thumb|250px|O barrio de La Malagueta desde o centro cara á esquerda da panorámica. La Malagueta é un barrio do distrito Centro da cidade de Málaga, en Andalucía (España). Segundo a división oficial de barrios do concello, limita ao norte co barrio de Campos Elíseos; ao oeste, co Ensanche Centro e ao leste con La Caleta.

O barrio aséntase sobre unha porción de terreo triangular que penetra no mar, situado entre o peirao de levante do porto e a praia de La Malagueta. No vértice deste triángulo atópase La Farola.

Historia Durante o século XIX La Malagueta era unha zona industrial atravesada por unha vía dos Ferrocarriles Suburbanos de Málaga. O terreo estaba ocupado por fábricas azucreiras, adegas, un estaleiro e outros usos industriais. Os seus habitantes eran marengos e jabegotes, dedicados á pesca, que vivían en chozas ou cabanas. Estas eran as únicas vivendas da zona ata que se construíron o Hospital Noble e a praza de touros de La Malagueta e empezaron a aparecer vilas e mansións burguesas ao longo do Paseo de la Farola e do Paseo de Reding.

Os eixos viarios do barrio do século XIX eran a rúa Maestranza, onde se instalou a fábrica de enerxía eléctrica The Málaga Electricity Company en 1888, e a de Vélez-Málaga, ás que despois se sumarían as rúas Fernando Camino, Keromnés, Arenal e Puerto. A chegada do ferrocarril a finais de século supuxo a creación dun dique, dando inicio á instalación de merendeiros na zona.

A principios do século XX aparecen os primeiros balnearios, como os baños de Apolo e da Estrella. Non obstante as actividades industriais continuaron desenvolvéndose coa instalación de fábricas como a fundición de Roldán, a Fabril Malagueña de Hidalgo Espíldora, a fábrica de olivas de Manzano, a adega de Barceló e un serradoiro. Os balnearios levantábanse no mar sobre sustentos de ferro e contaban con bares, restaurante e vestidores, desde onde se descendía por unhas escalinatas para tomar o baño. As zonas de baño estaban cubertas por esparto para protexer a intimidade dos bañistas e existían zonas separadas para homes e mulleres.

Na actualidade, La Malagueta constitúe un dos mellores exemplos do urbanismo do desenvolvismo da cidade, xa que durante a década de 1960 levantáronse edificios de altura sen previa planificación para albergar o maior número de vivendas posible no menor espazo posible.

Lugares de interese Edificio Desfile del Amor Cheminea da antiga Fábrica de Energía Eléctrica Hospital Noble Palacio de la Tinta Paseo de Reding

Transporte A futura estación de La Malagueta será a terminal das liñas 1, 2 e 3 do metro de Málaga, que se atopa en construción. En autobús o barrio queda conectado mediante as seguintes liñas da EMT: C2, 1, 3, 4, 11, 14, 16, 19, 25, 32, 33, 34, 35, 37 e N1.

Notas

Malagueta