A rebelión das putas de San Julián é un evento da historia arxentina ocorrido en Puerto San Julián o 17 de febreiro de 1922, no epílogo das loitas da Patagonia rebelde. Ese día, as prostitutas do bordel local "La Catalana" negáronse a atender aos soldados do Décimo Rexemento de Cabalaría do tenente coronel Héctor Benigno Varela, acusándoos a berros do asasinato de operarios agrarios. As prostitutas foron detidas, mais o comisario de San Julián decidiu non executalas para non engrandecer o seu acto de resistencia, senón que optou por deixalas ir. A rebelión das putas de San Julián foi a única protesta pública que houbo na Arxentina tras a represión masiva contra os operarios patagóns de 1920-1922.
Historia
Prolegómenos En novembro de 1920, os peóns gandeiros da provincia de Santa Cruz, sindicados en torno á FORA, declaráronse en folga xeral debido á baixa calidade de vida proporcionada polos terratenentes locais, en parte debido á baixada dos prezos da la tras o fin da primeira guerra mundial. Os terratenentes, arxentinos e británicos, contraatacaron reprimindo aos folguistas coa axuda da policía local, o que aumentaría a dimensión da folga. Ante o tamaño do problema, en febreiro de 1921 o entón presidente Yrigoyen mandou á rexión a negociar ao tenente coronel Varela e ao seu Décimo Rexemento de Cabalaría. O resultado foi que a maioría das demandas dos operarios arxentinos (nas que se incluían un día máis de descanso semanal, un lugar limpo e seco onde durmir e candeas para alumearse durante o escuro inverno patagón) foron satisfeitas.
Porén, unha vez Héctor Benigno Varela e a súa tropa retiráronse, os terratenentes da rexión negáronse a cumprir os pactos, converténdoos en papel mollado, e tornaron a reprimir aos operarios coa axuda das autoridades. Estes responderon volvendo a declarar a folga en outubro de 1921, o que implicou que o presidente Yrigoyen volvese a mandar a Varela ao Sur, con ordes de solucionar o conflito. Varela instaurou un réxime policial na provincia de Santa Cruz, e empregou indiscriminadamente a violencia coa fin de rematar co conflito e cos traballadores folguistas e as súas pretensións. As súas brutais persecucións e fusilamentos custaríanlle a vida a entre 1000 e 1500 operarios, maioritariamente da propia rexión ou do próximo arquipélago chileno de Chiloé. Tras o exterminio dos operarios rebeldes e o asasinato ou exilio dos seus principais líderes, Varela daría a súa misión por finalizada o 10 de xaneiro de 1922.
Os feitos Unha vez rematada a represión na Patagonia, denantes de volver a Bos Aires, en febreiro de 1922, Varela premiou aos seus homes pagándolles unha visita ás mancebías máis achegadas ao seu lugar de acuartelamento. O 17 de febreiro, un grupo de soldados baixo as ordes dun suboficial, acuartelados en Puerto San Julián, comezaron os preparativos para visitar o bordel local de "La Catalana" e así cobrárense a súa recompensa.
O historiador Osvaldo Bayer relata o que aconteceu a partir dese intre da seguinte maneira:Reuniuse aos soldados, fíxoselles poñer en posición de descanso e explicóuselles que ían ir ao prostíbulo por quendas. Un suboficial, con termos ben claros para que entendesen todos, deu detalles de como se debe facer uso dunha prostituta e non contaxiarse unha gonorrea ou un chancro.
As cousas organizáronse ben porque previamente mandouse dicir ás donas dos prostíbulos que a tal hora ía a ir a primeira quenda de soldados para que tivesen listas ás pupilas. En San Julián avisouse a Paulina Rovira, dona da casa de tolerancia “La Catalana”.
Pero cando a primeira quenda de soldados achegouse ao prostíbulo, dona Paulina Rovira saíu ás présas á rúa e conversou có suboficial. Algo pasaba, os rapaces comezáronse a poñer nerviosos. O suboficial viralles a explicar: algo insólito, as cinco putas do quilombo néganse. E a dona afirma que non as pode obrigar. O suboficial e os recrutas tómano como un insulto, unha humillación para cos uniformes da Patria. Ademais, a verdade é que andan excitados. Conversan entre eles e anímanse. Todos, en cuadrilla, tratan de meterse no lupanar. Pero de aí saen as cinco pupilas con vasoiras e paus e os enfrontan ao berro de “¡asasinos! ¡porcalladas!”, “¡con asasinos non nos deitamos!”
A palabra asasinos deixa xeados aos soldados que aínda que fan xestos de sacar a charrasca, retroceden ante a decisión do mullerío que reparte paus como entolecido. O barullo é grande. Os soldados perden a batalla e fican na verea de enfronte. As pupilas desde a porta de entrada non lles mesquiñan insultos. Ademais de “asasinos e porcalladas” dinlles “cabróns malparidos” e —segundo o posterior protocolo policial— “tamén outros insultos obscenos propios de rameiras”.Un sumario policial da época recolleu algúns dos datos das cinco prostitutas rebeldes. Estas eran, a saber: Consuelo García, 29 anos, arxentina, solteira, profesión: pupila do prostíbulo “La Catalana”; Angela Fortunato, 31 anos, arxentina, casada, modista, pupila do prostíbulo; Amalia Rodríguez, 26 anos, arxentina, solteira, pupila do prostíbulo; María Juliache, española, 28 anos, solteira, sete anos de residencia no país, pupila do prostíbulo; e Maud Foster, inglesa, 31 anos, solteira, con dez anos de residencia no país, de boa familia, pupila do prostíbulo.
Consecuencias As cinco prostitutas de "La Catalana", así coma os músicos do bordel, serían prestamente prendidos tras o acto de rebeldía. Os músicos serían postos en liberdade de inmediato ao chegar á comisaría, ao declararen que condenaban a rebelión, mentres que as meretrices foron metidas nun calabozo. Segundo Romina Behrens, investigadora da UNPA, no cárcere as putas foron asediadas con vexames tales como o de mollalas e deixalas expostas á intemperie coa roupa posta. O documentalista Pablo Walker, pola súa banda, afirma que non hai probas de tales torturas e vexacións, nin queda constancia na memoria colectiva do pobo de San Julián. O comisario de San Julián pediu, tras o encarceramento das putas, consello ao tenente primeiro ao cargo da gornición militar local, para dirimir o destino das sublevadas. Este militar non quería máis escándalos, nin que o acto pasase a maiores, polo que as prostitutas foron finalmente postas en liberdade. Tras a súa liberación, as putas serían expulsadas de Puerto San Julián, sendo a única que volvería a posteriori Maud Foster, tras traballar durante un tempo nun prostíbulo en Cañadón León (actual Gobernador Gregores). Foster morrería en Puerto San Julián en 1968, formando hoxe a súa tumba parte do circuíto histórico e do patrimonio da localidade.
Do resto de meretrices, descoñécese o seu destino tras a súa expulsión de San Julián. Sábese, por un expediente do 20 de setembro de 1923, que Paulina Rovira, madama de "La Catalana" seguía vivindo en Puerto San Julián nesa data.
Pola súa parte, Héctor Benigno Varela, como principal responsábel do asasinato indiscriminado de operarios da Patagonia rebelde, foi executado en represalia o 27 de xaneiro de 1923 polo anarquista Kurt Gustav Wilckens. Wilckens sería, á súa vez, asasinado no cárcere por Jorge Ernesto Pérez Millán Temperley, parente de Varela. Este último sería, finalmente, liquidado por Esteban Lucich a instancias do anarquista Germán Boris Vladimirovich.
Descubrimento da rebelión, repercusión e homenaxes O historiador Osvaldo Bayer descubriría a historia das putas de San Julián e incluiríaa no tomo dous da súa monumental investigación La Patagonia rebelde (1972). O documento orixinal no que Bayer achou primeiramente a historia perdeuse nalgún momento entre 1972 e 2022. Bayer tamén contaría posteriormente a historia das putas nun coloquio público na Universidade de Tréveris.
A rebelión das putas de San Julián foi descrita coma un exemplo temperán da loita feminista na Arxentina. Segundo Bayer e o documentalista Pablo Walker, o exército arxentino meteu presión con éxito ao terceiro peronismo para que o episodio da Rebelión das Putas fose omitido da película de 1974 La Patagonia rebelde.
En 2013 estreouse no Teatro Nacional Cervantes Las putas de San Julián, unha obra de teatro conmemorativa das mesmas, dirixida por Rubén Mosquera. Esta obra representaríase no devandito teatro ao longo da tempada 2013-2014, e de xeito itinerante en 2021 en varias localidades da provincia de Santa Cruz. Até o seu falecemento en 2018, a obra contaría entre os seus figurantes co mesmo Osvaldo Bayer, estando presentes na súa primeira representación membros do sindicato arxentino de prostitutas AMMAR; as cales tamén asesoraron ao director a petición do propio Bayer. En 2015, o Quinteto Negro La Boca, unha agrupación de tango, presentaría o seu disco Tangos Libertarios, nunha de cuxas cancións (Las Putas de San Julián) tamén homenaxean ás devanditas.
O 17 de febreiro de 2022, como conmemoración a cen anos do episodio, a Comisión Las Pxtas de San Julián -un colectivo de militantes, organizacións e áreas do Goberno de Santa Cruz e do concello de San Julián- rendeu homenaxe ás putas rebeldes en Puerto San Julián realizando unha serie de eventos ao longo de varios días coa fin de conmemorar o acto de resistencia.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Georgina Orellano
Bibliografía
Bayer, Osvaldo (2009). La Patagonia Rebelde . Txalaparta. Colección Gebara.
Categoría:Prostitución Categoría:Historia da Arxentina Categoría:1922 Categoría:Rebelións