Emmerson Dambudzo Mnangagwa, nado o 15 de setembro de 1942, é un revolucionario e político zimbabwés que exerce como o terceiro e actual presidente de Zimbabwe dende o 24 de novembro de 2017.

Membro de ZANU-PF e aliado durante moitos anos do presidente anterior, Robert Mugabe, ostentou unha serie de postos de goberno e foi vicepresidente de Zimbabwe durante o goberno de Mugabe até novembro de 2017, cando foi destituído antes de chegar ao poder nun golpe de Estado. O 26 de agosto de 2018 gañou as eleccións xerais de Zimbabwe.

Traxectoria Mnangagwa naceu en 1942 en Shabani, Rodesia do sur, nunha familia numerosa da etnia Shona. Os seus pais eran campesiños, e na década de 1950 a familia tivo que se mudar a Rodesia do norte debido ao activismo político do seu pai. Alí, Emmerson realizou actividades anti-coloniais, e en 1963, uniuse ao novo Exército de Liberación Nacional Africano de Zimbabwe, o brazo militar da Unión Nacional Africana de Zimbabwe (ZANU), e regresou a Rodesia en 1964. Liderando un grupo chamado a "Banda do Crocodilo", atacaba granxas de donos brancos nas montañas do oeste de Zimbabwe. En 1965, fixo estourar un tren preto de Fort Victoria (agora Masvingo) polo que pasou dez anos no cárcere (onde coñeceu a Robert Mugabe), foi logo liberado e deportado a Rodesia Do norte, por aquel entón xa un país independente chamado Zambia. Estudou entón na Universidade de Zambia e máis tarde na Universidade de Londres, e exerceu como un avogado. Pero pronto deixou a práctica privada legal e foi ao Mozambique portugués para volverse unir ao ZANU. Alí foille asignado o labor de escolta de Robert Mugabe, ao que acompañou a asinar o Acordo da Casa de Lancaster, que recoñecía a independencia de Zimbabwe en 1980.

Despois da independencia, Mnangagwa ostentou unha serie de cargos no goberno de Mugabe. Desde 1980 a 1988, foi Ministro de Seguridade Estatal, e supervisou a Organización Central de Intelixencia. É debatido o seu papel nos masacres do Gukurahundi, nos que miles de civís ndebele foron asasinados e que ocorreron durante o seu mandato.

Foi Ministro de Xustiza e Asuntos Legais e Parlamentarios de 1989 a 2000 e logo Portavoz do Parlamento de 2000 a 2005, cando foi degradado a Ministro de Aloxamento Rural para disuadilo abertamente de suceder o avellentado Mugabe. Recuperou o favor durante as eleccións xerais de 2008, nas que participou na campaña de Mugabe, orquestrando violencia política contra o Movemento para o Cambio Democrático - Tsvangirai. Mnangagwa exerceu como Ministro de Defensa de 2009 até 2013, cando se converteu outra vez en Ministro de Xustiza. Foi tamén nomeado Primeiro Vicepresidente en 2014 e era amplamente considerado como candidato principal para suceder a Mugabe.

A ascensión de Mnangagwa contou coa oposición da muller do presidente, Grace Mugabe, e a súa facción chamada Xeración 40. Foi destituído dos seus cargos por Mugabe en novembro de 2017, e fuxiu a Suráfrica. Pouco despois, o xeneral Constantino Chiwenga, apoiado por elementos das Forzas de Defensa de Zimbabwe e membros da facción de Mnangagwa, coñecida como Lacoste, deu un golpe. Despois de perder o apoio do ZANU-PF, Mugabe dimitiu, e Mnangagwa regresou a Zimbabwe para asumir a presidencia. Asegurou o seu primeiro mandato completo como Presidente de Zimbabwe nas eleccións de xullo de 2018, que gañou cun 50.8% dos votos.

Mnangagwa é alcumado "Garwe" ou "Ngwena", que significa "o crocodilo" en lingua shona, inicialmente porque ese era o nome do grupo guerrilleiro que fundou, e máis tarde debido á súa sagacidade política. A facción dentro do ZANU–PF que o apoia é chamada Lacoste como a empresa de roupa francesa cuxo logo é un crocodilo.

Notas

Véxase tamén Presidente de Zimbabwe Xefes de Estado e Goberno actuais

Ligazóns externas

Sitio oficial do Presidente

Categoría:Nados en 1942 Categoría:Políticos de Zimbabwe Categoría:Alumnos da Universidade de Zambia Categoría:Presidentes de Zimbabwe Categoría:Alumnos da Universidade de Londres