Ranger 1 foi unha sonda do Bloque I do programa Ranger da NASA pensado para enviar sondas non tripuladas á Lúa e fotografar a súa superficie antes de impactar nela. Foi lanzada mediante un Atlas-Agena B o 23 de agosto de 1961 desde a plataforma LC-12 do Centro Espacial de Cabo Cañaveral.

Características A misión principal de Ranger 1 foi probar os sistemas e técnicas que permitirían a sucesivas naves ser lanzadas directamente contra a Lúa e fotografala durante o camiño. O obxectivo secundario era estudar as partículas e campos presentes no espazo interplanetario.

A nave A sonda estaba formada por unha base hexagonal de 1,5 m de diámetro sobre a cal se atopaba unha estrutura cónica de aluminio de 4 m de alto. A enerxía eléctrica era proporcionada por dous paneis solares que lle daban á nave unha envergadura de 5,2 m; a enerxía almacenábase nunha batería de prata-cinc de 57 kg de peso, mentres que baterías máis pequenas alimentaban a certos instrumentos. Acaroada á base atopábase unha antena parabólica de alta ganancia, mentres que o resto de instrumentos repartíanse entre a base e o cono. A bordo atopábase tamén unha antena omnidireccional de media ganancia. As comunicacións corrían a cargo de dous transmisores: un funcionando a 960,1 MHz e 0,25 W de potencia, outro a 960,05 MHz e 3 W. O control de actitude era proporcionado por un controlador de estado sólido, por sensores solares e terrestres e por varios por chorros de control. O control térmico era pasivo, mediante recubrimentos dourados, pintura branca e superficies de aluminio puído.

Instrumentos

Ranger 1 levaba a bordo varios insrumentos:

Un telescopio Lyman-alfa. Un magnetómetro de vapor de rubidio. Analizadores electrostáticos. Detectores de partículas de media e alta enerxía. Dous telescopios de coincidencia tripla. Unha cámara de ionización para raios cósmicos. Detectores de po cósmico. Contadores de raios X solares.

Perfil da misión Ranger 1 debía ser lanzada nunha órbita de aparcamento arredor da Terra para posteriormente ser posta nunha órbita de 60.000 por 1.100.000 km co fin de probar os seus sistemas e técnicas de navegación para as posteriores misións Ranger. A nave chegou á súa órbita de aparcamento, pero o foguete que logo debía enviala a unha órbita superior, unha etapa Agena B, fallou. Ranger 1 reentrou na atmosfera terrestre o 30 de agosto de 1961 tras 111 órbitas ao noso planeta, coa súa misión considerada un éxito parcial ao poder probarse a maior parte dos seus sistemas antes da súa destrución.

Notas

Categoría:Programa Ranger