O Atlas interactivo UNESCO das linguas en perigo do mundo (en inglés, UNESCO Interactive Atlas of the World's Languages in Danger) é un informe da UNESCO, publicado por primeira vez en 1996. Pretende alertar os lexisladores, as comunidades de falantes e o público xeral sobre as linguas en perigo e a necesidade de protexer a diversidade lingüística mundial. Tamén permite monitorear o estado das linguas en perigo e da diversidade lingüística a nivel mundial.
Historia O Atlas, que se publicou por primeira vez en 1996 (en edición impresa), incluía 12 páxinas de mapas. A segunda edición (2001) contiña 14 páxinas de mapas con 800 linguas. En 2005 a UNESCO desenvolveu un mapa táctil en liña de África, que detalla 100 linguas africanas en perigo xa mencionadas na edición de 2001. En febreiro de 2009 publicouse a versión en liña do Atlas, de acceso gratuíto. Inclúe 2498 linguas, 230 das cales se extinguiron desde 1950.
De cada unha das linguas, o atlas indica o nome, o nivel de perigo e o país ou países en que se fala. Respecto da edición impresa, a versión en liña achega información adicional de cada lingua: número de falantes, políticas e proxectos relacionados, fontes, códigos ISO e coordenadas xeográficas.
Clasificación das linguas Para determinar a vitalidade dunha lingua téñense en conta diferentes parámetros, entre eles o número absoluto de falantes, a transmisión interxeracional e a presenza nos medios. A partir deses datos estabelécese un dos 5 niveis de risco seguintes identificados con cores:
Vulnerábel (branco): A maioría dos nenos fálana, mais pode estar restrinxida a determinados ámbitos (por exemplo, o fogar). En perigo (amarelo): Os nenos xa non o aprenden como lingua materna na casa. En perigo grave (laranxa): Fálana as persoas anciás. Malia que a xeración dos pais pode entendela, non a falan entre eles nin cos nenos. En perigo crítico (vermello): Os falantes máis novos son as persoas anciás, quen a empregan parcial e raramente. Extinta (negro): Non quedan falantes. Estas linguas inclúense no atlas se se cre que se extinguiron a partir de 1950.
Non se inclúen nestes niveis as linguas consideradas «seguras», é dicir, faladas por todas as xeracións e cunha transmisión interxeracional non interrompida. Algunhas das linguas presentes no atlas son o aragonés, o asturiano, o éuscaro, o gascón, o cántabro, o occitano do Languedoc, o provenzal ou o alguerés.
Véxase tamén Outros artigos Libro Vermello das Linguas Ameazadas Lingua minorizada Lingua minoritaria Ligazóns externas Atlas UNESCO das linguas do mundo en perigo Mapa das linguas do mundo en perigo (en inglés) A methodology for assessing language vitality and endangerment. Sitio web da UNESCO (en inglés) «Linguas en perigo» Sitio web da UNESCO (en inglés). Proxecto «Idiomas en perigo de extinción» da Alianza para a diversidade lingüística en colaboración con Google.
Categoría:Sociolingüística Categoría:UNESCO