O escudo de Galicia é o símbolo heráldico que representa a Galicia. Consta basicamente dun fondo azul cun cáliz de ouro sumado dunha hostia e acompañado de sete cruces, tres a cada lado e unha enriba. Como símbolo institucional está regulado pola Lei de símbolos de Galicia, promulgada o 29 de maio de 1984, de xeito que é empregado pola Xunta de Galicia e forma parte da bandeira de estado galega.

Nos comezos da heráldica os reis de Galicia empregaron o león púrpura como armas persoais. De feito, foi o galego Afonso VII o Emperador na metade do século XII o primeiro rei europeo en facer uso dun sinal heráldico. Co seu fillo Fernando II o emprego do león foise desenvolvendo e con Afonso VIII consolidouse heraldicamente. O emblema non pasou así e todo a representar unicamente o reino de Galicia, pois ámbolos monarcas reinaban tamén en León. Trala unión dinástica de Galicia-León e Castela-Toledo en 1230, o león continuou a se empregar no reino galego polo menos até finais do século XIII, cando aparece nos selos das irmandades dos reinos de Galicia e León; con todo, acabou asociado de xeito exclusivo ao reino leonés ao se tornar nunhas armas falantes.

O cáliz é a figura heráldica que máis tempo vén representando a Galicia. Aparece documentado por vez primeira como armas do «rey de Galyce» no armorial Segar's Roll de Inglaterra do ano c. 1282. Foron unhas armas falantes cuxa atribución se debeu á proximidade fonética existente na lingua anglonormanda entre «Galice» e «calice». Trala súa posterior difusión a través dos armoriais, acabaron sendo adoptadas no propio reino de Galicia. Continuamente foron evolucionando a través dos séculos: a figura mudou desde o orixinario cáliz aberto até a súa representación sumada da hostia, pasando polo copón ou píxide, a custodia e aínda o viril; o orixinal campo azul diversificouse tamén en vermello e branco; e o orixinal escudo co campo liso sen ningún engadido pasou a conter enfeites diversos como anxos ou a cruz de Santiago, mais sobre todo un número variable de, primeiro, trevos e, despois, cruces, normalmente entre unha, seis ou sete, ou co campo sementado.

A estandarización gráfica moderna das Armas ou Escudo de Galicia foi establecida no ano 1972 pola Real Academia Galega. Cómpre pór de relevo, ademais, que o actual cáliz do escudo é unha representación do cáliz do Cebreiro.

Heráldica miniatura|esquerda|upright=0.7|Representación linear e oficial do escudo de Galicia. Segundo a Lei 5/1984 de símbolos de Galicia, o escudo de Galicia trae, en campo de azur, un cáliz de ouro sumado dunha hostia de prata, e acompañado de sete cruces recortadas do mesmo metal, tres a cada lado e unha no centro do xefe.

O timbre, coroa real, forrada de goles ou vermello, pechada, que é un círculo de ouro, engastado de pedras preciosas, composto de oito floróns de follas de acanto, visibles cinco, interpoladas de perlas e de cada unha das súas follas saen cinco diademas sumados de perlas que converxen nun mundo azur, co semimeridiano e o ecuador de ouro, sumado de cruz de ouro.

Cromatismo oficial A especificación técnica dos esmaltes do escudo foi estabelecida polo Decreto 73/1985 do 18 de abril na norma UNE 72-032, equivalente ao sistema internacional CIELAB.

Ouro Prata Azur Goles Sinople Cor (RGB) CIELAB (H,C,L) (85,0; 35,0; 60,0) (255,0; 3,0; 72,0) (270,0; 50,0; 40,0) (30,0; 65,0; 37,0) (160,0; 41,0; 31,0) RGB (169, 141, 83) (172, 177, 182) (0, 99, 176) (171, 25, 38) (0, 86, 50) CMYK (0, 17, 51, 34) (5, 3, 0, 29) (100, 44, 0, 31) (0, 85, 78, 33) (100, 0, 42, 66)

Os tons amosados son soamente aproximativos, pois non se poden representar fielmente nunha pantalla.

Historia O símbolo preheráldico: a cruz (séculos V-XII) miniatura|upright=0.6|Moeda sueva de ouro (tremissis) coa cruz, séc. V. miniatura|Cruz de Churío no Museo das Mariñas, séc. IX-X. Coa chegada do pobo xermánico dos suevos á provincia romana da Gallaecia contra o ano 410, Galicia foi o primeiro estado medieval de Europa ao se constituír o reino suevo de Galicia. Desde esta inicial etapa altomedieval da historia do propio reino de Galicia até ben entrada a baixa idade media, no século XII, o sinal preponderante empregado polos reis nos seus documentos e moedas foi a cruz. Este símbolo, que podía ser de diferentes formas e tipos, tornouse común aos demais reinos cristiáns de Europa a partir de finais do século VI ou comezos do VII ―incluíndo os que foron xurdindo no espazo peninsular―, pois estaba asociado ao poder e á unidade relixiosa. Difundiuse especialmente en moedas, chegando a se documentar en practicamente toda a Europa da época. Dita cruz tamén podía aparecer representada sobre unha hasta ―soporte habitual dos antigos sinais―, denominándose deste xeito cruz procesional. Anteriores á aparición da ciencia da heráldica, as representacións deste tipo de figuras e símbolos son coñecidas como preheráldicas, tendo un uso e significado diferentes con respecto aos futuros emblemas e escudos de armas.

Unha cruz característica desta época tivo unha importante presenza no reino galego, de maneira que se manifestou en gran variedade de soportes (pedra, ourivaría, manuscritos…), dentro e fóra dos centros de poder (coroa e episcopado), e tanto de xeito ornamental como simbólico. Ten os brazos, ou todos de igual lonxitude, ou os verticais lixeiramente máis longos, alargándose moderadamente conforme avanzan cara aos extremos, ás veces desde un disco central. Dos brazos horizontais adoitan pendurar as letras apocalípticas alfa (Α ou α) e omega (Ω ou ω). Mal chamada cruz asturiana, pois nin é especificamente asturiana nin se adscribe unicamente ao territorio asturiano, ten grandes semellanzas con outras que se espallan fundamentalmente polo espazo europeo. A súa orixe remóntase até mediados do século VI, cando no reino suevo-galego existiu unha importante influencia bizantina, levada a cabo por medio do misioneiro Martiño de Dumio, que debeu reforzar e matizar a cruz que xa se empregaba en terras galegas. Reforzada de novo no século VIII por mor da influencia franca, o seu uso estaba totalmente consolidado como tradición autóctona nos séculos IX-X. Tiña como principal significación o de protección.

Atribución posterior de emblema aos suevos O emprego de emblemas e bandeiras por parte dos suevos é o máis probable, pois antes da súa chegada á Gallaecia xa tiñan un longo historial de contactos co Imperio Romano mediante o cal coñecerían as insignias e vexilos romanos. No entanto, non se coñece fonte coeva ningunha que faga referencia a devanditos emblemas. O Chronicon do bispo galaico Hidacio, que documenta de xeito directo do ano 411 ao 468 e é a fonte fundamental para o estudo da primeira etapa do reino suevo, non os menciona. O mesmo ocorre con outras crónicas cuxos autores, como o galaico Orosio (†420), Olimpiodoro (†425), Sozomeno (†450), Zósimo (†520) ou Xoán Biclarense (†621), informan ocasionalmente sobre os suevos. Tampouco se manifestan na Notitia dignitatum, un documento datable entre os anos 394 e 429 que, alén de detallar a organización administrativa dos imperios occidental e oriental, inclúe os emblemas de diferentes unidades do exército romano. De ningunha das tres unidades auxiliares de laeti conformadas por suevos se representa o seu emblema. Noutra fonte documental como é a Historia Francorum do bispo galorromano Gregorio de Tours (†594), quen debía ter comunicación directa con Galicia, malia se documentaren feitos sobre os reis suevos, de novo non se alude ás súas insignias. Tampouco se tratan nas obras de Isidoro de Sevilla, nin na Historia de regibus Gothorum, Vandalorum et Suevorum, composta en 619 (versión curta) e 624 (versión longa), nin nas Etymologiae, escritas entre 627 e 630 e nas cales se fala unicamente dos vexilos romanos no capítulo sobre as insignias militares. Igualmente, as propias fontes suevas, como a moeda ou a División de Teodomiro (c. 569), tampouco fornecen información sobre a materia. De feito, é na maioría das moedas onde se amosa unha cruz central, arrodeada dunha coroa de loureiro.

miniatura|esquerda|Escudo atribuído aos «reis suevos de Galicia» en Títulos de los Reyes de España de Valonga y Gatuellas, c. 1660-1665. Así e todo, desde o principio do século XVII comezáronse a atribuír unhas armas imaxinarias aos reis suevos, quer un dragón, quer un dragón e un león. O primeiro autor coñecido que llelas asignou foi o portugués Bernardo de Brito. Na segunda parte da súa Monarchia Lusytana, con data de 1609, atribúe ao primeiro rei suevo, Hermerico, un dragón de cor verde ao explicar a procedencia das armas da cidade de Coímbra. Isto foi repetido en castelán polo tamén portugués Manuel de Faria e Sousa na súa obra Epitome de las historias portuguesas, publicada en 1628. En troques, outro portugués, Rodrigo Mendes Silva, na segunda edición do seu Catalogo real genealogico de España, impresa en 1639, describiu inicialmente o escudo suevo como un dragón verde dun lado e un león encarnado do outro. Pola contra, noutra obra do autor de 1645, Poblacion general de España, o escudo si que é descrito simplemente como un dragón verde. Mais tamén na nova edición do ano 1656 da primeira obra, titulada agora Catalogo real y genealogico de España, é de igual xeito o dragón de cor verde. Neste último traballo Mendes Silva engadiu, a maiores, dous novos datos: que o campo é de ouro e que o emblema é o mesmo que empregan os reis de Portugal. Pola súa banda, Francisco Valonga y Gatuellas no seu manuscrito titulado Títulos de los Reyes de España, datado cara ao final do reinado de Filipe IV de Habsburgo (†1665), dá como armas dos «reis suevos de Galicia» un escudo partido en pau cun dragón verde en campo de prata e un león de ouro en campo de sangue. O primeiro é representado coa lingua de goles e o segundo coroado. Xa dentro de Galicia, Juan Velo, cóengo da catedral de Lugo, que enviou no ano 1669 un relatorio á Xunta do Reino de Galicia mediante o cal solicitaba un donativo anual para a dotación de luminarias que alumeasen o Santísimo Sacramento na capela mor catedralicia, fai referencia en tal documento ao dragón e león suevos nos seguintes termos:

Cómpre mencionar que existe un precedente literario do escudo dourado co dragón verde como armas dun rei galego. Trátase da novela de cabalaría Cléomadès, que foi escrita polo brabanzón Adenet le Roi contra 1285 a pedido da raíña francesa María de Brabante e de Branca de Francia, nora de Afonso IX. Na obra aparece un rei de Galicia chamado Sormáns o Roxo (Sorman le Roux) cuxo escudo é descrito de ouro cunha serpe verde que ten as ás vermellas, as orellas e a testa azul, os pés brancos e a cola negra.

Por outra banda, de volta ao século XVII, segundo a Historia de Don Servando, un falso cronicón composto por Xoán Fernández Boán e Araúxo entre 1625 e 1637, as armas dos reis suevos foran «treis faijas jaqueraidas douro et roujo no campo de prata e no meo outra faxinha douro».

Durante os séculos seguintes o dragón verde foi a divisa difundida como as armas dos suevos. De feito, xa no XVII chegara a se manifestar na Historia generale della Monarchia Spagnuola de Bernardo Giustiniani, publicada na República de Venecia en 1674. No século XVIII divulgouse en diferentes obras heráldicas, tales como Ciencia heroyca de Joseph de Avilés (1725), Libro, y baraja nuevos, e inseparables de Francisco Gazán (1733) e Adarga catalana de Francisco Xavier de Garma y Duràn (1753). No XIX, as armas foron representadas na revista Museo de las Familias nun artigo de Nicolás Castor de Caunedo, publicado en 1845, en El blason español ó la ciencia heráldica de Ramon Medél, publicado en 1846, así como nun tratado de vexiloloxía catalán, datado no último cuarto do século, nos dous últimos casos co dragón verde sobre un fondo de ouro.