Antonio Valero Yubero, nado en Madrid o 31 de marzo de 1932 e finado en Sevilla o 3 de outubro de 2018, foi un futbolista español, que xogaba de lateral esquerdo. Militou durante case toda a súa carreira no Sevilla FC, sendo considerado un dos mellores defensas da súa historia.

Traxectoria Nado en Madrid, comezou xogando no Castilla, para pasar logo ao Cuatro Caminos. Comezou a súa carreira como futbolista profesional no RCD Córdoba, na Segunda División, categoría na que debutou na primeira xornada da tempada 1951/52 contra o CD Málaga. Titular indiscutible disputou 58 partidos na categoría de prata, ademais doutros 11 de promoción de permanencia.

Tras realizar o servizo militar fichou polo Sevilla FC, por petición do adestrador Helenio Herrera. Militou no club durante as seguintes 10 tempadas, disputando un total de 231 partidos oficiais. Debutou nun partido contra o Deportivo da Coruña en Riazor e foi titular durante a maior parte do seu tempo en Sevilla, chegando a xogar varios partidos da Copa de Europa. En maio de 1963 sufriu unha lesión, e aínda que se recuperou non volveu disputar ningún partido oficial co Sevilla. Deixou entón o club e xogou unha última tempada co Xerez antes de retirarse aos 33 anos.

Selección nacional Disputou tres partidos coa selección B de España, e en 1957 xogou o seu primeiro e único partido coa selección absoluta. Foi nun amigable contra os Países Baixos, o mesmo encontro no que debutaron Luis Suárez e Alfredo Di Stéfano e que rematou con goleada española (5-1). Formou defensa aquel día xunto a Orúe e o seu compañeiro no Sevilla Campanal II.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Datos do xogador en BDFutbol .

Categoría:Nados en Madrid Categoría:Nados en 1932 Categoría:Finados en 2018 Categoría:Futbolistas da Comunidade de Madrid Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Córdoba CF Categoría:Xogadores do Sevilla FC Categoría:Xogadores do Xerez CD Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España