As mulleres do 72 son coñecidas deste xeito polos sucesos ocorridos o 10 de marzo de 1972 na cidade de Ferrol (A Coruña). Nese día, tivo lugar unha manifestación obreira local en protesta sobre a imposición dun convenio colectivo interprovincial. Os enfrontamentos coa policía remataron con dúas persoas falecidas. No ano 2006 declarouse esta data como Día da Clase Obreira Galega.
As mulleres do 72 foron agasalladas o 8 de marzo de 2018 con motivo do Día Internacional da muller no Concello de Ferrol salientando a súa valía como loitadoras pola democracia e os dereitos das mulleres. Ese mesmo día foi presentado o documental Esto se cae! con elas de protagonistas.
As loitas obreiras en Ferrolterra Na historia da clase traballadora ferrolá houbo varios momentos de importante repercusión tanto na cidadanía como na prensa da época, debido a consecución dalgunhas reinvindicacións acadadas. Entre 1967 e 1971 houbo moitos movementos reivindicativos en numerosas empresas. Os tres seguintes son algúns dos que se atopan con referencias da participación feminina. Ademais, hai que salientar o labor das mulleres, compañeiras dos homes que foron ós cárceres como presos políticos a as súas loitas pedindo audiencia coas autoridades competentes.
Neste contexto, no inicio da década dos 70 había unha importante actividade cultural entre a veciñanza de Ferrol. O Centro Cultural de Santa María era un lugar de encontro onde celebrar conferencias, reunións do Cine Club Concepción Arenal coa proxeción de películas e posterior debates que levaban á crítica da situación política da época. O Cine Club, incorporouse no ano 71, cando tivo eleccións a súa xunta directiva que resultou composta de persoas do partido comunista e unha única muller, Rosario Alabau.
No centro xuntábanse moitos colectivos como líderes do obreirismo ferrolán, estudantes da universidade, etc. Participaban en coloquios, vían películas documentais e participaban en debates de temas de actualidade. Tamén as mulleres activistas e solidarias das loitas obreiras, manifestantes que recollían alimentos, sinaturas para presentar cartas ante as autoridades ou participando nos peches en igrexas. Alí organizáronse en células do Partido Comunista e do Movemento Democrático de Mulleres.
Así foi como mentres os homes comezaron a controlar o sindicato vertical, as mulleres entraron nas asociacións de amas de casa que tiñan moita forza no franquismo, participaron en peches, repartiron panfletos, recolleron fondos para as folgas e apoiaron as persoas que foron presas e as súas familias. Acadaron unha gran conciencia obreira e de loita.
Pesquerías y Secaderos de Bacalao de España (PYSBE) No ano 1967, a empresa Pesquerías y Secaderos de Bacalao de España (PYSBE) levaba vinte anos funcionando no peirao de Ferrol. Aínda que había algúns homes, a meirande parte do cadro de persoal eran mulleres (entre 230 e 250), facendo traballos de descarga, salgadura e secado de bacallau. Tratábase dun traballo moi duro, cun salario moi baixo e penosas condicións laborais.Ademais, non tiñan estabilidade laboral, xa que no mes de decembro nin traballaban nin cobraban e co argumento do traballo descontinuo -ía ao ritmo das chegadas a porto dos buques- non as contrataban como fixas. Tamén, algúns meses a factoría non cotizaban por elas á Seguridade Social.
Nesas circunstancias comezaron a organizarse o sindicato das Comisións Obreiras da PYSBE, co sindicalista Rafael Pillado á fronte e tres mulleres no grupo: Ángeles Rivera Torres, Josefa Darriba e Josefina Fernández Umbón. A reivindicación principal foi o dereito da contratación fixa das traballadoras, xa que tal como narra Ánxela Loureiro "O regulamento do sector recoñecía que cun número determinado de días traballados ao ano que elas cumprían, o empresario debía contratalas como persoal fixo". Nin a empresa nin o sindicato vertical favoreceron a negociación, e o 13 de abril de 1967 a empresa presentou o expediente de suspensión de contratos para 230 traballadoras e a exixencia de firmar a liquidación. As mulleres acordaron non asinar o despedimento e ao mesmo tempo foron organizando clandestinamente cos compañeiros das Comisións Obreiras unha folga para ese mesmo día. Segundo a prensa da época concentráronse máis de mil cincocentas persoas na Delegación Comarcal, formando unha manifestación camiño do Concello, pero as forzas da Policía Armada impedírono. A pesar dos avisos policiais para disolver a manifestación, as traballadoras da PYSBE insistían en ser escoitadas pola autoridade local. Despois de media hora a policía comezou a usar as porras con violencia para dispersar á xente concentrada.
Houbo varias persoas feridas e detiveron a catorce manifestantes, dos que trece eran sindicalistas de Bazán, coa acusación de manifestación ilegal e non pacífica e a Ángeles Rivera Torres, empregada da PYSBE, a quen condenaron tamén por agresión a un policía. Os traballadores de Bazán estiveron uns días no cárcere mentres que ela pasou tres meses. Seguiron as manifestacións na cidade coa participación de obreiros de moitas empresas de Ferrol e tamén traballadoras da PYSBE, pedindo a liberación das persoas presas e reivindicando os dereitos laborais. Ao fin, conseguiron algunhas peticións e a PYSBE retirou as cartas de despedimento e aceptou a contratación fixa segundo o que marcaba a lei das horas traballadas no ano.
Peninsular Maderera (PEMSA) Na desembocadura do río da Sardiña localizábase a empresa Peninsular Maderera (PEMSA), dedicada a fabricar portas e taboleiros de madeira. As condicións laborais foron a peor a finais dos anos sesenta. A maquinaria era anticuada e sen protección, os servizos hixiénicos non cubrían as necesidades básicas, as sancións eran frecuentes e diminuían os soldos do persoal. As mulleres cobraban menos polo mesmo traballo que facían os homes. As exixencias da empresa pretendían dobrar a produción e comezaron as protestas.
Coa colaboración das clandestinas Comisións Obreiras organizaron mobilizacións e pasado un tempo sen cambios positivos por parte da empresa chegaron a unha folga xeral durante 37 días, rexeitando o despido de dez traballadores. A situación non mellorou, a policía disolvía concentracións, había ameazas de detención e a empresa enviaba comunicados á prensa acusando os obreiros de negarse a dialogar e resolver. O persoal da PEMSA organizouse para desmentir as informacións falsas, buscou apoio na cidadanía, falaron coas autoridades, fixeron caixas de resistencia e organizaron peches na Concatedral de San Xiao, coa participación de homes e mulleres e o apoio do Partido Comunista. Varias mulleres militantes como Divina García Perreño, Fina Varela, Fina Piñón, María García Deibe e a súa filla Encarna Puentes organizáronse para ir pola veciñanza pedindo diñeiro e comida para as familias da madeireira. Fora unha decisión tomada no partido e convidaron a outras persoas a participar, a maioría mulleres.
As traballadoras demandaron a igualdade salarial cos homes nun escrito presentado na Casa Sindical en abril de 1970 e acadaron a equiparación tras a folga, en maio dese ano.
Metalúrgica Galaica, S.A. (MEGASA) Esta empresa metalúrxica comezou sendo un almacén de ferros, localizada en Xuvia, e chegou a ser unha industria importante en Ferrolterra. No verán de 1970 os obreiros manifestaron non estar conformes coas condicións laborais do convenio e como non se tiveron en conta as súas demandas, no mes de outubro comezaron paros reivindicando melloras. Houbo despidos, intervención da policía e máis de cen días de paros nos que se demostrou a solidariedade da xente e as empresas de Ferrol como Bazán, Astano, Pysbe e Pemsa. As mulleres tamén estiveron moi implicadas, percorreron os barrios informando, pedindo alimentos, expuxéronse a ser denunciadas e participaron nos encerros e peches. Nos rexistros das recadacións firmaron como Mulleres Democráticas.
Algúns cregos tamén colaboraron e animaron aos fregueses para axudar as persoas que se pechaban nas igrexas como protesta. O 13 de novembro de 1970 fixeron un peche na concatedral de San Xiao, onde se xuntaron obreiros, familias e nenos. Un grupo de Mulleres Democráticas con Fina Varela, Angelita Fernández, María García, Teresa Mandiá, Lucita Aneiros, Encarna Puentes, Fina Piñón, Divina García e Fina López foron coa intención de pasar a noite, máis a policía desaloxounas pola forza e sen respectar a autoridade do párroco que permitía que estivesen alí. As Mulleres Democráticas xuntáronse á saída de San Xiao e foron pola rúa dando consignas de apoio a MEGASA para que a xente soubese a situación. A xente ía asomándose ás ventás, e Sari Alabau foi unha desas persoas que acabada de chegar á cidade contactou deste xeito coas Mulleres Democráticas. Adoitaban pecharse en San Xiao e despois formaban pequenos grupos (comandos) para percorrer as rúas berrando consignas e tirando panfletos.
O conflito de MEGASA continuou ata xaneiro e conseguiron un convenio mellor, a pesar das dificultades de estar algúns dos líderes sindicais en prisión. O papel das mulleres non foi recoñecido na época e anos despois algúns dirixentes mencionaron nas súas memorias este traballo feminino agradecendo as súas achegas nas loitas obreiras.
Os acontecementos do 10 de marzo de 1972 O día anterior aos feitos, a Empresa Nacional BAZAN, despediu a sete traballadores que lideraban unha protesta que comenzada pola imposición do convenio colectivo interprovincial que querían aplicar na delegación de Ferrol. Entre eles, á fronte estaban Rafael Pillado, Manuel Amor Deus e José Mª Riobó. As compañeiras dos traballadores, enteradas dos feitos, foron ás portas do estaleiro onde a policía entrara. Unha vez alí, estiveron en movemento, xa que era ilegal estar paradas, e acordaron unha manifestación de mulleres para aquela tarde. Acudiron moitísimas persoas a aquela manifestación polas rúas de Ferrol e a policía exerceu a súa forza contra elas. A Fina Varela collérona e metérona nun jeep dicindo "Que che vou voar a cabeza" segundo ela mesma contou. Máis tivo sorte, por ser filla dun garda civil, e deixárona marchar. Moitas non pasaron a noite nas súas casas, por medo a ser detidas, e tiveron que durmir en casas de amizades
Ao día seguinte, o 10 de marzo fora convocada unha manifestación en sinal de protesta e rexeitando o convenio colectivo interprovincial. A cidade estaba pechada, había moitos policías e se escoitaron disparos. Ese día foron asasinados os obreiros Daniel Niebla e Amador Rey. Fina Varela viu a Amador Rey xa morto na clínica San Xavier. O padre de Ánxela Loureiro foi con Daniel Niebla na ambulancia cara á Coruña mentres lle doaba sangue, máis o mozo chegaría morto ao hospital. En España, a información do ocorrido foi terxiversada e parcial, máis no resto de Europa e América a represión das forzas públicas foi recollida en varios xornais. A maiores, vinte e tres detidos pasaron polo TOP e o Consello de guerra por ser Bazán instalación da Armada. Fina Varela, Sari Alabau e Mela, la Carbonera, foron xulgadas tres anos máis tarde naquel proceso.
Naquela loita pola democracia participaron moitas mulleres que foron o soporte das súas familias mentres as súas parellas estaban na cadea ou no exilio. Porén, non se recoñeceu a súa implicación directa na defensa das liberdades. Fina Varela, xunto a Ánxela Loureiro, María Fernández, Manuela López, Marisol Novás, Encarna Puentes, Sari Alabau e Fina Freijomil, loitaron desde diferentes ámbitos pola democracia e polos dereitos das mulleres. Tomaron conciencia de que a loita comezaba na casa e rebeláronse contra o rol de esposas e nais e as actividades e tarefas do fogar.