Miguel Pardeza Pichardo, coñecido deportivamente como Pardeza, nado en La Palma del Condado, Huelva, o 8 de febreiro de 1965, é un exfutbolista e filólogo español.
Comezou a súa carreira no Real Madrid, onde foi o único membro non madrileño da "Quinta do Voitre", aínda que os seus maiores éxitos logrounos co Zaragoza. Foi cinco veces internacional coa selección española, coa que disputou o Mundial de 1990.
Traxectoria Como xogador Real Madrid Formouse dende os 14 anos na canteira do Real Madrid, e na tempada 1982/83 debutou co filial, o Real Madrid Castilla, na Segunda División. Na seguinte tempada o Castilla proclamouse campión de Segunda, e o xornalista Julio César Iglesias alcumou como "Quinta do Voitre" a un grupo de cinco xogadores do equipo, formado por Emilio Butragueño, Manolo Sanchís, Míchel, Rafael Martín Vázquez e o propio Pardeza.
O derradeiro día de 1983, debutou co primeiro equipo na Primeira División, nun partido contra o Espanyol, entrando nos minutos finais como substituto de Uli Stielike. Disputou un total de 3 partidos co equipo de Di Stéfano esa tempada, e na seguinte, mentres os seus compañeiros se consolidaban no primeiro equipo, el continuou no filial, co que marcou 12 goles.
Na tempada 1985/86 foi cedido ao Zaragoza, co que disputou 39 partidos, marcando 10 goles, e contribuíu na conquista da Copa do Rei, realizando unha destacada actuación na final ante o FC Barcelona. O Real Madrid recuperouno para o ano seguinte, pero no club branco encontrouse coa dura competencia de Butragueño, Hugo Sánchez e Valdano, que ocupaban a liña atacante titular, ademais do veterano Santillana. A súa grande oportunidade chegou coa lesión de Valdano, aproveitando para facerse coa titularidade. Disputou 25 partidos de liga e marcou cinco goles, dous deles ante o Zaragoza, e debutou na Copa de Europa. Ese ano o Real Madrid gañou a segunda das cinco ligas consecutivas que gañou a finais dos anos oitenta.
Zaragoza Ao remate da tempada, Pardeza deixou o club madrileño para xogar no Zaragoza. No club aragonés destacaban futbolistas como o veterano Señor, os centrais Juanito e Fraile, ou os futuros internacionais, Villarroya e Vizcaíno e sobre todo o histórico dianteiro uruguaio Rubén Sosa. Militou no equipo durante os seguintes 10 anos, exercendo como capitán dende a retirada de Señor, e formou unha célebre dianteira xunto con Paquete Higuera. Con Radomir Antić como adestrador, o equipo clasificouse para a Copa da UEFA, e con Víctor Fernández proclamouse campión da Copa do Rei na campaña 1993/94 e da Recopa de Europa na seguinte.
Deixou o club en 1997, despois de 369 partidos oficiais e 97 goles.
Puebla A continuación marchou a México, onde fichou polo Puebla, club co que xogou dúas tempadas na Primeira División antes de colgar as botas.
Selección española Foi internacional coas categorías inferiores da selección española, e en 1986 proclamouse campión da Eurocopa sub-21, despois de derrotar na final a Italia.
Coa selección absoluta tivo poucas oportunidades, pois o posto de segundo dianteiro estaba monopolizado polo seu antigo compañeiro e amigo Emilio Butragueño (o primeiro era Julio Salinas). Aínda así foi internacional en cinco ocasións e foi convocado para o Mundial de 1990 en Italia, onde estiveron presentes todos os integrantes da "Quinta do Voitre".
Trala retirada Entre 2002 e 2008 foi director deportivo do Zaragoza e de 2009 e 2014 ocupou o mesmo cargo no Real Madrid, durante a presidencia de Florentino Pérez.
Comezou a estudar Dereito na súa época de futbolista, pero tras varios anos deixouno para estudar o que realmente lle gustaba, a Filoloxía Hispánica. Licenciouse e realizou a súa tese de doutoramento sobre a obra de César González Ruano, sobre quen tamén editou unha ampla selección de artigos xornalísticos en tres volumes. O 15 de abril de 2016 recibiu o premio ao Alumno Distinguido da Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Zaragoza, a súa alma máter, nun acto solemne presidido polo reitor, José Antonio Mayoral, o conselleiro de Innovación, Investigación e Universidade do Goberno de Aragón, Pilar Alegría, e o decano da facultade, Eliseo Serrano Martín, celebrado no Paraninfo da Universidade de Zaragoza.
Grande afeccionado á lectura, posúe unha colección de máis de 15.000 libros. En 2016 publicou a súa primeira novela, titulada Torneo, e no 2020 saíu á luz o seu segundo libro, de título Angelópolis.
Palmarés Castilla Segunda División (1): 1983/84.
Real Madrid Primeira División (1): 1986/87.
Zaragoza Copa do Rei (2): 1985/86, 1993/94. Recopa de Europa (1): 1994/95.
Obra
Torneo (2016). Angelópolis (2020).
Edicións
César González Ruano. Obra periodística (1925-1936), Fundación Cultural Mapfre Vida, Madrid, 2002. César González Ruano. Obra periodística (1943-1965), Tomos I e II Fundación Cultural Mapfre Vida, Madrid, 2003. César González Ruano, Necrológicas, Fundación Cultural Mapfre Vida, Madrid, 2005.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Datos do xogador no sitio web do Real Madrid . Datos do xogador na selección española .
Categoría:Nados en La Palma del Condado Categoría:Nados en 1965 Categoría:Futbolistas de Andalucía Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Real Madrid Castilla Categoría:Xogadores do Real Madrid CF Categoría:Xogadores do Real Zaragoza Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-21 Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España Categoría:Alumnos da Universidade Autónoma de Madrid Categoría:Alumnos da Universidade de Zaragoza Categoría:Filólogos de España Categoría:Escritores de Andalucía Categoría:Directores deportivos de fútbol de España