A Revolución de Asturias foi unha insurrección obreira ocorrida en Asturias no mes de outubro de 1934 que formaba parte da folga xeral revolucionaria e o movemento armado organizado polos socialistas en toda España coñecido co nome de Revolución de Outubro de 1934 e que só arraigou en Asturias, debido fundamentalmente a que alí a anarquista CNT si que se integrou na Alianza Obreira proposta polos socialistas da UXT e o PSOE, a diferenza do sucedido no resto de España. Por iso é polo que a forma de organización social e política da Comuna Asturiana —nome co que tamén se coñece a Revolución de Asturias, polas súas similitudes coa Comuna de París de 1871— fose a instauración dun réxime socialista nas localidades onde predominaban os socialistas (ou os comunistas), como Mieres, onde se proclamou a República Socialista, ou como Sama de Langreo; ou o comunista libertario onde predominaran os anarcosindicalistas da CNT, como en Xixón e sobre todo en La Felguera.
Foi duramente reprimida polo goberno radical-cedista de Alejandro Lerroux, contra o que se lanzou a insurrección por dar entrada no goberno a tres ministros do partido non republicano CEDA, recorrendo, por decisión do xeneral Franco que dirixiu as operacións militares desde Madrid, ás tropas coloniais marroquís —os regulares do Exército de África— e á Lexión procedentes do Marrocos español.The Splintering of Spain, páx. 54; CUP, 2005 A pesar de ser derrotada, a Revolución de Asturias converteuse en case un mito para a esquerda obreira española e europea, á altura da Comuna de París ou o Soviet de Petrogrado de 1917, xa que foi a «última revolución social, aínda que fracasada, do occidente europeo». Antecedentes
Clima político Entre decembro de 1933 e outubro de 1934, a incipiente inestabilidade política entre os Radicais de Lerroux e a actividade da CEDA viñan axitando os temores da esquerda e dos sectores obreiros. Gil-Robles, líder cedista, era visto como o "Dollfuß español"Engelbert Dollfuß, Canciller austríaco e principal expoñente do fascismo en Austria, era un líder cuxo perfil político se asemellaba entón ao de Gil-Robles. O temor da esquerda baseábase en que aquel mesmo ano instaurara unha dictadura fascista desde o sistema democrático tras esmagar o movemento obreiro. A isto hai que sumar o caso de Alemaña e o ascenso de Adolf Hitler ao poder en 1933, que se sumaba á crecente onda dos movementos fascistas en Europa. e os temores sobre un golpe fascista acrecentáronse tras unha concentración que a CEDA celebrou en Covadonga o 9 de setembro de 1934. A estes feitos uniuse a confiscación do vapor "Turquesa", que levaba un alixo de armas por encargo do socialista Indalecio Prieto. Tras aquel axitado verán, as Cortes Xerais reuníronse o 1 de outubro e ese mesmo día a CEDA retirou o seu apoio ao goberno presidido por Ricardo Samper exixindo a entrada neste, cousa que conseguiu tres días despois, cando o 4 de outubro se anunciou a formación do Goberno Radical-cedista presidido por Alejandro Lerroux. Era o sinal esperado polas Alianzas Obreiras. "O día 5 de outubro, a UXT declarou a folga xeral e Lerroux reaccionou proclamando o estado de guerra".
Así pois, o día 5 comezou o movemento folguista e insurreccional decretado polo Comité Revolucionario socialista presidido por Francisco Largo Caballero, aínda que na maior parte do país fracasou. En Madrid destacou a inactividade, do mesmo xeito que ocorreu en Estremadura, Andalucía e Aragón.Nestas rexións xa que produciran unha serie de folgas nos meses anteriores, as cales deixaran un mal sabor de boca e iso reflectiuse na falta de entusiasmo. No País Vasco houbo algunha outra actividade destacada que foi rapidamente sufocada, como tamén ocorreu en Barcelona e Cataluña. Así pois, só quedaba Asturias, onde a alianza obreira triunfou.José Peirats, La CNT en la Revolución Española, pax. 79 e ss.
A Alianza Obreira en Asturias A Alianza Obreira, unha idea xurdida en Cataluña por iniciativa do pequeno partido comunista antiestalinista Bloc Obrer i Camperol (Bloque Obreiro e Campesiño), foi estendida ao resto de España polos socialistas (UXT-PSOE-XXSS) cando o sector encabezado por Francisco Largo Caballero se fai coa dirección de UXT en xaneiro de 1934 (o PSOE e as XXSS xa estaban baixo o seu control) e impulsa a idea da Alianza Obreira, ao considerala un bo instrumento para sumar apoios á súa nova estratexia insurreccional para alcanzar o socialismo (abandonando a "vía parlamentaria"). A formación dunha "alianza por arriba" tamén foi ofrecida á CNT mais negouse a integrarse nela, como xa sucedera en Cataluña, porque a dirección confederal afirmou que a CNT por si soa "se bastaba para esnaquizar o fascismo".
Con todo non todos os cenetistas estaban de acordo co rexeitamento á Alianza Obreira, como o cenetista valisoletano Valeriano Orobón Fernández que nun artigo publicado no diario confederal La Tierra fixo un chamamento á unidade entre socialistas e cenetistas (e comunistas) para alcanzar a "democracia obreira revolucionaria". Este cambio de actitude de certos sectores cenetistas só se concretou en Asturias, onde o 31 de marzo de 1934 a Federación Rexional da CNT asinou en Xixón o pacto con UXT-PSOE, que era a forza obreira hexemónica en Asturias, manténdoo a pesar da ameaza de expulsión que lle lanzou a dirección confederal.
O acordo asinado na trastenda dunha taberna xixonesa o 31 de marzo de 1934 por dous dirixentes socialistas e dous cenetistas, que non se considerou oportuno facelo público entón, constaba de dez puntos e un preámbulo no que se recoñecía a necesidade de "a acción mancomunada de todos os sectores obreiros co exclusivo obxecto de promover e levar a efecto a revolución social" en España. As discrepancias xurdiron cando se tentou definir o réxime que ía substituír o capitalismo, pois os socialistas defendían a formación dun Estado socialista (unha "República Socialista") e os cenetistas non estaban dispostos a renunciar a un dos seus principios fundamentais (a negativa a construír calquera tipo de Estado) e propuxeron a fórmula “Réxime de igualdade económica, política e social fundado sobre principios federalistas”. A solución que se atopou finalmente foi cancelar o pacto inicial no momento que triunfase a revolución social, dando liberdade a cada organización para que defendese os seus proxectos sociais e políticos respectivos. Isto quedou plasmado nos puntos 1 e 8 do acordo:
Só dúas semanas antes de iniciarse a insurrección en Asturias incorporouse á Alianza Obreira o entón pequeno Partido Comunista de España, que até esa data a considerara un órgano da "contrarrevolución" (e aos seus integrantes comparáraos cos "cans" que se disputan os ósos cos dentes"). Nos meses anteriores incorporáronse ao pacto dous reducidos grupos comunistas disidentes: o Bloque Obreiro e Campesiño e Esquerda Comunista. Cando se produciu a insurrección asturiana, os revolucionarios tomaron como consigna a sigla UHP, que foi interpretada de diversas formas: Ramón Tamames afirmou no seu libro publicado en 1974: "a CNT e a UXT participaron unidas baixo a sigla UHP (Unión Hermanos Proletarios; en galego Unión Irmáns Proletarios)". Uns anos despois Hugh Thomas, con todo, traduciuna" como "Uníos, Hermanos Proletarios" (Unídevos, Irmáns Proletarios).
A preparación da insurrección Segundo o historiador Paco Ignacio Taibo II a explicación do porqué de que a Revolución de 1934 triunfase durante dúas semanas en Asturias mentres foi arrasada sen maiores problemas no resto de España, hai que buscala, ademais de no feito de que Asturias foi o único lugar onde a Alianza Obreira logrou integrar a CNT, na minuciosa preparación da insurrección que fixeron as organizacións obreiras asturianas, e singularmente a forza obreira hexemónica, os socialistas (UXT-PSOE-XXSS), o que non sucedeu no resto de España.
Os socialistas asturianos non eran máis esquerdistas que os do resto de España (a maioría dos dirixentes do PSOE e do Sindicato Mineiro Asturiano estaban aliñados co sector “moderado” encabezado por Indalecio Prieto; só as XXSS eran “caballeristas”). No primeiro que se diferenciaron foi en que non reprimiron as mobilizacións obreiras que se produciron ao longo de 1934, ao contrario da dirección nacional que repetía continuamente a consigna “Nada de organizar folgas” porque iso “debilitaría” a preparación da insurrección. Así de febreiro a outubro de 1934 houbo seis folgas xerais na rexión que afectaron fundamentalmente ás concas mineiras. Algunhas delas foron "políticas", como a que organizaron en solidariedade cos socialistas austríacos esmagados pola ditadura do social-cristián Dolfuss e a que fixeron para protestar contra a concentración que a CEDA celebrou en Covadonga o 9 de setembro e que presidiu o seu líder José María Gil Robles, quen para boa parte da esquerda obreira era o “Dolfuss español”.
Un elemento clave na preparación da insurrección eran as armas e parte delas os obreiros conseguíronas roubándoas pacientemente unha a unha das fábricas de armas de Oviedo e de Trubia. Outras compráronnas a contrabandistas ou trouxéronas desde Éibar a través dunha rede creada polas Xuventudes Socialistas e o sindicato do Transporte da UXT de Oviedo. A dinamita obtivérona das minas. Todas as armas (1300 fusís e catro metralladoras) e explosivos (milleiros de cartuchos de dinamita) escondéronse en catorce depósitos clandestinos (dez dos socialistas, dous da CNT e dous dos comunistas) que a Garda Civil non logrou descubrir (varios milleiros de pistolas estaban gardadas nas casas dos obreiros comprometidos na sublevación). En canto ao famoso alixo de armas do “Turquesa” en Muros de Nalón, ao que a prensa de dereitas atribuíu unha importancia excepcional para explicar o éxito relativo da Comuna asturiana, ademais de que non tiña como destino final o movemento socialista asturiano (este interveu na operación para colaborar con Prieto), non achegou máis que algunha munición aos revolucionarios asturianos xa que as armas que transportaba ou foron capturadas pola Garda Civil ou non chegaron a desembarcarse.
Outro elemento crucial na insurrección foi a organización das forzas paramilitares que encabezasen o movemento. Así membros das Xuventudes Socialistas e das Xuventudes Libertarias foron adestrados por exsarxentos coa cobertura de grupos de excursionismo, clubs culturais, merendas campestres ou mesmo romarías, polo que en outubro de 1934 os socialistas contaban cuns 2500 combatentes, os cenetistas con preto dun milleiro e os comunistas cuns centos, o que supón que os revolucionarios asturianos contaban cunha forza organizada de máis de 3000 homes cando iniciaron a insurrección.
Finalmente os revolucionarios asturianos puideron contar co diario socialista Avance, que grazas ao xiro que lle deu o seu novo director Javier Bueno, converteuse no órgano de prensa da revolución que se estaba preparando. Por iso foi obxecto de numerosas represalias por parte das autoridades (foi suspendido 62 días e o seu director foi encarcerado tres veces), mais iso non o amedrentou, e a súa tiraxe aumentou (chegou a imprimir 50.000 exemplares nun número extraordinario o 1 de maio e mantivo unha media de 25.000 exemplares), conquistando gran número de lectores fóra do ámbito socialista, entre cenetistas e comunistas. Mesmo se produciu unha folga nas minas cando o goberno tentou impedir a circulación do diario.
En conclusión, segundo o historiador Paco Ignacio Taibo II:
Desenvolvemento
Estalido da Revolución