Santiago de Castelo é unha parroquia localizada no sueste do concello de Culleredo, marcadamente rural. Segundo o IGE en 2016 tiña 280 habitantes (143 mulleres e 137 homes) distribuídos en 6 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 329 habitantes.

Situación Castelo sitúase ao carón do Monte Xalo (sendo a entrada a este cumio pola súa vertente de Culleredo) e do núcleo urbano do concello de Carral; ademais de lindar coa parroquia cullerdense de Celas de Peiro e tamén coa parroquia carralesa de Tabeaio.

Economía As actividades económicas principais da parroquia son a agricultura e a gandería de autoabastecemento, minoritariamente representativas entre a poboación, traballando a meirande parte dos seus veciños fóra do lugar.

Patrimonio Igrexa de Santiago de Castelo, reproduce a tipoloxía das igrexas rurais erixidas durante os séculos XVII e XVIII. Capela de San Ramón, erguida no lugar onde existiu unha dedicada á Virxe do Vao.

Festas Castelo vén celebrando dúas festas patronais anuais, reunindo varias das características das festas patronais galegas: dianas e alboradas, misas solemnes, verbenas etc. Festas de Santiago Apóstolo: varios días de festexos en torno ao 25 de xullo, festividade de Santiago Apóstolo. Festas de San Ramón: nos últimos anos celébranse o último venres, sábado e domingo do mes de agosto; sendo o venres o día grande dos festexos, onde destaca a celebración dunha gran churrascada popular.

Lugares e parroquias Lugares de Castelo

Parroquias de Culleredo

Notas

Véxase tamén Outros artigos Lugares de Culleredo

Ligazóns externas FestasCastelo.com: web sobre as festas patronais de Castelo. CasteloDeporte.org: web da Asociación Castelo Deporte, entidade xuvenil sen ánimo de lucro con sede en Castelo que fomenta o deporte e a cultura rural entre a mocidade.

Categoría:Parroquias de Culleredo Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de Santiago o Maior