José Luis Artetxe Muguire, nado en Algorta o 28 de xuño de 1930 e finado en Biscaia o 19 de marzo de 2016, foi un futbolista español, que xogaba de extremo dereito. Xogador histórico do Athletic Club, desenvolveu toda a súa carreira profesional no club bilbaíno, disputando 350 partidos oficiais, nos que marcou 137 goles. É o noveno máximo goleador da historia do club.

En 1956 converteuse no primeiro futbolista español en marcar un triplete na Copa de Europa.

Traxectoria

Athletic Club Comezou a xogar ao fútbol no Munguía, ata que en 1949 foi fichado polo Athletic Club e este cedeuno na súa primeira tempada ao Getxo da súa vila natal, equipo da Terceira División. Na tempada 1950/51 debutou co Athletic en partido oficial, concretamente o 10 de setembro de 1950, nunha vitoria por 4-0 sobre Atlético de Madrid. Marcou o seu primeiro tanto coa camiseta branca e vermella no seu terceiro partido, contra o Real Madrid.

Militou no club bilbaíno durante un total de 15 tempadas, contabilizando 350 partidos oficiais e 137 goles, o que o sitúa como o noveno máximo goleador da historia do club. Durante anos formou unha popular dianteira xunto a Markaida, Arieta I, Uribe e Gaínza.

Gañou co Athletic unha liga, tres Copas do Xeneralísimo e unha Copa Eva Duarte. A súa tempada máis prolífica foi a 1955/56, con Ferdinand Daučík no banco, na que marcou un total de 21 goles e se proclamou campión de liga e de Copa. Ao ano seguinte debutou xunto ao club na Copa de Europa e converteuse no primeiro futbolista español en marcar un triplete na competición, ao lle meter tres goles ao Porto. A día de hoxe mantense como o máximo goleador histórico do Athletic na máxima competición continental, con 5 goles.

Selección española Foi seis veces internacional coa selección española, coa que debutou o 17 de marzo de 1954 no imporante partido ante Turquía no estadio Olímpico de Roma, que decidía cal dos dous equipos disputaría o Mundial de 1954. Artetxe abriu o marcador, pero o encontro rematou con empate a dous goles e decidiuse a favor do equipo turco por sorteo a través da man inocente dun neno de 10 anos.

Disputou o seu último partido internacional o 17 de decembro de 1959, contra Francia.

Trala retirada Mentres xogaba no Athletic estudou para perito industrial e montou unha fábrica de pensos en Mungia, á que se dedicou despois de colgar as botas.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador no sitio web do Athletic Club . Datos do xogador coa selección española .

Categoría:Nados en Getxo Categoría:Nados en 1930 Categoría:Finados en 2016 Categoría:Futbolistas do País Vasco Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do CD Getxo Categoría:Xogadores do Athletic Club de Bilbao Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España