O complexo antena das bacterias púrpuras é un complexo proteico presente en bacterias fotosintéticas púrpuras responsable da transferencia de enerxía solar ao centro de reacción fotosintético. As bacterias púrpuras, especialmente Rhodopseudomonas acidophila (tamén chamada Rhodoblastus acidophilus) ou bacteria púrpura non do xofre, foron uns dos grupos de organismos máis utilizados para estudar os complexos antena bacterianos, polo que se sabe moito dos seus compoñentes. É un dos varios tipos de complexos captadores de luz independentes que se encontran nos distintos tipos de organismos fotosintéticos.
Nas bacterias púrpuras fotosintéticas hai xeralmente dous complexos antena que están compostos por dous tipos de polipéptidos (cadeas alfa e beta). Estas proteínas están dispostas anularmente creando un cilindro que abrangue todo o grosor da membrana; as proteínas únense a dous ou tres tipos de bacterioclorofilas (BChl) e a diferentes tipos de carotenoides, dependendo da especie. O LH2 é o complexo antena exterior que se estende pola membrana. Está en posición periférica respecto do LH1, outro complexo antena (tamén chamado complexo antena central) que está asociado directamente co centro de reacción; este último situado no medio do seu anel elíptico. A diferenza dos complexos LH1, a cantidade de complexos LH2 presentes varía coas condicións de crecemento e de intensidade da luz.
As cadeas alfa e beta dos complexos antena son pequenas proteínas de 42 a 68 residuos que comparten unha organización similar en tres dominios. Están compostas dun dominio N-terminal hidrófilo citoplásmico, seguido dunha rexión transmembrana e un dominio C-terminal hidrófilo periplásmico. Na rexión transmembrana de ambas as cadeas hai unha histidina conservada, que está moi probablemente implicada na unión dun ión magnesio dun grupo de bacterioclorofila. As cadeas beta conteñen unha histidina conservada adicional, que está localizada no extremo C-terminal do dominio citoplásmico e que se pensa que tamén está implicada na unión a bacterioclorofilas.
O ambiente químico particular das moléculas de bacterioclorofila inflúe na lonxitude de onda que poden absorber. Os complexos LH2 de R. acidophila teñen moléculas de BChl a que absorben a 850 nm e 800 nm, respectivamente. As moléculas de BChl a que absorben a 850 nm están presents en ambientes hidrófobos. Estes pigmentos están en contacto con varios residuos hidrófobos non polares. As moléculas de BChl a que absorben a 800 nm están presentes en ambientes relativamente polares. Os responsables disto son o N-terminal formilado do polipéptido alfa, unha histidina próxima e unha molécula de auga.
Subfamilias Complexo antena, subunidade alfa Complexo antena, subunidade beta
Notas
Categoría:Fotosíntese Categoría:Dominios proteicos Categoría:Proteínas transmembrana