José Ely de Miranda, máis coñecido como Zito, nado en Roseira, São Paulo, o 8 de agosto de 1932 e finado en Santos o 14 de xuño de 2015, foi un futbolista brasileiro que xogaba como centrocampista. Considerado un dos maiores ídolos da historia do Santos FC, militou durante 15 anos no club, e é o terceiro futbolista con máis partidos da súa historia (733), superado só polos seus compañeiros Pelé e Pepe. Conquistou co Santos un total de 22 títulos oficiais, moitos deles como capitán. Foi 52 veces internacional coa selección brasileira, coa que gañou dúas Copas do Mundo (Suecia 1958 e Chile 1962).

Traxectoria

Inicios Nacido no municipio paulista de Roseira, pretendía inicialmente ser mestre de escola, e asistiu ás escolas técnicas da súa vila natal, antes de decantarse pola carreira de futbolista. ligazón=//upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/d/de/Brasil_-_1958.jpg/220px-Brasil_-_1958.jpg|miniatura| Zito (de pé, terceiro dende a esquerda) coa selección brasileira instantes antes do comezo da final do Mundial de 1958. ligazón=//upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/d/d5/Sele%C3%A7%C3%A3o_Brasileira_de_Futebol_na_Copa_do_Mundo_de_1962.tiff/lossy-page1-220px-Sele%C3%A7%C3%A3o_Brasileira_de_Futebol_na_Copa_do_Mundo_de_1962.tiff.jpg|miniatura| Zito (de pé, segundo dende a esquerda) coa selección brasileira antes dun partido do Mundial de 1962. Comezou a xogar ao fútbol en clubs modestos como o Roseira, o Estudantes de Pinda ou o São Paulo de Pindamonhangaba, pasando logo polo Taubaté, antes de fichar en 1952 polo Santos.

Santos Debutou co Peixe o 29 de xuño de 1952, nunha vitoria por 3-1 contra o Madureira nun partido amigable. Gañou rapidamente a titularidade e militou no club durante os seguintes 15 anos, acumulando 733 partidos e marcando 57 goles. Foi o capitán do chamado equipo dos Santásticos, que gañou numerosos títulos nas décadas de 1950 e 1960, con xogadores como Pelé, Pepe e outras estrelas brasileiras. Entre os seus triunfos cóntanse cinco Campionatos Brasileiros consecutivos, nove Campionatos Paulistas, dúas Copas Libertadores e dúas Copas Intercontinentais.

Era alcumado Gerente polos medios brasileiros, debido a que axudaba ao adestrador Lula nas labores técnicas. Na Copa Intercontinental de 1963 foi titular no partido de ida pero perdeu por lesión tanto o encontro de volta como o de desempate. Aínda así, actuou como asistente de Lula nos dous partidos, nos que o seu equipo gañou o segundo título intercontinental consecutivo.

Xogou o seu último partido o 7 de novembro de 1967, unha vitoria por 5-0 contra un combinado de xogadores do Ferroviário e do Fortaleza no estadio Presidente Vargas de Fortaleza.

Selección brasileira Disputou 52 partidos coa selección brasileira, coa que marcou tres goles. Acompañado habitualmente no centro do campo por Didi, formou parte do equipo que gañou o Mundial de 1958 en Suecia. Comezou o torneo como suplente e rematouno como titular indiscutible, formando xunto a Didi o centro do campo na vitoria final sobre a selección anfitrioa.

Catro anos despois, no Mundial de 1962 en Chile, o seleccionador Aymoré Moreira apostou pola mesma parella de medios, disputando estes como titulares tódolos encontros. Na final contra Checoslovaquia no Estadio Nacional, con Pelé ausente por lesión e co marcador sinalando un empate a un gol, Zito finalizou de cabeza un centro de Amarildo e bateu ao gardameta Viliam Schrojf, poñendo ao Brasil por diante pouco antes de que Vavá culminase a remontada. Foi incluído no Equipo Ideal do Torneo.

Trala retirada Tras colgar as botas foi vicepresidente do Santos entre 1978 e 1982, e máis tarde foi nomeado director de fútbol polo presidente Milton Teixeira. Dende o ano 2000 traballou na canteira do club, contribuíndo ao descubrimento de novos talentos como os de Robinho, Diego, Neymar ou Gabigol.

Morte Nos seus últimos anos padeceu Alzheimer. En 2014 sufriu un derramo cerebral e o 14 de xuño de 2015 faleceu aos 82 anos en Santos, deixando a Pelé, Pepe e Zagallo como os tres últimos brasileiros sobreviventes da final do Mundial de 1958.

Estilo de xogo Centrocampista forte e con dotes de mando, era coñecido sobre todo polo seu liderado no campo. Adoitaba ter un papel secundario como medio lateral, servindo de enlace entre a defensa e o ataque. Intelixente e moi organizado, destacaba pola súa capacidade para recuperar a posesión e marcar o ritmo no medio do campo mediante os seus movementos e pases precisos. Aínda que se manexaba ben co balón, prefería xogalo a outros centrocampistas máis creativos e hábiles antes que levalo el mesmo cara a adiante. Aínda así, era capaz de comezar xogadas de ataque despois de roubar o balón, distribuíndo rapidamente o balón cara a adiante con pases sinxelos, pero ordenados e eficientes.

Palmarés Santos Campionato Brasileiro (5): 1961, 1962, 1963, 1964, 1965. Campionato Paulista (9): 1955, 1956, 1958, 1960, 1961, 1962, 1964, 1965, 1967. Torneo Río - São Paulo (4): 1959, 1963, 1964, 1966. Copa Libertadores (2): 1962, 1963. Copa Intercontinental (2): 1962, 1963.

Selección brasileira Copa do Mundo (2): 1958, 1962.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Biografía de Zito no Museu do Futebol .

Categoría:Nados en 1932 Categoría:Nados no estado de São Paulo Categoría:Finados en 2015 Categoría:Futbolistas do Brasil Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Santos FC Categoría:Xogadores da selección de fútbol do Brasil Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 1958 Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 1962 Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 1966 Categoría:Enfermos de alzhéimer Categoría:Futbolistas gañadores do Mundial