O voo 1086 de Delta Air Lines era un voo regular doméstico de pasaxeiros entre o aeroporto de Atlanta e o aeroporto LaGuardia de Nova York. O 5 de marzo de 2015 o McDonnell Douglas MD-88 que operaba o voo desviouse fóra da pista pouco despois de aterrar en LaGuardia. O avión esvarou e golpeou o valado perimetral, deslizándose uns 290 m antes de acabar co nariz na berma sobre a baía de Flushing. Non houbo fatalidades, aínda que 24 persoas sufriron feridas menores. O aparello quedou seriamente danado.

O informe final da NTSB atopou que a causa probable do accidente foi a incapacidade do piloto de manter o control direccional do aparello debido á aplicación de excesiva reversa, que degradou a efectividade do temón para controlar a dirección do avión.

Avión O avión implicado era un McDonnell Douglas MD-88 con rexistro N909DL e número de serie 49540, fabricado en xullo de 1987 e entregado novo a Delta o 30 de decembro dese ano. Acumulara un total de 71 196 horas de voo en 54 865 ciclos antes do accidente. Fora propiedade de Delta dende que se puxera en servizo.

Nos seis meses anteriores ao accidente, completáronse os controis de mantemento programados de 600 horas de voo, 2200 horas de voo e 760 días, todos sen discrepancias. O último gran control de mantemento do avión fora o 22 de setembro de 2014 en Jacksonville, Florida, e incluíra, entre outras cousas, probas dos autofreos, sistemas antideslizantes e auto spoiler. A última comprobación de servizo nocturno da aeronave completouse o 2 de marzo de 2015 en Tampa, Florida.

Notas

Delta Air Lines 1086 Delta Air Lines Delta Air Lines