Este artigo trata sobre o Estado de Nova York. Para a cidade homónima véxase Nova York.
O Estado de Nova York (/es̺ˈtaðʊ de ˈnɔ.βɐ jɔrk/; en inglés: New York State [nu jɔɹk steɪt]), ou tan só Nova York,En inglés: New York [nu jɔɹk]. é un dos cincuenta estados dos Estados Unidos de América, localizado na rexión Mid-Atlantic do país, ao nordeste do mesmo. A súa capital é Albany. É o maior centro financeiro e comercial do país, e o cuarto maior centro industrial dos Estados Unidos, por detrás de California, Texas e Ohio. Cos seus 19 millóns de habitantes, Nova York é o terceiro estado máis poboado dos Estados Unidos, detrás de California e Texas.
Non debe confundirse coa cidade homónima, a Cidade de Nova York, localizada no extremo sur do estado. Por iso, ao estado é costume chamar Estado de Nova York. A Cidade de Nova York non é só a maior cidade do estado, cos seus 8,5 millóns de habitantes (preto da metade da poboación estatal), senón tamén a maior cidade dos EEUU.
O alcume de Nova York é Empire State (Estado do Imperio). Os historiadores cren que este alcume vén dun comentario feito por George Washington -unha vez comentou que Nova York era o centro do Imperio (americano). O lema do Estado é Excelsior, unha palabra latina que significa "Sempre Arriba", "Sempre no Cume" ou "Aínda Máis Alto".
Nova York foi colonizado orixinalmente polos neerlandeses, que chamaron á rexión Novos Países Baixos. Tamén fundaron un asentamento na illa de Manhattan, chamado Nova Ámsterdan. Cando Inglaterra capturou o Estado dos neerlandeses, os ingleses renomearon tanto ao Estado como á cidade localizada en Manhattan a Nova York. Nova York foi unha das trece colonias británicas que se rebelaron na Guerra de Independencia dos Estados Unidos. Neste estado tiveron lugar un terzo de todas as batallas da guerra.
Logo da guerra, Nova York pasou a ser o 11º Estado en entrar na Unión, o 26 de xullo de 1788. Converteuse no máis poboado do país ao redor de 1810, aínda que foi excedido por California na década de 1960 e por Texas na década de 1990.
Historia Exploración e colonización europea miniatura|esquerda|150px|Giovanni da Verrazzano A rexión onde se atopa actualmente o Estado de Nova York estaba habitada por dous grupos de nativos americanos moito antes da chegada dos primeiros europeos á rexión. Estes grupos eran os iroqueses e os algonquinos, que eran rivais entre si. Os iroqueses estaban socialmente máis organizados que os algonquinos, e tiñan unha notable xerarquía política e social, ademais de que estaban máis avanzados militarmente.
O primeiro europeo en explorar a rexión onde actualmente se atopa o Estado de Nova York foi o explorador e navegante italiano Giovanni da Verrazzano, que exploraba en nome da corte francesa, e nomeou á rexión Nova Angulema (en francés Nouvelle Angoulême), en honra ao rei Francisco I de Francia. Alcanzou o río Hudson ao redor do ano 1524. miniatura|300px|Mapa dos Novos Países Baixos (século XVII) En 1609, o inglés Henry Hudson, que exploraba en nome dos Países Baixos, navegou río Hudson arriba, e oficialmente anexou a rexión aos neerlandeses. Aquela rexión pasaría a ser coñecida como Novos Países Baixos. Os neerlandeses fundaron varios postos comerciais na rexión, e estableceron relacións comerciais cos indíxenas iroqueses. En 1621, un grupo de mercantes neerlandeses crearon unha compañía, a Compañía Holandesa das Indias Occidentais. En 1624, o goberno neerlandés deu á Compañía Holandesa das Indias Occidentais todos os dereitos para comercializar cos Novos Países Baixos durante 24 anos. Aquel mesmo ano, enviouse unha primeira quenda de colonos, preto de 30 familias, á rexión, onde fundarían Fort Orange -que é a actual capital de Nova York, Albany.
En 1625, os neerlandeses fundaron unha vila, e iniciaron a construción dun forte, os dous na illa de Manhattan. Ambos foron chamados Nova Ámsterdan, sendo a vila a capital da colonia. A vila de Nova Ámsterdan desenvolveríase ata a que é a actual cidade de Nova York. En 1626, o gobernador dos Novos Países Baixos da época, Peter Minuit, comprou toda a illa de Manhattan aos indíxenas que vivían na rexión mediante o intercambio de produtos que valían en total preto de 24 dólares. Durante os anos seguintes, os neerlandeses fundarían diversos asentamentos e vilas na rexión do actual Estado de Nova York.
En 1629, a Compañía Holandesa das Indias Occidentais decidiu acelerar o proceso de colonización dos Novos Países Baixos. Puxo en marcha un sistema de latifundios, mediante o ofrecemento de grandes extensións de terra aos membros da Compañía. Estes membros só continuarían sendo propietarios das súas terras se conseguían colonizar as súas parcelas con certo número de colonos. A maioría fracasou en cumprir este obxectivo, pero un colono, Kiliaen van Rensselaer, alcanzou un grande éxito, colonizando as áreas onde actualmente se sitúan os condados de Albany, Columbia e Rensselaer. Grazas ao éxito de Rensselaer este sistema, no que poucos latifundistas controlaban grandes leiras e alugaban parcelas menores de terra aos granxeiros que estaban obrigados a cederen unha porcentaxe dada das súas colleitas aos propietarios, persistiría ata a década de 1840, cando unha serie de revoltas puxeron fin a este sistema.
1664 - 1790 miniatura|esquerda|150px|Peter Stuyvesant. Durante as décadas de 1640 e 1650, numerosos colonos da colonia inglesa de Connecticut establecéronse en Long Island, parte do actual Estado de Nova York. Ao principio, as relacións entre os colonos ingleses e neerlandeses eran amigables. Con todo, estas foron deteriorándose rapidamente no final da década de 1650. O rei Carlos II de Inglaterra decidiu conquistar os Novos Países Baixos, enviando unha frota naval en 1664, que ancorou na capital da colonia neerlandesa, Nova Ámsterdan. O entón gobernador dos Novos Países Baixos, Peter Stuyvesant, decidiu renderse sen resistencia.
Os Novos Países Baixos foron renomeados a Nova York polos ingleses, en homenaxe ao duque de York. O nome da vila de Nova Ámsterdan, pola súa banda, tamén sería cambiado a Nova York. Os franceses instalados en Nova Francia (que comprende actualmente o leste do Canadá) comezaron a interesarse polo norte da colonia inglesa de Nova York, ao redor de 1680. O explorador francés René Robert Cavelier de La Salle exploraría o norte de Nova York en 1669. En 1731, os franceses construíron un forte en Crown Point, no Lago Champlain, e reivindicaron o norte de Nova York. En 1689, desátase a guerra entre Inglaterra e Francia e inmediatamente Nova York pasa a ser escenario de numerosas batallas entre os ingleses e os franceses. Estas batallas, que se coñecerían como como Guerra Franco-Indíxena, tiveron lugar entre 1689 e 1763. Os ingleses, cunha gran vantaxe numérica e co apoio dos nativos algonquinos, derrotarían finalmente aos franceses e capturarían Nova Francia, en 1763. 250px|dereita|miniatura|Un fito quilométrico da Boston Post Road, unha estrada que se construíu lentamente entre o século XVII e o século XVIII. O control británico nas colonias de América do Norte era motivo de descontento entre a poboación do estado de Nova York. Na década de 1730, o xornalista John Peter Zenger criticou duramente ao goberno británico e foi preso por iso. Con todo, o xurado en 1735, considerou a Zenger inocente, alegando liberdade de prensa o que supuxo unha gran vitoria para a prensa americana.
Os habitantes do Estado tampouco se sentían conformes cos impostos que gravaban os produtos fabricados nas colonias, nin coa autoridade dos xuíces ingleses, e Nova York foi unha das Trece Colonias británicas que se rebelaron contra o Reino Unido na Guerra de Independencia dos Estados Unidos. Durante aquela guerra, preto de 30.000 persoas leais a Inglaterra abandonaron a colonia. Nova York foi palco de varias batallas importantes, como a Batalla de Saratoga, aínda que a cidade homónima foi capturada inmediatamente a comezos da guerra polos británicos, que abandonarían a cidade só despois da fin desta.
O 9 de xullo de 1776, o congreso provincial de Nova York reuniuse en White Plains, aprobando definitivamente a Declaración de Independencia dos Estados Unidos de América, adoptada polo Congreso Continental cinco días antes, o 4 de xullo. Nova York ratificaría os Artigos da Confederación o 6 de febreiro de 1778.
A fin da Guerra da Independencia fixo posible desenvolver as terras que forman actualmente o oeste do Estado de Nova York, que ata entón non facían parte de ningunha das antigas Trece Colonias. Nova York e Massachusetts reivindicaron a rexión. Polo Tratado de Hartford, de 1786, Nova York tería dereito á soberanía das terras, mentres que Massachusetts tería o dereito de adquirir as terras da rexión dos nativos americanos. Diversos grupos intentaron saltarse tratado, sen éxito. Un contrato de arrendamento de 999 anos asinado en 1787 foi rapidamente anulado polo Lexislativo de Nova York e de Massachusetts. miniatura|310px|esquerda|Compras de Phelps e Gorham. O 1 de abril de 1788, a rexión foi vendida a Nathaniel Gorham e Oliver Phelps, de Massachusetts, por un millón de dólares, a ser pagos en tres partes anuais. Gorham e Phelps, con todo, só adquiriron os dereitos de propiedade logo de comprar estas terras dos nativos americanos que habitaban a rexión, e inmediatamente abriron negociacións cos nativos americanos da rexión, adquirindo así as terras ao leste do río Genessee dos nativos a través do Tratado de Buffalo Creek, o 8 de xullo daquel mesmo ano. Gorham e Phelps con todo, rapidamente entraron en dificultades económicas, e acordaron ceder as terras ao oeste do río Genessee a Massachusetts en 1790. O 12 de marzo de 1791, Massachusetts vendeu todas estas terras a Robert Morris, que, á súa vez, inmediatamente vendeunas á Holland Land Company. Polo Tratado de Big Tree, asinado en setembro de 1797, Morris compra as terras ao oeste do Genessee dos nativos americanos. En 1802, a Holland Land Company abriu unha oficina de vendas en Batavia, e iniciou a venda das terras da rexión a terceiros. A oficina aínda existe en tempos actuais, convertida en museo.
Mentres tanto, durante o proceso de planificación do sistema de goberno federal, Nova York opúxose á instalación dun goberno centralizado. Logo de intensas discusións entre Nova York e outros Estados (ou futuros Estados) americanos, sobre temas relacionados co goberno estadounidense, Nova York aceptou ratificar a Constitución dos Estados Unidos de América o 26 de xullo de 1788, pasando a ser o 11° Estado en facer parte da Unión. A Cidade de Nova York foi temporalmente a capital do país, de 1785 a 1790, que foi cando a capital nacional cambiouse permanentemente a Washington, D.C.. Na Cidade de Nova York, George Washington foi investido primeiro Presidente dos Estados Unidos.
1790 - 1900 250px|dereita|miniatura|A Estatua da Liberdade, inaugurada en Nova York en 1886, era moitas veces o primeiro que vían os inmigrantes que chegaban á cidade. Nova York creceu rapidamente logo da independencia dos Estados Unidos, e en 1810, xa era o estado máis poboado do país, cunha poboación de 959.000 habitantes. Con todo, a Guerra de 1812 interrompeu temporalmente esta época de crecemento. As tropas británicas invadiron Estados Unidos, partindo do Canadá, e tiveron lugar algunhas batallas de pouca importancia no Estado. Con todo, Nova York continuou prosperando economicamente logo da guerra. Moitas persoas viñan doutras rexións do país, así como inmigrantes do Canadá, e moitos deles instaláronse no interior do estado. Así, por ao redor de 1820, Nova York xa tiña 1 380 000 habitantes. Despois do final da guerra, moitas persoas doutras partes do Estado ou do país pasaron a instalarse nas rexións fronteirizas, aínda despoboadas, ou pouco habitadas. En 1820, dunha poboación de 1 380 000 habitantes, preto duns 500.000 vivían no extremo occidental de Nova York, rexión fronteiriza anteriormente despoboada.