A Torre Iberdrola é o rañaceos máis alto da cidade de Bilbao, cunha altura de 165 metros. A construción do edificio comezou o 19 de marzo de 2007 e finalizou en 2011. O seu arquitecto é César Pelli e a inauguración oficial, presidida polo Rei Xoán Carlos I, foi o 21 de febreiro de 2012.
Características miniatura|esquerda|Acceso á torre. Este rañaceos é o substituto da Torre Foral, un proxecto de similares características, destinado a aglutinar nun mesmo edificio todas as oficinas que a Deputación Foral de Biscaia ten repartidas pola cidade, e que finalmente foi cancelado no ano 2003 debido ao seu alto custo.
O seu arquitecto, así como da frustrada Torre Foral, é o arxentino César Pelli, especializado en arquitectura vertical, e autor das Torres Petronas de Kuala Lumpur (452 metros) ou da Torre de Cristal de Madrid (249,5 metros), a segunda máis alta de España.
A torre ten 165 metros de altura repartidos en 41 plantas e 50.000 m², con forma de triángulo isósceles e cos lados lixeiramente curvos. Sitúase na parcela 204 do 'PERI' de Abandoibarra, no distrito de Abando, onde se encontran a maior parte dos edificios de oficinas da cidade.
A torre está dedicada enteiramente a oficinas, xa que dende o 17 de outubro de 2008 variou o conxunto de accionistas do edificio. Primeiramente coa compra por parte de Iberdrola do 50% que posuía a empresa construtora Promotora Vizcaína, conseguindo deste xeito o 100% do edificio, e posteriormente vendendo un 33% á caixa de aforros biscaíña BBK. Deste xeito queda totalmente cancelado o proxecto de instalar un hotel de 4 estrelas da cadea Abba nas seis primeiras plantas do rañaceos. O resto do proxecto proseguiu sen cambios, con dez plantas nas que se instala a propia Iberdrola, e nas que establece a súa sede central, e o resto comercializándose como oficinas en réxime de alugamento.
O edificio era a finais de 2009 o máis alto da cidade, superando á Torre Banco de Biscaia de 88 metros de altura, así como tamén da súa comunidade autónoma, superando á Torre BEC de 98 metros e situada en Barakaldo.
Un heliporto de 18 metros de diámetro, o primeiro situado nun edificio privado de Biscaia, remata o edificio máis alto de Euskadi, sendo utilizado unicamente para voos sanitarios ou de emerxencia.
Notas
Véxase tamén Lista de rañaceos en España
Ligazóns externas
Sitio oficial da Torre Iberdrola
Iberdrola Categoría:Bilbao