Gregorio Javier Monreal Zia, nado en Etayo o 11 de marzo de 1942, é un político e xurista navarro de ideoloxía nacionalista vasca.

Traxectoria

Actividade académica e profesional Licenciado en Dereito e Diplomado en Economía pola Universidade de Deusto (1966) e Doutor en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid (1973), é catedrático de Historia do Dereito na Universidade do País Vasco (1978-1995) e, dende 1995, catedrático de Historia do Dereito na Universidade Pública de Navarra. Foi profesor convidado na Universidade de California en Berkeley e na Universidade París XII, actualmente Université Paris-Est Créteil Val-de-Marne.

É membro de Jakiunde (Academia das Ciencias, das Artes e das Letras) e membro de número da Real Sociedade Bascongada de Amigos do País, da Société d'Histoire du Droit e da Association Française des Historiens des Idées Politiques. É tamén membro do consello de redacción do Anuario de Historia del Derecho Español e dirixe na actualidade (2013) a revista de Historia do Dereito Iura Vasconiae.

Tamén foi vicerreitor do campus de Biscaia da Universidade do País Vasco (1979-80), reitor da Universidade do País Vasco entre 1981 e 1985, presidente da Sociedade de Estudos Vascos entre 1991 e 1996, director da Revista Internacional de Estudos Vascos (RIEV) entre 1997 e 2005 e director científico da Fundación para el estudio del Derecho histórico y autonómico de Vasconia entre 2003 e 2010. Foi o primeiro nomeado para ocupar a cátedra William Douglass da Universidade de Reno (Nevada) en 2005-2006.

Actividade política En 1976 foi un dos fundadores do partido nacionalista vasco de esquerdas Euskal Sozialistak Elkartzeko Indarra (ESEI) (Forza para a Unidade dos Socialistas Vascos). ESEI integrouse na Fronte Autonómica ás eleccións xerais de 1977. Monreal, candidato da coalición ao Senado por Guipúscoa, obtivo acta de senador. Como parlamentario dunha das circunscricións vascas participou nos relatorios que redactaron o Estatuto de Guernica en 1979. Foi viceconselleiro de Universidades e Investigación do Goberno Vasco en 1991.

Notas

Categoría:Nados en 1942 Categoría:Políticos do País Vasco Categoría:Nados en Navarra Categoría:Alumnos da Universidade de Deusto Categoría:Alumnos da Universidade Complutense de Madrid Categoría:Profesores da Universidade do País Vasco Categoría:Profesores da Universidade Pública de Navarra