Federico Nicolás Varela, coñecido futbolisticamente como Fede Varela, nado en Lanús o 7 de maio de 1996, é un futbolista galego-arxentino. Xoga como centrocampista no Phoenix Rising, do USL Championship dos Estados Unidos.

Traxectoria Nacido en Lanús, cidade do Gran Buenos Aires, xogou brevemente nas categorías inferiores de River Plate, antes de trasladarse con nove anos a Galicia, onde viviu na vila lucense de Viveiro. Xogou na canteira do Viveiro CF, onde comezou a destacar, sendo fichado polo Celta de Vigo. En 2014, aínda en idade xuvenil, abandonou o club celeste para fichar polo Stade Nyonnais suízo.

Tras uns meses en Suíza, fichou en xaneiro de 2015 polo FC Porto, incorporándose ao filial do club, co que disputou 70 partidos e marcou 16 goles. Na tempada 2017/18 foi cedido ao Portimonense, co que debutou na Primeira Liga. Disputou 12 encontros, 6 deles como titular, rematando a liga na 10ª posición.

En xullo de 2018 chegou cedido ao Rayo Majadahonda, que acababa de ascender á Segunda División. Debutou co equipo de Antonio Iriondo na primeira xornada da tempada 2018/19, contra o Zaragoza na Romareda, e xogou un total de 39 encontros, marcando 3 goles. O equipo madrileño acabou descendendo.

En xullo de 2019 foi traspasado ao Leganés, da Primeira División, co que asinou por dúas tempadas. Con todo, non chegou a debutar co equipo en liga (xogou só un partido de Copa do Rei), e en xaneiro saíu cedido á UD Las Palmas ata o final da tempada. No equipo de Pepe Mel xogou 18 partidos e marcou un gol.

O 19 de setembro rescindiu o seu contrato co Leganés e asinou por dous anos co Denizlispor turco. Alí xogou 7 partidos da Süper Lig e un de Copa.

En xaneiro de 2021 rescindiu o seu contrato co club turco e uns días despois asinou co CSKA de Sofía. Co equipo búlgaro, adestrado por Lyuboslav Penev, proclamouse campión da Copa de Bulgaria. En decembro de 2022 marchou aos Estados Unidos, onde asinou como novo xogador do Phoenix Rising, do USL Championship, a segunda categoría do fútbol estadounidense.

Palmarés CSKA Sofia

Copa de Bulgaria (1): 2020/21.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol . Datos do xogador en Transfermarkt .

Categoría:Nados en Lanús Categoría:Nados en 1996 Categoría:Futbolistas da Arxentina Categoría:Futbolistas da provincia de Lugo Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do FC Stade Nyonnais Categoría:Xogadores do FC Porto B Categoría:Xogadores do Portimonense SC Categoría:Xogadores do CF Rayo Majadahonda Categoría:Xogadores do CD Leganés Categoría:Xogadores da UD Las Palmas Categoría:Xogadores do Denizlispor Categoría:Xogadores do PFC CSKA Sofia