O Califato AbbásidaForma empregada tanto polo Dicionario de Galego de Ir Indo como pola Diciopedia do século 21 (en ʿAbbāsiyyūn) é o nome da terceira dinastía de califas árabes, que reinou de 750 a 1258 sobre un imperio musulmán con capital en Bagdad (e, durante algúns decenios, na cidade de Samarra), no actual Iraq. Foi fundada en 750 por As Saffah, bisneto do tío paterno do profeta Mahoma, Muttalib ibn Abd al-Manaf, tamén coñecido por Abbas, de quen tomaron o seu nome. Dise que este converteuse á relixión predicada polo seu sobriño nunha data imprecisa, que os detractores da dinastía sitúan na tarde inmediatamente anterior á conquista (fatḥ) da Meca por parte dos musulmáns (630).
Desde a instauración da figura do califa, vicario do Profeta na súa calidade de xefe político do Ummah (Estado) islámico, houbo varias dinastías. Os 4 primeiros califas foron chamados os "ortodoxos" (Rashidun) e gobernaron durante o período de tempo comprendido entre 632 e 661. Entre o 661 e o 750 gobernou a Comunidade Islámica a dinastía árabe dos Omeia, que estableceron a súa capital en Damasco. Os abássidas eran, polo tanto, a terceira dinastía (tamén árabe) que gobernou o mundo islámico. En total foron 37 os califas pertencentes a esta dinastía.
A dinastía abbásida comeza en 750 logo da vitoria sobre os omeias na batalla do Zab e remata logo do cerco, conquista e saqueo de Bagdad por parte das tropas mongois en 1258. Unha rama da dinastía sobrevivente ao exterminio mongol estableceuse no Cairo onde continuaron a dinastía un total de 17 califas aínda que sen poder real.
Os cinco séculos de califato abbásida están considerados como a Idade de Ouro islámica pola fertilidade creativa e liderado en practicamente todas as ramas do saber, da arte e da cultura.
Historia O "movemento" abbásida Nunha sociedade que marcaba a súa propia identidade cultural no feito prioritario de adherirse ao credo islámico, fundado sobre o Corán e o exemplo vivente de Mahoma, o feito relixioso tivo evidentemente unha importancia que é imposíbel de negar. Con todo, iso non significa que os cambios producidos na sociedade islámica non estiveran fortemente influenciados por factores políticos, económicos e sociais.
A extrema simplicidade da estrutura da primixenia sociedade musulmá fora amplamente substituída desde a incipiente capacidade dos musulmáns para irromper por primeira vez na Península Arábiga co primeiro califa Abu Bakr e, xa con Umar ibn al-Khattab, nas áreas sirio-palestina e exipcia, así como en Mesopotamia e Persia. Os mandatos do terceiro e cuarto califas, (Uthman ibn Affan e Ali ibn Abi Talib) caracterizáronse pola aparición das primeiras tensións graves entre os distintos "poderes fortes" islámicos para impor a súa hexemonía na Comunidade.
Os Omeias saíran vencedores da confrontación mais iso non fixo que os principais problemas que asolaban á Ummah foran convenientemente resoltos. En particular permanecían sen aplicar na maior parte do califato os aspectos "universalistas" da mensaxe islámica, as cales non facían distinción entre as distintas etnias e culturas que abrazaran ao islam. Os conversos non árabes, os chamados mawla, persas, gregos, mesopotámicos, bérberes e mesmo os xudeus, permanecían substancialmente excluídos dos máis significativos e lucrativos cargos políticos, e inxustificadamente bloqueados polo status de súbditos "protexidos"; mesmo estaban discriminados dentro das compañías militares que proseguían co potente pulo conquistador nas direccións asiática, africana e europea, terras abertas á islamización (o dār al-ḥarb ou "territorio aberto á guerra").
Esta situación de evidente dificultade económica, social e política, era unha situación intolerábel, mesmo desde un perfil relixioso, visto o ecumenismo igualitario que xa caracterizaba ao primitivo islam, baseado na predicación de Mahoma e en non poucas pasaxes explícitas no Corán.
O absolutismo califal omeia, que facía crer ao califa ser depositario do "Vicariato de Deus" na Terra (khalīfat Allāh, "califa de Deus" facíanse chamar os califas omeiasVéxase ao respecto: ) e non só Amir al-muʾMinin (Comandante dos crentes), atopou un potente antagonista só cando os adversarios conseguiron combinar aspectos relixiosos e político-económicos, apoiándose no descontento dos mawālī. Os abássidas foron inicialmente unha simple rama do movemento favorábel ao cuarto califa Ali ibn Abi Talib (coñecido simplemente por Alí). Internamente, os abbásidas mudaron desde o principio dun xeito non distinguíbel dos dos outros compoñentes que xulgaban "usurpador" o califato fundado por Muawiya ibn Abi Sufyan.
É moi probábel que os abássidas foran conscientes de certa desorganización interna, se non mesmo dun antagonismo excesivo entre as diferentes persoas seguidoras de Alí, e bastante pronto comezaron a operar dun modo autónomo, aínda que clandestino, sen revelar a súa orientación estratéxica básica.
Cando os partidarios de Alí prevaleceron sobre os omeias (debilitados polas continuas revoltas kharixitas, produto do irredutíbel antagonismo entre os árabes setentrionais e meridionais e das loitas intestinas que axitaron violentamente a propia unidade das súas estruturas familiares), os abbásidas mostráronse como os máis organizados e, simplemente, postuláronse con forza como a nova dinastía califal, arrogándose para si calquera poder, definíndose cunha certa arrogancia como a "dinastía bendita". Polo tanto non teñen en conta a pretendida "lexitimidade" da Familia do Profeta (Ahl al-Bayt) que aspiraba á asunción do goberno supremo da Ummah islámica. De aquí xorde a ruptura entre os Abbásidas e os restantes seguidores de Alí que, co tempo, xeraría a base ideolóxica e teolóxica para o nacemento dun verdadeiro e propio movemento islámico alternativo que sería nomeado xiísmo.
Os primeiros califas abbásidas miniatura|250px|O califa Harun al-Rashid recibe a unha delegación de Carlomagno. (Pintura de Julius Köckert.) O 25 de xaneiro de 750 o exército omeia sufriu unha estrepitosa derrota na batalla do Zab, no norte do actual Iraq, a mans do abbásida Abu al-'Abbas as-Saffah, quen sería proclamado novo califa. As-Saffah estableceu a capital do califato na cidade iraqí de Kufa, poñendo fin deste xeito a case un século de capitalidade de Damasco.
Sucedeuno o seu irmán máis novo, Al-Mansur, quen fundou en 762 a cidade de Bagdad, á que trasladou a capital. Al-Mansur, grande organizador e sabio administrador, sentou as sólidas bases que permitiron á dinastía abbásida ostentar a suprema maxistratura islámica durante medio milenio.
O cumio do poder abbásida acadouse baixo os mandatos do neto de Al-Mansur, Harun al-Rashid, e o fillo deste al-Ma'mun, nos que o Califato conseguiu límites extraordinarios, tanto territoriais como culturais. Harun Al-Rashid é o califa protagonista das mil e unha noites.
A ampliación dos dominios abássidas, con todo, levou a un crecemento progresivo das dificultades do califato, causadas en parte polas diferenzas étnicas e culturais, pero, máis simplemente, por unha certa incapacidade do centro para administrar sabiamente a periferia.
A decadencia institucional do califato abbásida miniatura|esquerda|300px|Formación dos emiratos independentes de facto no Califato Abbásida (820-853). (A lenda do mapa está en alemán.) No século VIII, al-Andalus e o Magreb xa estaban separados do califato, en parte pola acción inicial dun exiliado sobrevivente da caída omeia, Abd al-Rahman ibn Mu'awiya, e en parte pola indómita resistencia bérber. No seguinte século foi o Exipto tulúnida o que fixo valer o seu dereito á autoadministración e, co paso do tempo, as provincias iranianas reivindicaron un modelo propio de desenvolvemento (sen renunciar ao trato unificador da relixión islámica). Entre os séculos IX e X algo semellante ocorreu en Siria e en Mesopotamia. O poder do califato foise reducindo progresivamente ao control de Iraq, logo á sola Bagdad e, finalmente, a algunhas partes da capital.
En 836 a capital trasladouse a Samarra debido aos crecentes problemas de orde pública que asolaban Bagdad. Durante este período destaca a figura do califa al-Mutawakkil que converteu a Samarra nunha das cidades máis monumentais da época, chegando a construír ata vinte palacios. É a partir deste califa cando o poder da dinastía comeza a minguar substancialmente, se ben continuará manténdose formalmente ata a súa caída como símbolo evidente da unidade islámica. En 892 retornaría a capitalidade a Bagdad, permanecendo alí ata o final da dinastía.
Despois de ser sometido á "protección" dos xiítas buyidas da rexión do Daylam, entre os séculos X e XI, e dos sunitas selxúcidas de Turquía, o califato abbásida vive un breve renacemento de autoridade no século XII, especialmente baixo An-Nasir, mais acabarán sendo oprimidos cara a metade do século XII a mans dos mongois de Hulagu Khan, que conquistaron e asolaron Bagdad despois do cerco á que a someteron entre o 29 de xaneiro e o 13 de febreiro de 1258. O último califa Al-Musta'sim foi condenado a morte.
Os cinco séculos da dinastía abbásida coinciden co período de maior esplendor da civilización árabe-musulmá en Iraq. A época estivo marcada nun primeiro momento polo asentamento no islamismo do elemento iraniano (especialmente no nivel cultural), e despois pola influencia do elemento turco (especialmente no plano militar). O predominio árabe foi atenuándose gradual e irremediabelmente ata case extinguirse por completo, a pesar de que a dinastía (que deu ao islam 37 califas) permanecese en mans árabes ata o definitivo golpe de graza dado polos mongois.
Unha rama abbásida, sobrevivente do exterminio mongol, implantouse en Alepo e despois no Cairo, onde é acollida entre mil luxos mais sen ningún poder efectivo no Exipto mameluco. Os otománs tomaron os símbolos do poder califal cando se apoderaron do sultanato mameluco, lexitimando así as súas reclamacións califais, declaradas extintas por Atatürk a finais do primeiro cuarto do século XX, aínda que o Imperio Otomán xa dera paso á República de Turquía.
Arte, ciencia e cultura
miniatura|250px|Un manuscrito da época Abbásida.
O período histórico dos abbásidas ata a caída de Bagdad en 1258, está considerada a Idade de Ouro Islámica. Coa ascensión dos abbásidas ao poder e o traslado da capital de Damasco a Bagdad, iníciase esta idade dourada da civilización islámica.
Os abbásidas estaban influenciados polos mandatos coránicos e do hadith, como o que salienta a importancia do coñecemento: a tinta dun escolar é moito máis sagrada co sangue dun mártir. Durante este período, o mundo musulmán transformouse nun centro intelectual para a ciencia, a filosofía, a medicina e a educación, grazas ao liderado abbásida na causa do coñecemento, froito do cal estableceron en Bagdad a Casa da Sabedoría, onde estudosos musulmáns e non musulmáns se aplicaban en compilar e traducir ao árabe todo o coñecemento da época. Moitos traballos clásicos da antigüidade, que doutro xeito se terían perdidos, foron traducidos ao árabe e ao persa e, máis adiante, ao turco, hebraico e latín. Durante este período o mundo musulmán foi un crisol de culturas que recompilaron, sintetizaron e acadaron significativos avances a partir do coñecemento das antigas civilizacións romana, chinesa, india, persa, exipcia, norteafricana, grega e bizantina.
Arte miniatura|200px|Minarete en espiral da Gran Mesquita de Samarra. Na época abbásida xurdiu a primeira arte islámica auténtica, profundamente distinta á dos omeias, que se limitaba a reciclar formas do helenismo oriental.
Na arquitectura introducíuse o iwan, unha enorme sala falta dun lado e con arco quebrado, que será entón chamado persa. Os monumentos abbásidas máis característicos foron as mesquitas e os palacios de Samarra, alzados grazas á técnica construtiva do ladrillo, cru ou cocido, e coa utilización abundante de estuco modelado que revestía as paredes interiores.