Mathew Anikuzhikattil, nado o 23 de setembro de 1942 en Kuruvinal (Raj Británico) e finado o 1 de maio de 2020 en Kolenchery (Kerala, India), foi un eclesiástico católico siro-malabar malaiala, bispo de Idukki entre 2003 e 2018. Traxectoria Naceu o 23 de setembro de 1942 en Kuruvinal (Raj Británico), sendo o terceiro fillo de Kunjukutty e Aleykutty Anikuzhikattil. Trasladouse moi novo xunto coa súa familia a Kunchithanny, e completou entre esta vila e a de Chithirapuram a educación básica; posteriormente completou os estudos secundarios en Mutholy. En 1961 ingresou no seminario menor de Kothamangalam, e logo no seminario maior de Vadavathoor onde estudou Filosofía e Teoloxía. O 15 de marzo de 1971 foi ordenado sacerdote diocesano de Kothamangalam polo seu bispo Matthew Pothanamuzhi na parroquia de Kunchithanny.
Logo de ser ordenado sacerdote, foi nomeado párroco auxiliar da catedral de San Xurxo de Kothamangalam, e dous anos despois párroco en Josegiri; nesta aldea estivo sete anos e tivo un papel importante na construción da nova igrexa e na actividade pastoral. Posteriormente tivo un breve paso polas parroquias de Churuly e de Ezhukumvayal, e realizando diversos encargos pastorais en Muvattupuzha e Neyyassery; finalmente, en 1985 comezou estudos de doutoramento en Teoloxía litúrxica na Universidade Católica de Lovaina. Logo de completar o doutoramento, e á súa volta á India en 1989, foi nomeado sucesivamente vigairo da igrexa de San Sebastián de Pottankad e párroco da igrexa de San Miguel en Randar.
En maio de 1990 foi nomeado chanceler e secretario da eparquía de Kothamangalam e profesor visitante do Pontificio Instituto Oriental de Estudos Relixiosos. Dez anos máis tarde, en 2000, foi nomeado reitor do seminario menor de Kothamangalam; formou parte tamén en diferentes períodos de varias comisións e consellos diocesanos.
O 15 de xaneiro de 2003 foi nomeado bispo da nova eparquía de Idukki erixida por Xoán Paulo II. Recibiu a ordenación episcopal o 2 de marzo do mesmo ano, de mans do arcebispo maior de Ernakulam-Angamaly Varkey Vithayathil, e tivo como co-consagradores principais ao bispo de Kothamangalam George Punnakottil e ao bispo de Palai Joseph Pallikaparampil.
Como bispo, tivo a responsabilidade de estabelecer a estrutura administrativa da nova eparquía, destacando a creación dun novo seminario menor e a construción da catedral. Desenvolveu tamén unha forte actividade pastoral, coa creación de novas parroquias e a visita en varias ocasións a todas as parroquias diocesanas, e escribindo 75 cartas pastorais. No eido social, estabeleceu a High Range Development Society para a mellora das condicións de vida dos pobres de Idukki, e foi tamén impulsor do High Range Samrakshana Samithi, un movemento para a protección dos dereitos básicos dos granxeiros do territorio. Finalmente, exerceu tamén diversos encargos no Consello de Bispos Católicos de Kerala e no Sínodo da Igrexa siro-malabar.
Retirouse o 12 de xaneiro de 2018. Con problemas renais e cardíacos, pasou os seus útimos meses en diferentes hospitais. Finou o 1 de maio de 2020 en Kolenchery.
Notas
Categoría:Nados en 1942 Categoría:Nados en Kerala Categoría:Finados en 2020 Categoría:Bispos católicos do século XXI Categoría:Bispos católicos da India Categoría:Bispos da Igrexa católica siro-malabar Categoría:Alumnos da Universidade Católica de Lovaina