Santa María de Mera de Arriba é unha parroquia do concello coruñés de Ortigueira, na comarca do Ortegal. Segundo o IGE en 2013 tiña 96 habitantes (48 mulleres e 48 homes) distribuídos en 19 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 161 habitantes.
Xeografía Mera de Arriba ocupa a conca superior do Río Mera que percorre de norte a sur esta parroquia e os vales dos seus afluentes: o rego da Igrexa, o Zapateiro, e o da Fervenza, que veñen desembocar en Ponte Noval. Linda polo norte coa parroquia de Mera de Abaixo, polo leste coa parroquia de San Claudio, polo sueste coa parroquia do Ermo, e polo oeste cos concello de Cerdido e de Cedeira. A estrada AC-862 pasa polo alto do Pousadoiro na parte oeste da parroquia e dende aquí parte unha estrada local que pasando por Ponte Noval chega ao lugar de Veluz. Tamén atravesa a parroquia a vía de FEVE, que dispón dun apeadoiro.
Patrimonio A igrexa parroquial na honra de Santa María está no lugar da Reitoral e ten planta de cruz latina, á súa beira queda o cemiterio parroquial.
No lugar da Ponte Noval hai unha ponte sobre o río Mera, pola que pasaba o camiño real en dirección a Ferrol. Segundo conta Anxel Rosende na súa Guía de Ortigueira, era a principal vía de paso até a construción da estrada actual por Ponte Mera, xa que era o único vao sobre o dito río. Nela houbo enfrontamentos con destacamentos franceses durante a Guerra da Independencia Española.
Neste lugar hai unha escola de indianos, hoxe convertido en centro social parroquial.
Galería de imaxes
Lugares e parroquias Lugares de Mera de Arriba
Parroquias de Ortigueira
Notas
Véxase tamén Outros artigos Lugares de Ortigueira
Categoría:Parroquias de Ortigueira Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de santa María