Mars Climate Orbiter, tamén coñecida polo seu acrónimo MCO, foi unha sonda espacial da NASA lanzada o 11 de decembro de 1998 mediante un foguete Delta 7425 desde o centro espacial de Cabo Cañaveral para estudar Marte. Ao chegar ao planeta perdeuse o contacto coa sonda.
Características Mars Climate Orbiter foi parte do proxecto Mars Surveyor '98, que consistía nun orbitador (Mars Surveyor '98 Orbiter, o propio Mars Climate Orbiter) e nun aterrizador (Mars Surveyor '98 Lander, logo coñecida como Mars Polar Lander). O proxecto pretendía estudar a meteoroloxía marciana e o ciclo da auga e do dióxido de carbono en Marte. O seu prezo aproximouse ós 125 millóns de dólares.
A estrutura principal tiña forma de caixa de 2,1 m x 1,6 m x 2,0 m albergando os equipos electrónicos e de propulsión. A masa na engalaxe da sonda era de 629 kg, dos cales 291 kg eran de propelente. A alimentación eléctrica era proporcionada por un panel solar de 11 m² de superficie e 5,5 m de longo. As comunicacións principais tiñan lugar grazas á antena de alta ganancia, formada por unha parabólica de 1,3 m de diámetro, ademais de por antenas para UHF coas que comunicarse coa Mars Polar Lander. O sistema de propulsión tiña un motor bipropelente de 640 N de impulso.
Desenvolvemento da misión O Mars Climate Orbiter lanzouse o 11 de decembro de 1998 ás 18:45:41 UTC mediante un Delta 7425 desde Cabo Cañaveral. A sonda voou ata Marte sen alteración ningunha, pero o 23 de decembro de 1999, no descenso ao planeta, un erro de navegación que se orixinou por empregaren os aparellos subministrados pola empresa Lockheed Martin unidades de medida tradicionais dos Estados Unidos mentres que era o Sistema Internacional de Unidades o que utilizaba o software da NASA o que fixo que o achegamento ao planeta se fixera a unha altitude demasiado baixa, co que en lugar dunha aproximación a entre 140 e 150 km da superficie do planeta, MCO pasou a 57 km da superficie, destruíndose pola fricción coa atmosfera marciana. Porén, non está claro que o resultado final fora outro, como o afastamento do planeta ó achegarse tanto ó mesmo.
Notas
Véxase tamén
Categoría:Satélites artificiais Categoría:Misións a Marte