Coruña.

Palmarés Zaragoza

Copa do Rei (1): 2003/04. Supercopa de España (1): 2004.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do adestrador en BDFutbol .

Categoría:Nados en Zaragoza Categoría:Nados en 1979 Categoría:Futbolistas de Aragón Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Real Zaragoza B Categoría:Xogadores do Real Zaragoza Categoría:Xogadores do Recreativo de Huelva Categoría:Xogadores da UD Almería Categoría:Xogadores do CA Osasuna Categoría:Adestradores de fútbol de España Categoría:Adestradores da UD Almería Categoría:Directores deportivos de fútbol de España