O PAC JF-17 Thunder (urdú: جے ایف-17 گرج), ou CAC FC-1 Xiaolong (pinyin: Xiāo Lóng; lit. 'Dragón Feroz'), é un avión de combate multirrol lixeiro de cuarta xeración desenvolvido conxuntamente por Pakistan Aeronautical Complex (PAC) e Chengdu Aircraft Corporation (CAC) de China. Foi deseñado para substituír os avións de combate A-5C, F-7P/PG, Mirage III, e Mirage V na Forza Aérea de Paquistán. O JF-17 pode ser usado para múltiples roles, como intercepción, ataque a terra, anti buque, e recoñecemento. A designación paquistaní "JF-17" significa "Joint Fighter-17", co "-17" indicando que, na visión da Forza Aérea, é o sucesor do F-16. A designación chinesa "FC-1 Xiaolong" vén de "Fighter China-1 Dragón Feroz".

O JF-17 pode utilizar distintos tipos de munición, como mísiles aire-aire, aire-superficie e anti-buque, e un autocanón de 23 mm GSh-23-2. Impulsado por un turboventilador con posqueimador Guizhou WS-13 ou Klimov RD-93, pode acadar unha velocidade máxima de Mach 1,6. O JF-17 é a espiña dorsal da Forza Aérea de Paquistán, complementando ao Lockheed Martin F-16 Fighting Falcon custando a metade. O JF-17 foi introducido na Forza Aérea de Paquistán en febreiro de 2010.

O 58% do JF-17, incluída a súa fuselaxe dianteira, as ás, e o estabilizador vertical, fabrícase en Paquistán, mentres que o 42% é producido na China, realizándose a montaxe final en Paquistán. En 2015 Paquistán fabricou 16 JF-17. En 2016, PAC tiña a capacidade de producir 20 JF-17 por ano. En abril de 2017, PAC fabricara 70 avións Block 1 e 33 Block 2 para a Forza Aérea. En 2016 os JF-17 acumularan máis de 19 000 horas de voo na Forza Aérea. En 2017 comezou a desenvolverse unha variante de dous asentos coñecida como JF-17B para mellorar a súa capacidade operativa, para adestramento de conversión, e adestramento de combate inicial. A variante JF-17B Block 2 comezou a producirse en serie en 2018 e en decembro de 2020 entregáranse 26 avións. Ese mesmo mes PAC comezou a produción en serie da versión máis avanzada Block 3, cun radar de varredura electrónica activa (AESA), o motor ruso máis potente Klimov RD-93MA, un Head-Up Display (HUD) máis grande e avanzado, contramedidas electrónicas, un soporte adicional, e unha capacidade de armamanto mellorada.

Os JF-17 da Forza Aérea de Paquistán viron acción militar, tanto aire-aire como aire-terra, no bombardeo de posicións terroristas en Waziristán do Norte preto da fronteira con Afganistán durante operacións antiterroristas e 2014 e 2017, usando tanto municións guiadas como convencionais, derrubando un drone militar iraniano n Balochistán en 2017, na operación Swift Retort durante os ataques aéreos a Jammu e Caxemira, e en escaramuzas aéreas entre India e Paquistán.

Notas

Categoría:Aeronaves militares Categoría:Cazas a reacción de cuarta xeración