Antonio Couceiro Méndez, nado na Coruña o 18 de decembro de 1955, é un político e dirixente galego.

Foi conselleiro de Industria e Comercio durante o goberno de Manuel Fraga, entre 1994 e 1999, e deputado no Parlamento de Galicia polo Partido Popular entre 1997 e 1999. Ten ocupado presidencias e cargos nos consellos de administración de numerosas institucións, tanto públicas coma privadas. Preside desde 2016 a Cámara de Comercio da Coruña e presidiu o Deportivo da Coruña entre 2021 e 2023.

Traxectoria

Comezos (1955-1981) Estudou Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos e diplomouse en Dirección Xeral de Empresas e en Planificación e Administración de Empresas pola Universidade Politécnica de Madrid. Foi director técnico de Construcións Metálicas José González Gómez 1979 e 1981 e unha década máis tarde deu o salto á política.

Etapa na política (1981-2002) Foi director xerente de Xestur entre 1981 e 1990, a continuación director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (1990-1993) e logo director xeral de Formación e Emprego (1993-1994).

En 1994 entrou no goberno da Xunta de Galicia presidido por Manuel Fraga como conselleiro de Industria e Comercio. Ademais presentouse nas listas do Partido Popular ás eleccións ao Parlamento de Galicia de 1997 sendo elixido deputado. En setembro de 1999 deixou o cargo de conselleiro ao ser elixido por Fraga para suceder a José Manuel Romay Beccaría na presidencia do PP na provincia da Coruña, tras a dimisión deste, e en novembro abandonou o Parlamento de Galicia despois de ser nomeado presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, cargo que ocuparía ata 2002. En maio de 2000 foi ratificado como presidente provincial do PP nun congreso do partido. Ocupou dito cargo no partido ata 2002, cando retirou a candidatura que presentara inicialmente para ser reelixido, ao non contar con apoios suficientes fronte á candidatura de Jesús Almuíña e Carlos López Crespo.

Volta ao mundo empresarial (2003-presente) Entre 2003 e 2013 foi director xeral de Begano, embotelladora de Coca-Cola, e estivo como conselleiro en Emalcsa, a empresa municipal de augas. En 2014 entrou nos consellos de Inveravante, a corporación empresarial de Manuel Jove, e Arteixo Telecom. En xaneiro de 2015 foi nomeado presidente da Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia.

En 2016 pasou a presidir dúas institucións máis: AFIGAL (Afianzamentos de Galicia) e a Cámara de Comercio da Coruña, tras a dimisión de Marcelo Castro-Rial. Ademais ese mesmo ano entrou nos consellos de administración de Nueva Pescanova e Firm Baltar&Associates, consultora de Raúl Baltar. En 2018 foi designado presidente da empresa láctea Dairylac e presidente de CESGAR (Confederación Española de Sociedades de Garantía Recíproca), e foi reelixido na presidencia da Cámara de Comercio.

En 2019 foi un dos socios fundadores de Noso Capital SGEIC, S.A. primeiro xestor 100 % privado galego de fondos de capital risco, o que é presidente.

O 8 de febreiro de 2021 converteuse en presidente do Deportivo da Coruña, despois de que Abanca obrigase a Fernando Vidal a renunciar. Deixou o cargo en 2023.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Deputados do Parlamento de Galicia polo PPdeG Categoría:Conselleiros da Xunta de Galicia Categoría:Nados na Coruña Categoría:Deputados da V Lexislatura do Parlamento de Galicia Categoría:Presidentes do Deportivo da Coruña Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Presidentes de autoridades portuarias de Galicia Categoría:Empresarios de Galicia Categoría:Alumnos da Universidade Politécnica de Madrid