O HESA Saeqeh (persa: صاعقه, "raio"), tamén escrito Sa'eqeh; Saegheh, ou Saeqeh-80, é un caza monopraza iraniano derivado do estadounidense Northrop F-5. Un produto conxunto da Forza Aérea de Irán e o Ministerio de Defensa, é a segunda xeración do caza iraniano HESA Azarakhsh.

Desenvolvemento O primeiro prototipo do reactor foi visto na televisión estatal realizando un voo de proba en xullo de 2004. Segundo a tradución realizada polo Instituto de investigacións de medios de comunicación no Oriente Medio (MEMRI) dunha transmisión da Rede de Noticias da República Islámica de Irán (IRINN), o Saeqeh converteuse nunha aeronave operacional o 6 de setembro de 2006 cando este participou nun exercicio militar do tipo xogo de guerra coñecido en Occidente como "Blow of Zolfaqar". Naquel exercicio, o cal comezou o 19 de agosto de 2006, o novo caza realizou accións descritas como "unha misión para bombardear brancos virtuais", e "unha misión de bombardeo simulado". Dous prototipos, os cales parecen diferir daquel que foi amosado previamente, realizaron unha pasada no aeropuorto Mehrabad en Teherán o 20 de setembro de 2007.Tres prototipos participaron nun desfile militar o 22 de setembro de 2007.

Irán anunciou que probaría as outras tres variantes do Saeqeh nun futuro próximo. Hassan Parvaneh, o executor do proxecto, dixo o 20 de setembro de 2007 que a fabricación da terceira xeración do Saeqeh estaba encamiñada e agregou que o novo tipo diferiría das xeracións anteriores debido a importantes cambios nos seus sistemas de armas, aerodinámica e alcance operacional.

En setembro de 2010 Irán amosou o primeiro escuadrón de cazas Saeqeh durante un festival aéreo celebrado durante os desfiles miltares ao principio da Semana da Defensa Sagrada de Irán segundo a axencia de noticias FARS. En maio de 2012 o ministro de defensa Ahmad Vahidi dixo que tres novas xeracións de cazas Saeqeh serían fabricadas e entregadas á Forza Aérea.

O 26 de agosto de 2012, o viceprimeiro ministro de defensa Mohammad Eslami anunciou que unha versión actualizada do Saeqeh sería introducido na Forza Aérea de Irán cara finais de 2013.

Deseño Publicouse moi pouca información sobre as especificacións do Saeqeh. O comandante da Forza Aérea de Irán, o xeneral de brigada Ahmad Mighani, dixo que o Saeqeh está actualizado en termos de equilibrio aerodinámico e de sistemas de mísiles e radar. O director da Organización de Aviación do Ministerio de Defensa e Loxística das Forzas Armadas, Majid Hedayat, describiu o Saeqeh como un avión loxístico e de combate con gran manobrabilidade e habilidade para bombardear obxectivos próximos. O avión aseméllase a un Northrop F-5 con dous estabilizadores verticais en vez dun.

En 2008 Irán anunciou que o avión tiña un alcance de 3 000 km. Ten un radar Phazotron-NIIR N019 coñecido como "Baaz" cun alcance de 80 km que pode seguir a 10 obxectivos e pode atacar a dous deles ao mesmo tempo.

As diferenzas visuais entre o Saeqeh e o Northrop F-5E orixinal limítanse a dúas derivas en vez dunha, strakes adicionais nas ás e entradas de aire modificadas. A fuselaxe, o tren de aterraxe, os motores, o armamento e os instrumentos da cabina parecen ser idénticos aos do F-5E, o que indica que o Saequeh non éun caza de nova de construción, senón unha modificación do Northrop F-5.

Notas

Categoría:Cazas