Santaia de Curtis, tamén coñecida coma Santa Eulalia de Curtis, é unha parroquia que se localiza no centro do concello de Curtis. Cunha extensión de 31,6 km², tiña segundo o INE do ano 2023 unha poboación de 1.936 habitantes (983 homes e 953 mulleres) distribuída en 61 entidades de poboación, o que supón un aumento en relación ao ano 1999 cando tiña 1.793 habitantes.
A parroquia dá nome ao concello. Está dividida en dous distritos: Santaia e Teixeiro. Dos 61 núcleos de poboación, 40 son do distrito de Santaia e 21 do distrito de Teixeiro. A capital municipal áchase na vila de Teixeiro.
Curtis forma parte da Reserva da Biosfera das Mariñas e Terras do Mandeo. Varias rutas do Camiño de Santiago pasaban antigamente pola parroquia. Unha variante do Camiño do Norte está sinalizada desde o ano 2010.
Eclesiasticamente denomínase Santa Baia de Curtis e pertence ao arciprestado de Sobrado, igual cás demais parroquias do concello.
miniatura|Curtis no Catastro de Ensenada (1752). miniatura|Curtis no Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar de Pascual Madoz (1847).
Toponimia O topónimo «Curtis» proviría, con seguranza, de cohortis, isto é, da lexión que había no campamento romano da Ciadella, na contigua parroquia da Ciadella. De feito, antigamente facíase referencia á Ciadella coma Cidadelie de Curtis.Tombo de Sobrado, folios 56r-58r (c. 995), en Ademais, existe outra parroquia con igual topónimo e tamén contigua á Ciadella: San Vicenzo de Curtis.
Outra teoría máis improbábel é que procedese do oficio de curtidor de peles, presente antigamente por todo o territorio de Curtis. Aínda outra hipótese máis minoritaria faríao proceder das formas curs e curtis do latín serodio, que significan ‘terreo cercado, curral para o gado e instrumentos de labranza’., María del Pilar (1994) apud Citado en
Alén disto, o topónimo ten como xentilicio «», termo de creación cultista mediante o sufixo -ense en tempos relativamente recentes. É aplicado tamén para se referir a todo o concello.
Xeografía A parroquia de Curtis ten unha superficie de 31,6 km² pola que se espallan 61 núcleos de poboación, dos cales 40 pertencen ao distrito de Santaia e 21 ao de Teixeiro.
A súa superficie supera amplamente a media das parroquias de Galiza, que é de 7,78 km², achándose entre o 5,2 % das parroquias que teñen máis de 20 km². Igualmente ocorre co seu número de entidades de poboación, o cal é moi superior á media galega de 9 lugares por parroquia. De feito, só un 0,63 % posúen máis de 40 lugares.
Situación Está situada no interior de Galiza, ao oeste da serra da Cova da Serpe. Localízase no centro do concello de Curtis, estendéndose do sur ao nor-nordeste do municipio; no centro-norte do arciprestado de Sobrado e no extremo sur da comarca de Betanzos, na zona da montaña ou chairas altas da bisbarra.
Limita ao sur coa parroquia da Ciadella (do concello de Sobrado) e ao suroeste nun pequeno tramo coa de San Vicenzo de Curtis (do concello de Vilasantar), converxendo as tres no monte Enxameado. Ademais, confina ao leste coa de Foxado, ao oeste coa de Fisteus e ao norte coa de Vilarraso (do concello de Aranga).
O seu territorio está delimitado nunha gran parte pola rede hidrográfica. Polo leste e nordeste é delimitada polo Mandeo, mentres desde o norte até o oés-noroeste polo Deo e o Carballido. Tamén polo sur-suroeste fai de límite natural o Cabalar.
center|275px|As tres parroquias de Curtis: Santaia de Curtis, A Ciadella (antiga Ciadella de Curtis) e San Vicenzo de Curtis. Noroeste: Fisteus Norte: Vilarraso (Aranga) Nordeste: Foxado Oeste: Fisteus 100px|alt=Rosa dos Ventos|ligazón= Leste: Foxado Suroeste: San Vicenzo de Curtis (Vilasantar) e A Ciadella (Sobrado) Sur: A Ciadella (Sobrado) Sueste: Foxado
miniatura|O alto do Enxameado.
Orografía Aséntase nas chairas ou penechairas que se forman a partir dos contrafortes occidentais da serra da Cova da Serpe, polo que o seu relevo é principalmente chan e moi uniforme, aínda que consta tamén dalgúns outeiros. Áchase a unha altitude media duns 500 metros sobre o nivel do mar.
O punto máis elevado é o cumio do monte Enxameado, o cal ten 602 metros de altitude e posúe un vértice xeodésico construído en 1981 enriba dun gran penedo.
Figuras de protección miniatura|Actuación destinada á recuperación da contorna do río Deo realizada nunha braña en 2018.
A totalidade da parroquia está incluída na reserva da biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, cuxa candidatura foi aprobada pola UNESCO o 28 de maio de 2013. O concello de Curtis incorporouse á candidatura no inicio de 2012, após a súa solicitude de ingreso en novembro de 2011. A reserva ten como principal obxectivo «asegurar a recuperación, conservación e protección dos valores ambientais e culturais do territorio, así como fomentar o aproveitamento sostíbel dos recursos naturais».
Por outra banda, as brañas do Deo, consideradas de alto interese ambiental e ecolóxico, foron incluídas como lugar de importancia comunitaria (LIC) en 2011 na proposta de ampliación da rede Natura 2000 de Galiza. Este espazo natural de 3385,2 ha, situado entre os concellos de Aranga, Curtis e Oza Cesuras e asentado nunha penechaira con numerosos regatos afluentes do Deo, é un dos sistemas higroturfófilos interiores máis importantes de Galiza. Consta de diferentes tipos de hábitats higrótilos e turfófilos, ademais de especies de interese para a conservación como o esfagno (Sphagnum pylaesii) e a salamántiga galega (Chioglossa lusitanica). Na parroquia de Curtis abrangue o sector norte que vai aproximadamente desde as estradas AC-231 e DP-0302 até o Deo. Malia a creación deste LIC suplir a carencia galega de queirogais húmidos e turbeiras altas detectada pola Comisión Europea, o conselleiro de Medio Ambiente anunciou en 2014 que non se ampliaría a Rede Natura nun «curto prazo».
Historia As actuais terras da parroquia de Curtis foron poboadas desde a prehistoria, como testemuñan os seus abondosos restos arqueolóxicos. Os vestixios de poboación máis antigos, unhas pezas líticas talladas, acháronse no xacemento paleolítico de Maques de Abaixo.
Na antigüidade, as terras de Curtis ―xunto coas da Ciadella e de San Vicenzo de Curtis― formarían parte do Territorium Cohortis, isto é, o territorio xestionado directamente pola Cohors I Celtiberorum asentada no campamento romano da Ciadella. Ademais, segundo algúns autores discorrería por elas a controvertida calzada romana de carácter militar do Itinerario de Antonino: a vía XX, tamén chamada per loca maritima. Procedente da Illana (Fisteus), pasaría por Santaia en dirección ás Cruces (Sobrado) polo monte da Corda. A configuración desta terra ou territorio de Curtis perduraría na Alta Idade Media. Neste último período histórico, na época do reino suevo de Galiza, tivo lugar no monte do Gato, próximo ao espazo curtense, a construción da torre de Teodomiro. Estaba situada fronte ao camiño que ligaba Betanzos con Curtis e Sobrado; polo tanto, nun contexto viario estratéxico.
Idade Media 160px|miniatura|left|Estatua de Pedro de Mezonzo en Santaia. 125px|miniatura|Igrexa de Santaia de Curtis. No ano 910, escapando da peste, a familia dos Placencios chegou ao que hoxe chamamos Santaia de Curtis e estabeleceuse mediante o sistema de presura. Primeiro comezaron pola vivenda familiar que máis tarde evolucionará a mosteiro. Continuaron co templo, unha ermida pequena que dedicaron a Santa Eulalia. Nesta familia naceu no ano 930 Pedro de Mezonzo no lugar de Chacente.
A parroquia sofreu a chegada dos normandos na súa segunda incursión en Galiza (968-970). Após se internaren pola ría de Arousa e chegaren a Compostela, probabelmente foron até As Cruces polo camiño que se dirixía cara á costa norte, para unha vez alí proseguiren pola vía XX até Santaia. Comandados polo caudillo Gunrod chegaron a destruír a igrexa-mosteiro:
O mosteiro e a igrexa foron reconstruídos por Pedro de Mezonzo, quen os inaugurou no ano 995 doándolles numerosos bens, entre outros, as ermidas de Teixeiro, Gorxá, A Ciadella e outra próxima ao castelo de Aranga (Sancto Uincentio de Naimaia). Co paso do tempo, o mosteiro foi pasando por varias familias e perdendo as súas pertenzas após diferentes conflitos e vendas ao mosteiro de Sobrado. Malia todo, deu evitado a súa integración no cenobio sobradés. Mantívose activo até os anos 1168-1180.
En 1237 os templarios fixéronse coa cuarta parte da igrexa tras un pacto co abade do mosteiro de Sobrado. O máis seguro é que non fose a única propiedade da Orde do Temple na parroquia. Confirmou o pacto, entre outros, o freire Petrus de Curtis, o cal aparece tamén noutras transaccións da Orde (en Aranga e Santiago de Ois).
O nacemento da igrexa de Santaia produciuse nunha altura en que os novos templos xa se facían cargo da organización territorial relixiosa de cadansúa comunidade. Así, co tempo, a igrexa foise transformando en parroquia. Pola súa vez, o estabelecemento dos Placencios por presura fixo que nacese o couto de Santaia. Posteriormente, entre os anos 1155 e 1192, realizáronse unha serie de doazóns ao mosteiro de Sobrado que darían orixe ao couto do Rincón, con cabeza en Teixeiro. Por conseguinte, a parroquia de Curtis estaba formada polo couto de Curtis ―tamén chamado couto de Santaia― e polo do Rincón.
Cómpre salientar que Teixeiro ―e o seu couto do Rincón― desde antigo funcionou coma «case parroquia», pois tiña igrexa, padroeiro e cemiterio. Deste xeito, será mencionado coma parroquia nalgunhas publicacións e así aparecerá tamén na Carta Xeométrica de Galiza de Domingo Fontán, quer na minuta manuscrita de 1834,, Domingo (facsímile de 1974) . Carta geométrica de Galicia (Mapa). Folla 7. quer na edición gravada de 1845., Domingo (1845). Carta geométrica de Galicia (Mapa). Folla 5.
Antigo Réxime Malia conformaren sempre unha única parroquia, durante todo o Antigo Réxime cada couto pertenceu a unha provincia diferente. Deste xeito, mentres o couto de Curtis pertencía á provincia de Santiago, o do Rincón pertencía á de Betanzos. Alén disto, o couto de Curtis constituía xurisdición de seu, mentres o do Rincón formaba parte da xurisdición de Sobrado.
O couto do Rincón tiña un cárcere que estaba situado no Penedo de Teixeiro, de xeito que durante os séculos XVI, XVII e XVIII o lugar era coñecido coma o Penedo do Cárcere.
En 1798, o destacado ilustrado Pedro Antonio Sánchez Vaamonde, nado na parroquia, creou unha escola de primeiras letras, para o cal doou un edificio e unha dotación económica de 50.000 reais.
No contexto da guerra contra o francés produciuse na Península Ibérica o fenómeno da guerra de guerrillas, no cal un certo número de combatentes realizaban constantes accións armadas contra a Grande Armée de Napoleón. Estes guerrilleiros foron denominados coma o «Corso Terrestre», xa que mataban e saqueaban integrantes das tropas francesas. As terras de Curtis non foron alleas a este fenómeno, que se estendeu por toda Galiza trala chegada dos franceses en xaneiro de 1809. Así, malia a pouca información existente, sábese que en xuño un labrego matou na Espiñeira dous soldados franceses procedentes do campamento que o exército napoleónico tiña en Montesalgueiro, parroquia de Muniferral, e que «tivo a caridade de os enterrar no curral da súa casa».
Coa aprobación da Constitución de Cádiz, o Antigo Réxime foi abolido durante o período entre 1812 e 1814, momento no cal Curtis constituíu concello de seu ao se conformaren os primeiros concellos constitucionais. Este concello de Curtis volveu estar vixente no trienio liberal, de 1820 a 1823, cando os concellos foron restabelecidos. Igual ca Fisteus, que tamén conformou concello propio, estaba adscrito ao partido xudicial de Melide.
Idade Contemporánea