Kalevan Pallo Naiset, ou simplemente KalPa Naiset, é un equipo feminino de hóckey sobre xeo da cidade de Kuopio (Finlandia). Na tempada 2026-27 compite na Naisten Mestis, a segunda categoría do hóckey sobre xeo feminino finlandés. Xoga os seus partidos como local no Olvi Areena, un pavillón con capacidade para 5 300 persoas.
Historia O KalPa participou por primeira vez nunha liga feminina na tempada 1988–89, cando finalizou na última posición da I-divisioona, na que competían un total de seis equipos. Con todo, o equipo feminino xerou interese e reuniu as maiores audiencias da categoría, con 270 persoas nas bancadas nos seus partidos como local e 155 nos partidos que xogou como visitante. Esa tempada, na que tan só xogaron dez partidos, as máximas puntuadoras foron Nana Lamberg (2+0=2), Tuula Kuhmoinen (1+1=2) e Marika Lentz (1+1=2).
Na tempada 1990–91 o equipo debutou na Naisten SM-sarja, máxima categoría do hóckey sobre xeo feminino finés, finalizando na derradeira posición cos mesmos puntos que o SaiPa de Lappeenranta, co cal tivo que xogar un partido para decidir cal dos dous equipos se xogaba a permanencia. As de Lappeenranta leváronse o partido por tres goles a un e as xogadoras do KalPa tiveron que xogar unha serie ao mellor de tres partidos fronte o JoKP de Joensuu, primeiro clasificado do Grupo A da I-divisioona e que non conseguira o ascenso directo ante o Ketterä de Imatra. O KalPa comezou gañando o primeiro partido 2-3 na prórroga, mais o equipo carelio conseguiu a igualada no segundo partido (2-3), deixándoo todo por decidir no encontro decisivo, no que se acabaron impoñendo as de Kuopio (4-3).
O seu maior éxito chegou na tempada 2019-20, cando o equipo disputou a final da Naisten Liiga fronte a Kiekko-Espoo, se ben a final non chegou a disputarse por mor da pandemia por coronavirus. Con todo, na tempada seguinte conseguiu de novo chegar á final, de novo fronte ao equipo de Espoo, contra o que caeu en catro partidos (3-1).
En abril de 2026 a sociedade que opera o hóckey feminino do KalPa, Juniori-KalPa ry, anunciou que non solicitaría licenza para a tempada 2026-27 da Auroraliiga e que pasaría a competir na segunda categoría, a Naisten Mestis. O club de Kuopio sinalou que o seu obxectivo a longo prazo é o desenvolvemento do hóckey feminino e xuvenil. O KalPa afirmou que non era posible crear unha base sólida nin unha estrutura económica axeitada para formar un equipo competitivo na Auroraliiga baixo as condicións actuais da federación de hóckey sobre xeo.
Personalidades Xogadoras Cadro actual
Palmarés Trofeos colectivos SM-sarja/Naisten liiga 1 medalla de prata como segundo clasificado dos play-offs: 2021 5 medallas de bronce como terceiro clasificado dos play-offs: 1995, 1996, 2017, 2023, 2024
Notas
Referencias
Véxase tamén
Ligazóns externas Sitio web oficail KalPa Naiset en juniorikalpa.fi
Categoría:KalPa Naiset