San Xulián de Loiba é unha parroquia do concello coruñés de Ortigueira, na comarca do Ortegal. Segundo o IGE en 2020 tiña 356 habitantes (174 homes e 182 mulleres) distribuídos en 12 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 609 habitantes.

Xeografía Loiba está situada no extremo oriental do concello de Ortigueira, entre o océano Atlántico e a vertente occidental da Serra da Faladoira. Os límites pola costa van dende a pena Penafurada até a desembocadura do río de Esteiro, que á súa vez é límite co concello de Mañón, polo oeste linda coa parroquia de Céltigos, e polo sur e leste coa ría de Esteiro até o regato de Pumar de Val, que a separa de novo de Mañón.

O río Esteiro atravesa a parroquia até a praia de Esteiro que a divide do veciño concello de Mañón. No seu termo hai outras praias salvaxes como O Picón e O Carro, ás que pola zona adoita chamárselles ribeiras, polo escarpado dos seus accesos.

Patrimonio A igrexa parroquial está ao pé da estrada que leva até o lugar do Picón dende a AC-682. É de construción moderna, de principios do século XX, e planta de cruz latina, e ao seu carón está o cemiterio parroquial. Existen ademais na parroquia dúas pequenas capelas adicadas a santo André, preto do antigo campo da feira a beira do río Esteiro, e á Virxe do Carme, no lugar de Soutomor.

Galería de imaxes

Lugares e parroquias Lugares de Loiba

Parroquias de Ortigueira

Notas

Véxase tamén Outros artigos Lugares de Ortigueira

Categoría:Parroquias de Ortigueira Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de san Xulián