Jorge Daniel Ribolzi Antoniazzi, nado en Ramos Mejía o 25 de xaneiro de 1953, é un exfutbolista e adestrador arxentino, que xogaba como centrocampista. Comezou a súa carreira no Atlanta e consagrouse en Boca Juniors, co que gañou tres campionatos da Primeira División, unha Copa Libertadores e a Copa Intercontinental de 1977. Entre 1978 e 1979 tivo un breve paso por Galicia, onde xogou no Deportivo da Coruña, antes de regresar ao fútbol suramericano, onde desenvolveu o resto da súa carreira.

Traxectoria

Como xogador Formouse como futbolista na canteira do Club Atlético Atlanta, onde recibiu o alcume de Ruso. Con este equipo debutou na Primeira División en 1972, con 19 anos, xogando como dianteiro. En 1973, con Néstor Rossi como adestrador, Ribolzi consolidouse no once inicial e o seu equipo, no que destacaban figuras como Rubén Cano ou Juan Gómez Voglino, conseguiu o mellor resultado da súa historia, ao acabar o Torneo Nacional na terceira posición, só por detrás de Rosario Central e River Plate.

O 30 de decembro de 1975 fichou por Boca Juniors, a petición do adestrador Juan Carlos Lorenzo, que fora contratado polo club ese mesmo ano. Ribolzi chegou ao club xeneixe xunto a outros xogadores como Ernesto Mastrángelo ou Hugo Gatti, que formaron o núcleo do equipo que dominou o fútbol suramericano nos seguintes anos. Co Toto Lorenzo no banco, Ribolzi xogou como centrocampista ofensivo, formando parte dun ataque que contaba tamén con Jorge Chino Benítez e Rubén Suñé. Gañou con Boca tanto o Torneo Metropolitano como o Nacional de 1976. No segundo deles, o título chegou tras derrotar a River Plate na final disputada no Cilindro de Avellaneda, encontro no que Ribolzi foi titular no medio do campo, xunto a Suñé e Carlos Veglio.

Ao ano seguinte formou parte do equipo que conquistou a primeira Copa Libertadores da historia do club, despois de vencer na final ao Cruzeiro de Yustrich. Ribolzi foi titular no partido de volta da final e entrou como substituto no encontro de desempate que resolveu o título a favor do equipo arxentino. Como campión suramericano, Boca disputou a Copa Intercontinental de 1977 ante o campión europeo, o Borussia Mönchengladbach de Udo Lattek. No partido de ida na Bombonera, Ribolzi saltou ao terreo de xogo para a segunda parte, substituíndo ao Chino Benítez, e marcou o gol que puxo no marcador o definitivo empate a dous. No encontro de volta proclamouse campión, despois de que o seu equipo vencese por 0-3 no Wildparkstadion.

En agosto de 1978 fichou polo Deportivo da Coruña, que pagou por el uns 10 millóns de pesetas. O club galego militaba entón na Segunda División de España, e nel coincidiu co seu compatriota Piris. Tras un desafortunado debut contra o Real Jaén, no que marcou en propia meta o gol da derrota (1-0), foi titular na maioría de partidos da parte inicial da competición, marcando dous goles, contra o Real Madrid Castilla e o Cádiz. Con todo, a súa fichaxe non cumpriu as expectativas creadas, sufrindo varias lesións e non chegando a se adaptar ao xogo do equipo. Isto provocou que en febreiro de 1979 fose traspasado ao Belgrano, regresando así ao seu país.

Máis tarde tivo un segundo paso polo Boca Juniors, gañando un novo título da Primeira División, antes de volver ao seu primeiro equipo, o Atlanta, no que xogou en 1982. Pechou a súa carreira dous anos despois, tras pasar polo Unión Magdalena de Colombia e o Ferro Carril Oeste de General Pico.

Como adestrador Tras rematar a súa carreira como futbolista, traballou como axudante do adestrador Alfio Basile en Boca Juniors (gañando cinco títulos en dous anos) e adestrou o equipo xuvenil. Actuou ademais como adestrador interino do primeiro equipo en 2006, chegando a dirixir un partido oficial contra o Estudiantes de La Plata. Tamén foi adestrador do Atlanta en dous períodos.

Palmarés Boca Juniors

Primeira División (3): Metropolitano 1976, Nacional 1976, 1981. Copa Libertadores (1): 1977. Copa Intercontinental (1): 1977.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Categoría:Nados en 1953 Categoría:Nados na provincia de Buenos Aires Categoría:Futbolistas da Arxentina Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do CA Atlanta Categoría:Xogadores do CA Boca Juniors Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do CA Belgrano Categoría:Adestradores de fútbol da Arxentina Categoría:Adestradores do CA Atlanta Categoría:Adestradores do CA Boca Juniors