O factor inhibidor da migración de macrófagos (MIF), tamén chamado factor inhibidor da glicosilación (GIF) ou L-dopacromo isomerase, é unha proteína que nos humanos está codificada no xene MIF do cromosoma 22. É un importante regulador da inmunidade innata. A superfamilia da proteína MIF tamén inclúe un segundo membro con propiedades relacionadas funcionalmente, a D-dopacromo tautomerase (D-DT). Un receptor de superficie para o MIF é o CD74.
Os antíxenos bacterianos estimulan os glóbulos brancos a liberar o MIF no torrente sanguíneo. O MIF circulante únese ao CD74 doutras células inmunes para desencadear unha resposta inmune aguda. Por tanto, o MIF clasifícase como unha citocina inflamatoria. Ademais, os glicocorticoides tamén estimulan os glóbulos brancos a liberar MIF, o cal contrarresta parcialmente os efectos inhibidores que teñen os glicocorticoides sobre o sistema inmunitario. Finalmente, os traumas activan a glándula pituitaria anterior para que se libere MIF.
Estrutura O MIF ensámblase formando un trímero composto por tres subunidades idénticas. Cado un deses monómeros contén dúas hélices alfa antiparalelas e unha folla beta de catro febras. Os monómeros rodean unha canle central cunha simetría rotacional ternaria.
Resposta ás lesións As citocinas xogan un importante papel promovendo a curación de feridas e a reparación dos tecidos. As lesións celulares causan liberación de MIF, que despois interacciona con CD74. A sinalización MIF-CD74 activa vías pro-supervivencia e proliferativas que protexen o hóspede durante a lesión.
Actividade encimática O MIF contén dous motivos con actividade catalítica. O primeiro é un motivo de 27 aminoácidos localizado no N-terminal que funciona como unha fenilpiruvato tautomerase que pode catalizar a conversión de 2-carboxi-2,3-dihidroindol-5,6-quinona (dopacromo) en ácido 5,6-dihidroxiindol-2-carboxílico (DHICA). O MIF tamén contén un sitio catalítico Cys-Ala-Leu-Cys entre os residuos 57 e 60 que parece funcionar como unha disulfuro redutase.
Función Este xene codifica unha linfocina (un tipo de citocina) implicada na inmunidade mediada por células, inmunorregulación e inflamación. O MIF xoga un papel na regulación da función dos macrófagos na defensa do hóspede por medio da supresión dos efectos antiinflamatorios dos glicocorticoides. Esta linfocina e a proteína JAB1 forman un complexo no citosol preto da membrana plasmática periférica, que pode indicar que ten un papel nas vías de sinalización de integrinas.
Mecanismo de acción
O MIF únese ao CD74, inducindo a súa fosforilación e o recrutamento de CD44, o cal activa as tirosina quinases non receptoras, o que leva finalmente á fosforilación da quinase regulada por sinal extracelular. Ademais de ERK, a estimulación do CD74 activa outras vías de sinalización como as vías PI3K-Akt, NF-κB e AMPK.
Interaccións O MIF presenta interaccións con: BNIPL, CD74, COPS5, CXCR4, e RPS19.
Importancia clínica O MIF é unha potencial diana de fármacos para a sepse, artrite reumatoide e cancro.
Homólogos do MIF producidos por parasitos miniatura|A citocina MIF producida por parasitos na evasión inmune, invasión e patoxénese. Múltiples parasitos protozoarios producen homólogos do MIF que teñen funcións inflamatorias similares ás do MIF humano, e exercen un papel na súa patoxénese, invasión e evasión inmune. Un estudo preclínico mostrou que bloquear os MIFs de parasitos mellora os resultados en varias infeccións protozoarias graves. Exemplos de protozoos con homólogos do MIF dos que se informou son:
Entamoeba histolytica, Plasmodium falciparum, Toxoplasma gondii, Leishmania, Trichomonas vaginalis.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
Categoría:Isomerases Categoría:Sistema inmunitario