A Liga Democrática de Kosovo (Lidhja Demokratike e Kosovës: LDK ) é un partido político de Kosovo de carácter conservador e liberal-conservador que está no centrodereita no espectro político. O primeiro líder do partido foi Ibrahim Rugova e dende o 14 de marzo de 2021 o presidente do partido é Lumir Abdixhiku.

Historia A provincia de Kosovo, malia ser parte da República Federativa Socialista de Serbia, constituía unha entidade autónoma na que dende 1974 o parlamento de Serbia tiña escaso control de feito. A partir de finais da década de 1980 os albaneses demandaban máis autonomía e tornar a sétima república iugoslava. Mais o líder dos comunistas serbios Slobodan Milošević usou as demandas dos kosovares para gañar popularidade entre os serbios e en 1989 aboliu a autonomía de Kosovo e restaurou o control de Serbia sobre a provincia. Como resposta un grupo de intelectuais albanokosovares que se opuñan a esas medidas estableceron contacto e tras unha serie de xuntanzas preliminares formaron o día 23 de decembro de 1989 a Liga Democrática de Kosovo como partido político que artellase as reivindicacións dos albaneses e, ao xeito do que acontecía nos países do denominado bloque socialista iniciase o proceso de pluralismo político, ademais de resistencia contra do goberno da minoría serbia en Kosovo. Este grupo de intelectuais nomeou para a presidencia do LDK a Ibrahim Rugova e entre os dirixentes había coñecidos escritores e intelectuais da época, Bujar Bukoshi, Ali Aliu, Nekibe Kelmendi ou Mehmet Kraja.

Acusado de nacionalista e separatista, as autoridades iugoslavas prohibírono, o 23 de marzo a Asemblea de Kosovo ratificou as medidas que eliminaban a autonomía kosovo, aínda que coa abstención da maioría dos deputados albaneses. O presidente serbio da Asemblea de Kosovo pechouna en xuño de 1990 coa promesa de a abrir o 2 de xullo. Ao chegar ese día os deputados albaneses e atopala pechada proclamaron nos chanzos do parlamento a República de Kosovo, dentro de Iugoslavia. O goberno serbio respondeu coa disolución da Asemblea e do goberno de Kosovo, co que desaparecía calquera autonomía para Kosovo. Os deputados albaneses, moitos membros ou simpatizantes do LDK, responderon cunha xuntanza secreta o 7 de setembro no que declararon a República de Kosovo e promulgaron unha nova constitución, aínda dentro de Iugoslavia. O goberno serbio respondeu cunha orde de detención dos deputados que non acataban a disolución da Asemblea de Kosovo e seguían a actuar como membros dun parlamento que as autoridades serbias consideraban disolto. O 22 de setembro a Asemblea, non recoñecida por Serbia, votou a declaración de independencia, que se ratificou nun referendo non recoñecido polas autoridades serbias e comezou a creación de estruturas estatais paralela á serbia en educación, sanidade ou facenda, principalmente liderado por un LDK que organizou a resistencia política e cívica e que chamou ao boicot ás primeiras eleccións multipartidistas en Serbia que se celebraron o 9 de decembro de 1990 e a todas as institucións estatais ata a solución da cuestión nacional albanesa en Kosovo. En setembro de 1991 ao se celebrar un referendo de independencia en Kosovo, non recoñecido polas autoridades serbias, o LDK tivo un papel clave na súa celebración e chamou á votar pola independencia, que tivo o apoio de máis do 85% do censo electoral. O 25 de xaneiro de 1992 o líder do LDK, Rugova, converteuse en primeiro presidente da República de Kosovo, só recoñecida por Albania, mentres o primeiro ministro era Bujar Bukoshi, tamén dirixente do LDK. Ao se formar a República Federal de Iugoslavia, en abril de 1992, o LDK chamou ao boicot ás eleccións xerais, tanto en Kosovo como dos albaneses aveciñados no centro de Serbia ou no val de Preševo.

A partir dos acordo de Dayton en 1995 que supuxo o fin da guerra de Bosnia, pero no que se ignorou a Kosovo, a opinión pública comezou a cambiar en Kosovo e aumentou o apoio ao Exército de Liberación de Kosovo (UÇK) mentres a solución pacífica que propugnaba o LDK ía perdendo apoios. O LDK mesmo apoiou as negociacións de Rugova que viaxou a Belgrado para se entrevistar co presidente Milošević para lograr unha autonomía real dentro de Iugoslavia e renunciar á indepedencia, mais á fin non houbo acordos aínda que erosionou aínda máis a popularidade do LDK e mesmo durante os anos 1998 e 1999 elementos da UÇK secruestaron, torturaron e nalgúns casos mataron en prisións secretas a simpatizantes do LDK aos que percibían coma rivais do PDK.

Despois do bombardeo da OTAN sobre Iugoslavia en 1999, altos cargos do LDK estiveron presentes no Acordo de Kumanovo que serviu para adoptar a Resolución 1244 do Consello de Seguridade das Nacións Unidas que deu fin ás hostilidades en Kosovo. O LDK apoiou a resolución, que recoñecía a integridade territorial de Iugoslavia, pero mantivo ao seu apoio á independencia. Nas eleccións lexislativas de 2001 e 2004 a LDK foi o primeiro partido da Asemblea de Kosovo con máis do 45% dos votos, pero despois da morte de Rugova en 2006 o partido entrou nunha crise interna, con varias faccións en loita para se facer co control do partido, e foi a dirixida por Fatmir Sejdiu, de carácter liberal conservador a que se fixo co poder. Mentres Nexhat Daci con outros seis deputados formaron a Liga Democrática de Dardania, de carácter máis conservador. Nas eleccións de 2007 a LDK quedou en segunda posición con pouco máis do 20% dos votos. Nas eleccións de 2010, xa con Isa Mustafa como novo líder, mantivo o seu segundo lugar e aumentou un pouco o apoio popular cunha liña máis conservadora. En outubro de 2012 o Partido Popular Europeo admitiuno como un membro máis.

Nas eleccións de 2017 foi en coalición cos partidos liberais Alianza Kosovo Novo e Alternativa e nas de 2021 logrou o peor resultado da súa historia, co 12% dos votos, 15 deputados e o terceiro posto na Asemblea e tras cesar Rugova, o partido elixiu un novo líder, Lumir Abdixhiku, de talante coinciliador, e nas eleccións municipais de 2021 o LDK converteuse no partido máis votado, e logrou o goberno da capital e outros 7 concellos.

Eleccións Ano Votos %Votos Escanos Escanos albaneses Posición +/– Goberno Líder 1992 574 755 76.44% 1º 96 Ibrahim Rugova 2001 359 851 45.7% 1º 2004 313 437 45.4% 1º 2007 129 410 22.6% 2º 23 Fatmir Sejdiu 2010 172 552 24.7% 2º 2 Isa Mustafa 2014 184 596 25.2% 2º 3 2017 185 892 25.5% 3º 7 2019 206 516 24.5% 2º 5 2021 110 985 12.7% 3º 13

Estrutura

Os órganos de LDK son o Consello Executivo como órgano administrativo e estratéxico, o Congreso do Partido nas decisións políticas e o Consello Nacional para dirixir as actividades do partido.

Consello Executivo O Consello fórmano un presidente, catro vicepresidentes, un secretario xeral e outros 27 vogais.

Consello Nacional O Consello Nacional está formado por 111 membros.

Presidentes # Presidente Nado–Finado Comezo Fin Duración 1 Ibrahim Rugova 1944–2006 23 de decembro de 1989 21 de xaneiro de 2006 2 Fatmir Sejdiu 1951– 9 de decembro de 2006 7 de novembro de 2010 3 Isa Mustafa 1951– 7 de novembro de 2010 14 de marzo de 2021 4 Lumir Abdixhiku 1983 – 14 de marzo de 2021 Titular

Notas

Categoría:Partidos conservadores Categoría:Partidos políticos de Kosovo