Felixberto Camacho Flores, nado o 13 de xaneiro de 1921 en Agaña (Guam) e finado o 25 de outubro de 1985 en San Francisco, foi un eclesiástico católico latino de Guam, bispo de Agaña (a partir de 1984 arcebispo) dende 1971 até o seu pasamento.

Traxectoria miniatura|260px|A catedral de Agaña, onde está enterrado o arcebispo. Felixberto Camacho Flores naceu en Agaña o 13 de xaneiro de 1921. Foi fillo de León Flores, un activista pola independencia de Filipinas que fora preso político en Guam, e de Ana Martínez Camacho. Comezou estudos de Enxeñaría no Ateneo de Manila, mais deixounos para ser sacerdote. O 30 de abril de 1949 foi ordenado sacerdote polo bispo de Agaña Apollinaris William Baumgartner.

O 5 de febreiro de 1970 Flores foi nomeado administrador apostólico de Agaña e bispo titular de Stagnum. Recibiu a consagración episcopal o 17 de maio de mans do delegado apostólico nos Estados Unidos Luigi Raimondi, e tivo como co-consagradores principais ao administrador apostólico de Naha Felix Ley e ao vigairo apostólico coadxutor das illas Carolinas e Marshall Martin Joseph Neylon.

O 24 de abril de 1971 foi nomeado bispo diocesano de Agaña, converténdose no primeiro bispo de etnia chamorro. Como bispo, acolleu ao papa Xoán Paulo II na súa visita a Guam en febreiro de 1981. O mesmo papa elevou a sé ao rango de arquidiocese, o 8 de marzo de 1984, e Flores foi nomeado arcebispo. Durante o seu pontificado participou activamente en varios debates sociais, como apoiando o «Non» no referendo sobre a legalización dos casinos de 1977 ou defendendo a postura provida sobre o aborto, causas para nas que involucrou á senadora Elizabeth Perez Arriola. Foi tamén o principal impulsor da causa de beatificación de Diego Luis de San Vitores, beatificado en Roma o 6 de outubro de 1985.

Durante o seu pontificado preocupouse da educación das nenas, e continuou o labor do seu predecesor impulsando a feminina Academia de Nosa Señora de Guam. Impulsou tamén un novo hospital, coa intención de que completara ao público Guam Memorial Hospital, mais aos dous anos foi vendido ao goberno. No eido político, involucrouse nas negociacións pola regularización do status das Marianas do Norte e da súa relación cos Estados Unidos de América, que finalizaron cando pasaron a ser un estado libre asociado.

Finou no cargo, o 25 de outubro de 1985 en San Francisco, dun paro cardíaco logo dunha operación a corazón aberto. Está enterrado na catedral do Doce Nome de María.

Distincións Unha rúa en Agaña leva o seu nome, Archbishop F.C. Flores Street.

Notas

Véxase tamén Bigliografía

Ligazóns externas

Categoría:Nados en 1921 Categoría:Nados en Guam Categoría:Arcebispos da Igrexa católica latina Categoría:Arcebispos católicos dos Estados Unidos de América Categoría:Bispos católicos do século XX Categoría:Finados en 1985