miniatura| 3 de 10 amb folre i manilles cargado polos Minyons. Terrassa, 2010. Os Minyons de Terrassa son un grupo de castellers fundado en 1979. Teñen a súa sede en Terrasa e a súa camisa é de cor malva.

Os Minyons son a agrupación máis antiga de Terrasa, cidade sen tradición casteleira ata a súa aparición, e son unha das agrupacións máis destacadas do mundo "casteller", sendo os primeiros en teren completadas construcións de 10 pisos de altura.

Historia Malia que Terrasa foi escenario de actuacións de castellers nas primeiras décadas do século XX, non foi ata a transición cando se comezaron a ver os primeiros castellers locais. No ano 1979, un grupo de xoves vinculados ao Centro Excursionista de Terrassa fixeron os seus primeiros castelos de xeito informal, e o grupo evolucionou ata completar unha primeira actuación o 14 de xullo de 1979 na praza Vella de Terrasa.

No ano 1980 unha escisión deu lugar á fundación dos Castellers de Terrassa. A pesar diso, a evolución dos Minyons foi notable, completando castelos de sete pisos o ano 1980 e acadando erguer o seu primeiro castelo de oito pisos, o 4 de 8, en 1982.

En 1987, os Minyons acudiron por primeira vez á Diada de San Félix en Vilafranca del Penedès, unha das máis importantes do calendario, onde lograron cargar o seu primeiro 2 de 8 amb folre, unha torre que completarían en Terrasa nese mesmo ano, atinxindo tamén o 5 de 8 e o 3 de 8.

Após completar en 1989 o seu primeiro castelo de nove pisos, en 1993 a agrupación conseguiu, por primeira vez na historia, cargar o 2 de 9 amb folre i manilles, a primeira torre con tres bases. No mesmo 1993, a Generalitat de Cataluña concedeulles a Creu de Sant Jordi, a máxima distinción do goberno catalán.

En 1995 conseguiron en Barcelona o primeiro 5 de 9 amb folre do século XX, e en 1998 repetiron xesta en Xirona co primeiro 4 de 9 sense folre descargado en máis de 100 anos. Meses máis tarde, o 22 de novembro de 1998, os Minyons convertéronse na primeira agrupación en completar un castelo de dez pisos: o 3 de 10 amb folre i manilles, unha construción que os Castellers de Vilafranca cargaran unha semana antes malia que a deixaron sen completar.

En 2008, a agrupación marcou de novo un fito conseguindo cargar o primeiro 3 de 9 amb folre i pilar da historia. E no ano 2015 os Minyons fixeron o primeiro 4 de 10 amb folre i manilles da historia, a torre máis grande da historia, converténdose unha vez máis en pioneiros dos castells.

Posición contraria aos concursos de castells Ademais da súa filosofía innovadora tecnicamente, os Minyons destacan pola súa posición contraria a competición. Dende 1980, a agrupación negouse a participar en tódalas edicións do Concurso de Castells de Tarragona, que se celebra nesta localidade de xeito bianual. A agrupación defende que os castells non deben ser unha competición nin se deben puntuar, ademais de opoñerse a outras características do certame como o cobro de entrada, a falta de colaboración do público e entre agrupacións ou o funcionamento da actuación.

Malia que os Minyons non son a única agrupación que se negou a participar (fixérono, tamén, outros grupos como os Bordegassos de Vilanova), a agrupación de Terrasa sempre foi das máis críticas coa puntuación das torres e as competicións, unha postura que foi máis notábel polo feito de ser unha das agrupacións máis destacadas do mundo dos castells. miniatura| Primeiro 4 de 10 da historia, completado pola agrupación o 22 de novembro de 2015 en Terrasa.

Incorporación da muller ao mundo dos castells Dende a súa orixe a finais do século XIX, os castelos foron unha actividade puramente masculina, con algunha colaboración esporádica e anecdótica dalgunha persoa feminina próxima á actividade por vínculos basicamente familiares. Non foi ata a aparición dos Minyons de Terrassa en 1979, nun contexto de reivindicación, modernidade e progresismo, que as mulleres se incorporaron aos castells en situación de igualdade. En todo momento, os Minyons tiveron claro que as mulleres non podían quedar excluídas dunha actividade cultural, lúdica, festiva e mesmo fisicamente dura como son os castelos. Ata entón, como moito podía ser a enxaneta, pero non participaba na dinámica da agrupación nin ocupaba outros postos no tronco do castelo, núcleo ou piña.

Dende o primeiro momento, os Minyons de Terrassa formaron as súas construcións con homes e mulleres por igual. Esta innovación foi recibida con escepticismo por parte dos sectores máis tradicionalistas, mais as críticas quedaron silenciadas polos resultados positivos e os avances técnicos que provocou este cambio.

Notas

Véxase tamén = Ligazóns externas

Minyons de Terrassa - Páxina web oficial da agrupación. Categoría:Cultura de Cataluña Categoría:Terrasa Categoría:Castellers