A Sociedade do Verbo Divino (en latín: Societas Verbi Divini) é unha congregación relixiosa católica. Fundada en 1875 en Styl (Países Baixos) polo sacerdote alemán Arnold Janssen (1837-1909), os seus membros son coñecidos como verbitas ou misioneiros do Verbo Divino e engaden as siglas SVD ao seu nome.
Traxectoria En 1875, Arnold Janssen exiliado nos Países Baixos como outros sacerdotes e bispos católicos alemáns que fuxían das limitacións das políticas da Kulturkampf de Otto von Bismarck, pensou na posibilidade de que estes relixiosos emprenderan actividades misioneiras para difundir o catolicismo noutras partes do mundo. Deste xeito estableceu unha casa misional en Steyl que foi o berce da Sociedade do Verbo Divino. A congregación mandou a primeira misión a China, á provincia de Shandong, na que participou Xosé Freinademetz, canonizado por Xoán Paulo II en 2003. A segunda misión foi a de Togo, enviada en 1892, e, a terceira, en Papúa-Nova Guinea, en 1896.
A Sociedade tamén se instalou a finais do século XIX en América do Sur onde se encargaron da tarefa pastoral para os inmigrantes alemáns. Así na Arxentina chegaron en 1889, ao Brasil en 1895 e a Chile en 1900. Nestes países tamén fundaron colexios e seminarios, sendo algúns deles de grande prestixio nas súas sociedades, como é o caso do Colexio do Verbo Divino de Santiago de Chile.
Instalouse en España en 1945 con membros procedentes da Arxentina. Abriron un seminario en Lizarra (Navarra), en Coreses (Zamora) no ano 1949, e, en 1961, un noviciado en Dueñas (Palencia). Posteriormente pecharon estes centros educativos e centráronse en tarefas parroquiais en Navarra, Castela e León, Comunidade de Madrid e Andalucía. Ademais, en 1955 fundaron a Editorial Verbo Divino, especializada en publicacións relixiosas.
A Sociedade do Verbo Divino protagonizou un importante crecemento nos seus membros a finais do século XX e principios do XXI. Deste xeito, pasou dos 4 152 verbitas de 1950 aos 6 016 en 2020. Datos que contrastan co declinar que experimentaron a maior parte de ordes relixiosas logo do Concilio Vaticano II. A maior parte das vocacións que recibe a orde no século XXI proceden de Asia, especialmente da India, Indonesia e Filipinas.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Páxina do Xeneralato da congregación do Verbo Divino (en inglés e castelán) Páxina web das misións da Sociedade do Verbo Divino (en inglés)
Categoría:Ordes relixiosas católicas