Enrique de la Fuente Santos, tamén coñecido como Quique de la Fuente, nado en Vigo o 11 de agosto de 1975, é un ex xogador galego de voleibol. Foi internacional coa selección española de voleibol, coa que gañou o Campionato Europeo e a Liga Europea en 2007. Tamén participou nos Xogos Olímpicos de 2000.
Traxectoria Comezou a súa carreira no Club Vigo da súa cidade natal, onde militou dende as categorías inferiores ata o primeiro equipo. Polo medio, estivo concentrado tres anos en Palencia coa selección española júnior. En 1992 foi recuperado polo Vigo e ese mesmo ano debutou co equipo na liga ACEVOL, máxima categoría do voleibol español. Militou no equipo vigués ata 1995, xogando xunto a xogadores como Fernando Bustamante, Xián Parga ou os seus propios irmáns Jorge e Rafael de la Fuente, e participando nos maiores éxitos da historia do club, disputando finais de Copa do Rei, acadando o cuarto posto na liga e clasificándose por primeira vez para unha competición europea, a Challenge Cup. miniatura|A cidade de Vigo ós seus atletas. En 1995 deixou o equipo vigués para xogar exclusivamente na selección española. En 1997 fichou polo Cannes, da liga francesa, onde militou durante dous anos ata que en 1999 se trasladou a Italia para fichar polo Mezzolombardo, na provincia de Trento. Na súa primeira tempada acabou quinto da Serie A2 e ao ano seguinte o club adquiriu os dereitos do Porto Ravenna na Serie A1, cambiando a súa sede á capital de provincia, Trento. Tras conseguir a salvación, no 2001 fichou polo Pallavolo Piacenza, da Serie A2, co que logrou o ascenso á máxima categoría na súa primeira tempada. Xogou un ano no club piacentino e en 2003 pasou ao Perugia, no que militou tres tempadas na máxima categoría. Rematou a súa andanza italiana no Gabeca Pallavolo na tempada 2006/07.
En 2007 marchou a Palma, onde se integrou nas filas do Club Voleibol Pòrtol, co que gañou ese ano a Superliga. Ao ano seguinte fichou polo Galatasaray turco, onde xogou un ano, e a continuación pasou polo tamén turco Arkas, antes de recalar na tempada 2010/11 no Trefl Gdańsk polaco.
En 2011 regresou a Vigo, para xogar unha última tempada e pechar a súa carreira no mesmo club no que a empezara dúas décadas antes.
Selección española Foi internacional coa selección española xuvenil nun cento de ocasións, e proclamouse con esta subcampión de Europa xuvenil en 1992, perdendo contra Italia a final disputada en Polonia.
En 1993, con só 17 anos, foi convocado por primeira vez pola selección española absoluta. Foi case 400 veces internacional coa absoluta, coa que gañou o Campionato Europeo e a Liga Europea en 2007. Antes participara nos Xogos Olímpicos de 2000 en Sydney, onde o equipo español non puido pasar da fase de grupos.
Vida persoal A súa muller é a xogadora de voleibol franco-polaca Kinga Maculewicz, á que coñeceu mentres xogaba no Cannes. Durante as súas carreiras no voleibol buscaron xogar en clubs da mesma cidade.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Datos do deportista no sitio web oficial do Comité Olímpico Internacional . Datos do deportista en olympedia.org .
Categoría:Nados en 1975 Categoría:Nados en Vigo Categoría:Xogadores de voleibol olímpicos de Galicia Categoría:Xogadores de voleibol nos Xogos Olímpicos de 2000